crítica de O MILITANTE, de Afonso Eiré

O VALOR DA MILITANCIA

Título: O militante

Autor: Afonso Eiré

Editorial: Hércules de Ediciones.

Póñome a escribir esta crónica libresca xusto no día en que se lle dará terra ao fundador do vigués Mesón O Recanto, o Pexerto. Persoa de moita estimanza para o autor e espazo físico no que se desenvolve parte do enredo da novela. Se a el xuntamos o Mesón do Mariñeiro (dos fillos), esta porcentaxe aumenta considerabelmente. En realidade o enredo é fondamente realista (Afonso nunca escribe de cousas das que non teña experiencia propia ou fontes de primeira man), desde que sabemos que a cidade da Oliva (no texto) se corresponde con Vigo, non será tampouco difícil saber a quen remiten os nomes trocados de moitos protagonistas.

Si trátase dunha novela que reivindica un realismo pleno e non o realismo coxo que vimos padecendo desde hai décadas. Por que realismo coxo? Porque se ocupa de aspectos individuais nos cales nunca ou case nunca transcende a conflitividade social. Nisto, Afonso Eiré sempre foi un autor valente, ousado, sen facer distingos entre a autoridade política ou relixiosa. Sabémolo ben desde o inesquecíbel Amigos sempre, e desde a súa traxectoria como xornalista e director de A Nosa Terra.

Con relativa frecuencia as palabras “militante” e “militancia” son vistas pola sociedade con certo desprezo ou precaución. Como se ser militante te convertera nunha especie de robot sen pensamento propio. Ben, aquí hai que dicir que existen militantes de todas as forzas políticas. E que a militancia non é exclusiva da política, existe en moitísimas manifestacións da vida, desde os deportes até a lectura, pois tamén existe a literatura militante nunha lingua, nun xénero ou nalgunha autoría.

O protagonista central chámase Martiño, e é un ex-sindicalista e político que vive apartado xa desas tarefas. Mais un día resulta elixido presidente da comunidade de veciños (na novela: propietarios) do edificio en que vive. Acepta e entón, mentres atende as queixas veciñais regrésalle ás mentes boa parte do pasado en que fora militante. Digamos que a novela ten dous eixos temporais, o  pasado rememorado e o presente, presente no cal a actividade como mediador ou solucionador dos problemas da veciñanza o van levando a considerar a súa volta á militancia.

Dentro destes dous planos temporais, o do pasado presenta moito interese, pois trata temas  de moi fonda repercusión social, desde a fusión das caixas de aforros ao desmantelamento do sector naval, a regalización de Unión Penosa, o conflito de Amio transládase a outro lugar, ou cacicada do partido AP a causa das adxudicacións eólicas, por sinal. É de agradecer esta valentía que deica agora ninguén tivera, aínda que nos gustaría que foran tratados estes temas con máis demora e amplitude. Porén, algo é mellor ca nada, sendo dos puntos álxidos (climáticos) no desenvolvemento do enredo. Mais, dito isto, cómpre sinalar que a novela non perde interese cando se trata de solucionar a problemática veciñal, primeiro porque sempre ten unha orixe social (ou derivada da política, como todo) e en segundo lugar (e non menos importante) porque Martiño pon en práctica unha habilidade (ás veces mesmo xenerosidade) que é de admirar.

Mais no plano do presente, as cousas non quedan aí, no edificio onde vive o noso protagonista, pois, como se verá, non deixa de ser unha parte da problemática do barrio. Problemática para a cal buscarán solucións imaxinativas, pois as autoridades desatenden as súas reclamacións. Nun exemplo práctico de como o compromiso social e político é imprescindíbel non só para que non se creen espazos degradados (sempre polo medio os intereses capitalistas) senón para concienciar á xente de como loitar contra a degradación.

Para o remate deixamos o xogo nominal, non lle será difícil a quen le imaxinar a quen corresponde a nomeada de Caín do Carballo e outras personaxes como Alfonso Zara, o sindicato Inter, o partido político PGN, Manolo Vilalba, Gonzalo Lonxe, Xosé Barreiras, Alfredo Tres Ríos etc…

Toda da novela está percorrida polo mar, pois coa mención do mar comeza e remata cada capítulo, polo positivo que ten e tamén polo negativo que achega. E tampouco podemos deixar de sinalar algún calco semántico (consultar coa almofada) ou o uso hiperrealista da onomástica (señor Benito)

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content