crítica de A NOITE DO OSO, de Abel Tomé

EN CAIM

Título: A noite do oso

Autor. Abel Tomé

Editorial: Galaxia

Existe dentro da narrativa galega unha corrente que mestura realidade e fantasía. Nomes como Cunquiero ou Ánxel Fole son clásicos, mais a cousa non para aí. Permítanme unha longa paréntese deica chegar a A noite do oso, novela coa que Abel Tomé se fixo co García Barros deste 2024, onde fusiona realismo e fantasía (lenda). Esa mestura, en realidade é unha intromisión do eido fantástico na vida real de Alexandra, unha xornalista que volve a Galataz, concretamente a Caim, para asistir ao funeral do seu avó. Ela, que viaxa desde a capital, axiña comprobará que aquí as cousas son doutra maneira e irase introducindo nun mundo onde as vellas lendas do lugar sonlle moi difíciles de xebrar da realidade, de xeito que ambas e dúas non se poden explicar unha sen a outra. Desde este punto de vista tamén ten o seu de novela de iniciación.

Debemos aclarar que a Alexandra está deixando atrás unha relación conflitiva na cal ela é a vítima. E mantén unha admiración especial por Silvya Plath, a poeta estadounidense que morreu suicidándose ao meter a cabeza no forno da cociña e abrir o gas. Non son poucas as ocasións en que Alexandra invoque a Silvya. E tamén isto axuda a entender que os títulos dos capítulos son versos do poemario Ariel, o seu segundo libro de poemas, poemas dramáticos, desacougantes, que marcan un camiño cara á loucura. Todo un universo simbólico que reclama a atención e reflexión de quen le, antes de poñerse co capítulo correspondente, pois os versos de Silvya Plath están inseridos no texto con moita naturalidade e pertinencia. Esta non é unha práctica nova, quen siga a narrativa de Abel Tomé ben que o saberá.

Aínda que pouco levamos escrito, co dito xa é suficiente para deducir que estamos diante dunha novela moi traballada. Hai quen pensa que escribir unha novela é unha cousa simple: abonda con contar unha historia e pouco máis. Hai. Inclusive entre as autorías novas, asegúrollelo. Porén non é tan sinxelo, é necesario establecer unha estrutura que se adapte ben ao enredo que se quere contar, e que proporcione un grao de interese alto xa de inicio mais que se vaia incrementando capítulo a capítulo. Por un sinal. E isto é algo que Abel Tomé exemplifica moi ben na súa novela.

Boa parte do éxito débese a un manexo moi estudado da lenda, unha lenda creada a propósito para este enredo, como é habitual na narrativa de Abel Tomé.. O cal significa que, quen le, ao non poder identificala, vai asistir á súa revelación ao mesmo tempo que a protagonista. De tal maneira que se establece unha complicidade entre quen le, e Alexandra, a protagonista central. Evidentemente é moi importante a identidade do oso, o avó. Aínda así, tanta importancia tamén a ten, ou se cadra máis, o feito de contrastar dou tipos de ida moi diferentes. Non é necesario expoñer o modus vivendi nunha cidade grande, dáse por suposto que quen le xa o sabe ou imaxina ben, o importante é ir sabendo do de Caim, no norte do norte de Galataz. Galataz, deixamos atrás o Gothard de A noite do corvo Outra vez por sinal digamos que Alexandra non chega a entender ben  a razón de que a avoa rezurza os calcetíns e queira conservar a roupa do finado avó.

Xa falamos da complicidade entre quen le e Alexandra, no que ten que ver cocñecemento dese mundo novo para ela. Mais iso non é todo, ou non é a única complicidade. Pois hai outra que ten que ver co propio mundo de Caim e o feito de que quen le sexa capaz de identificalo, total  ou parcialmente, cousa que vai depender da idade e lecturas  de quen ten o texto entre as mans. O enredo sitúase temporalmente no ano 1984, hai máis de vinte anos. E conta cunhas personaxes moi ben configuradas xa de inicio, cando axudan a Alexandra a cambiar unha roda picada

O efecto de xuntar realismo e lenda ten como froito o achegar unha distopía que está en contínuo contraste co imaxinario realista. Mantelo é unha maneira máis de que o interese lector non decaia.

Segundo me confesou o propio autor no acto de entrega do García Barros 2024, esta novela pon fin a unha triloxía. Nunca sabemos o que pasará. Mais estaremos ben atentos á próxima entrega dun autor xa ben consolidado.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content