crítica de UN ANARQUISTA, de Diego Ameixeiras, en Xerais

Título: Un anarquista

Autor: Diego Ameixeiras

Editorial: Xerais

Sempre tiven o movemento anarquista ou ácrata como unhas das doutrinas políticas mais difíciles de manter no tempo. Non significan exactamente o mesmo. O anarquista é un movemento político que acolle militantes, adoita usarse como substantivo. Pola contra, ácrata adoita usarse como adxectivo e referirse a unha actitude individual. Mais os dous comparten o ideal dunha sociedade que non estea controlada por ningún poder (político, xudicial, económico etc.) para así desenvolverse libremente. É importante esta primeira aclaración, porque ambos movementos significaron un tempo de esperanza, mais tamén de confusión. Sobre todo se situamos o enredo na segunda metade dos anos 70 do pasado século como se fai nesta novela de Diego Ameixeiras. Sobre todo se temos en conta os frecuentes enfrontamentos entre ortodoxos e heterodoxos.

Aínda hai máis “sobretodos”.  Sigan lendo até o remate.

Así se recoñece na páxina 52 : “ Os ácratas, por desgraza, malgastastes moito tempo en pelexar entre vós, ortodoxos contra  heterodoxos, colaboracionistas contra anticolaboracionistas, políticos contra apolíticos; fixéronvos un dano tremendo as confrontacións internas e a falla de  luces longas en momentos decisivos”. Mais volvamos ao miolo do enredo. Aí atopamos un protagonista central, se tal cousa se pode dicir nunha novela social como esta. Trátase de Miguel Duarte, mozo que acaba de chegar a Barcelona e atopa traballo nun bar das Ramblas, cuxo patrón está obsesionado cos filmes western. Miguel Duarte é un mozo introvertido que, no Scala, nome do bar, vai entrar en coñecemento coa ideoloxía anarquista. E tamén con Montse, unha atraente moza que o levará a xuntarse con xente anarquista e a desfrutar dos praceres da vida, incluíndo os máis prohibidos. Deste xeito, Duarte irase comprometendo cada vez máis no movemento anarquista. Nunca exerce de líder, para iso xa están os veteranos, con múltiples cicatrices debido ao seu paso pola cadea, cousa que entre os anarquistas infunde un selo de superioridade que todo o mundo respecta e admira.

Tamén é certo que se verá inmerso nunha espiral labiríntica da que non quere zafar mais na que tampouco é capaz de controlar. Todo este enredo irase solucionando na terceira parte, na parte final da novela, contada en primeira persoa, xa cando dispón dunha perspectiva temporal que os propios feitos lle irán deixando a Duarte.

Mais imos agora co plano formal de Un anarquista. O enredo preséntase contado dunha maneira moi traballada, apostando por un discurso contínuo, que cando é necesario se tranforma en estilo directo libre, por sinal cando se necesita para dar conta dos pensamentos ou palabras dunha personaxe. De tal xeito lógrase relatar con moita axilidade. Porén, quen lea debe ter en conta que o narrador está demandando unha lectura que non sexa pausada en moitas ocasións, cantas menos mellor, sendo ideal a lectura nunha única sesión, ou dúas: primeiro os dous capítulos iniciais e despois o final.

Se observaron, nunca dubidei ao utilizar a categoría de novela para referirme a esta entrega de Diego Ameixeiras, aínda que só ten 110 páxinas. Nin sequera falei de “novela curta”, que lle correspondería pola súa dimensión. Porén este non é o único criterio á hora de adscribir un xénero. Tamén hai que considerar se se relata o que lle sucede a unha personaxe ou ben se dá conta dun conxunto de feitos, que é o que aquí acontece. Quizá ese conxunto de feitos puidera levar a quer o formato fose bastante máis longo. Porén, para presentalo como se presenta, xa dixemos que só se pode conseguir cun intenso e logrado traballo narrativo. Asemade, iso leva a que quen le se sinta no medio e medio desa espiral vertixinosa en que se atopan as personaxes.

É, pois, unha novela a ler con moita atención.

Unha novela realista na que non se renuncia á fabulación. Como se di na páxina 105: “(…)  a fabulación honesta dun escritor, con todas as súas limitacións, pode construír relatos máis verídicos ca os defendidos pola historia oficial”; o cal debe ser entendido no contexto actual onde se enfrontan a fabulación e o realismo máis radical. Persoalmente concordo plenamente coa opinión de Diego Ameixeiras nesta pasaxe onde a voz autorial se confunde coa narrativa.

Fará ben en lela que teña poucos coñecementos do movemento anarquista, ou quen estea moi versado no tema. Pois finalmente tamén é unha novela onde as cloacas do estado democrático, que seica é España, se afanan na destrución de todo pensamento que poña en dúbida o “discurso oficial” establecido na Transición.

Que lles preste.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré Val (Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido