XOGO DE IDENTIDADES

Título: Groenlandia

Autor: Fran Fernández Davila

Editorial: Galaxia

Antes de entrarmos no libro, diremos que se trata do Premio Repsol de Narrativa Breve 2023. Dito premio sempre foi para min un misterio. Na convocatoria dise que “as novelas terán unha extensión non inferior a 50 folios nin superior a 120”, “mecanografadas a dobre espazo, a razón de entre 28 e 32 liñas, de 60 a 70 caracteres por liña como termo medio  no conxunto da novela presentada”. Os salientados son mes. Visto o visto o nome do premio debería ser de Novela Breve,  pois parece que non atenden outros xéneros da brevidade. A sorpresa vén cando encetas a lectura e te decatas de que a novela ten 274 páxinas. Pódese converter un orixinal de 120 páxinas nunha novela de 274? A presentación editorial obra milagres, xa o sabemos, mais chegan a tanto? E non o dicimos só pola novela de Fran Fernández Davila, que tomamos como exemplo, senón por calquera outra das premiadas. Fica claro que as bases da convocatoria deberían ser actualizadas ao que de verdade queren: novelas breves, e unha novela breve anda arredor das 150 páxinas, con frecuencia menos.

Agora, xa centrándonos na novela vencedora do ano pasado, digamos que a partir do título (Groenlandia) non se pode intuír cal vai ser a temática do enredo, nin sequera a xeografía en que se desenvolve. Porén si se axusta ben á forma de contalo. Groenlandia aparece no enredo novelesco como un lugar ao que se lle pode percorrer o perímetro sen atopar presenza humana, un lugar insólito. Pola contra, aquí a xeografia que aparece é das illas Azores, en realidade parte delas, sobre todo a illa de Flores, pois deica ela é levado un mariñeiro galego que sobreviviu a un naufraxio e non lembra nada. Un aspecto que si cumpre das novelas curtas, é non contar con moitas personaxes. Son poucas, mais a medida que quen le vai entrando na novela tamén se vai ir preguntando pola verdadeira identidade humana das personaxes. Coma se foramos contorneando Groenlandia na procura da humanidade.

Este xogo de identidades é do mellor da novela, está ben levado de cara a crear e manter o suspense en quen le. Asemade, a brevidade dos capítulos contribúe para unha lectura áxil. Mais é de notar que aínda sendo poucas personaxes, si se indaga na identidade de cada unha, en diferente proporción. Por sinal, non se necesita tanta esculca en personaxes como os policiais, son o resto de habitantes da illa os que si interesan. Non se trata tanto de procurar a propia identidade (no caso do mariñeiro moi explicábel) como de coñecer a identidade dos demais, o cal é foco de conflito e pode alterar definitivamente o status entre as personaxes.

Ademais o discurso está trufado por outros tipos de enredo, como o amoroso, a novela de viaxes, o policial e detectivesco, a denuncia social do contrabando, e a novela de aventuras que engloba todos os anteriores enredos, que non se suceden uns a outros senón que camiñan amalgamados con moita habilidade. Precisamente nese entretecido radica unha das características máis salientábeis desta novela.

O que si botamos de menos é a excesiva uniformización lingüistica. Como mínimo, as personaxes das Azores sería moi aconsellábel que a súa lingua reflectise a súa orixe, aínda que este diferencialismo só se dese de cando en vez e a nivel léxico. Da mesma maneira que a personaxe do alemán tamén debería contar cun idiolecto moi particular. Deste xeito, a configuración das personaxes gañaría moito.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content