crítica de O XOGO DE ESCHER, de Manuel Esteban

O XOGO OU A VIDA

Título: O xogo de Escher

Autor: Manuel Esteban

Editorial: Xerais

Esta novela de Manuel Esteban non chega ás 100 páxinas. Porén non cabe dúbida de que é unha novela e non unha novela breve. O criterio da extensión que se adoita empregar pode levar a confusións como esta. O tema, a vida é un xogo ou o xogo é a vida, conta con suficientes ramificacións como para así considerala. E tamén o número de personaxes aconsella isto. Quero dicirlles que, aínda lle vexan ao libro pouco corpo, non vaian pensar que é un libriño para usar/ler nun momento e xa está. Non, o tratamento do tema é como para ficar matinando nel ben tempo. Evidentemente non se pode negar o ascendente de La vida es sueño (Calderón de la Barca), pois o conflito entre o real e o imaxinario é moi semellante. Porén, o tempo foi pasando e hoxe ten sentido pleno unha formulación como a que nos presenta Manuel Esteban. Hoxe, nos días da Intelixencia Artificial.

Este é o IX Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de RIbeira

Digamos agora algo de quen foi Escher. M.C. Escher (1989-1972) foi un artista plástico, non moi coñecido  mais importante no devir das artes plásticas, un xenio aínda non totalmente comprendido. Entre as súas temáticas preferidas está os mundos imaxinarios, figuras imposíbeis e as ilusións ópticas. De aí que o nome lle veña que nin pintado á novela de que estamo a tratar.

O xogo de Escher conta cunha estrutura aparentemente simple, mais finalmente ben complexa. Existe un Cubo ao que poden conectarse as persoas (non é de balde) para vivir outros mundos imaxinarios mais que ao xogador se lle presentan como reais. Despois de conectado, o xogador necesita un tempo de readaptación á realidade, Na novela, despois de cada partida ( O nome ten dous significados: partida porque marcha a outra realidade, e partida como sinónimo de xogo), como se nomean os capítulos, vén o consecuente “recordar”. (Agás na sétima partida, que non a hai, mais si o “recordar”). Aquí, nos “recordares” é onde se empeza a poñer en xuízo que é o real e que é o imaxinario, no que se irá afondado capítulo a capítulo, sobre todo despois da aparición de Samar, un fenómeno raro de pervivencia no xogo que propón o Cubo, que irá tratando de abrirlle os ollos ao protagonista e diferenciar a realidade do ficticio.

Porén, cal é verdadeiramente o real; o que propón o Cubo ou o que está fóra do seu dominio?

Este é o momento de falar do estatuto das personaxes. Porque, en realidade, o das personaxes ficticias vén sendo o mesmo que o das reais. Cada partida representa unha evolución temporal, cada partida xógase nun espazo temporal diferente, e, por tanto, tamén nunha xeografía distinta. Porén Manuel Esteban sabe moi ben como manter a pregunta fulcral a cerca do que diferencia o real do imaxinario. Non se trata dunha simple sucesión de aventuras (beirean o xénero, máis nada) seguido do seu correspondente “recordar. O autor é moi hábil creando inquedanza en quen le, que desexa continuar no seguinte capítulo por ver se o seu horizonte de expectativas se vai confirmando. Nisto, repito, o autor é especialmente hábil.

Para que teñan unha idea desa evolución direilles o título das partidas. A primeira é “supervivencia” (os xogos teñen o seu aquel de tráxico, de complexidade), despois vén “Inmanencia” (que ten que ver co ser a súa construción), despois tócalle “transcendencia” (é dicir, a vida para aló  das fronteiras coñecidas), segue “consciencia” ( o coñecemento reflexivo do suxeito ou do exterior), despois vén a “transmutación” ( o cambio) e finalmente a “revelación”.

Isto dá unha idea do inmenso traballo estrutural e do moi logrado que está, pois logra un encaixe perfecto entre partidas que teñen lugar en tempos e xeografías diferentes. E ademais faino en formato curto.

ASDO.: Xosé M. Eyré Val

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content