crítica de UN INFERNO FRÍO, de Xosé Ricardo Losada

UNHA AVENTURA DE CASTELAO E VIRXINIA

Título: Un inferno frío

Autor:  Xosé Ricardo Losada

Editorial: Toxosoutos

Tense dito moitas veces que a literatura é algo máxico, e ben se pode repetir neste XXII Premio de relato de aventuras Avilés de Taramancos, que é do que imos escribir hoxe. Nunca entendín ben a estratexia de Toxosoutos con este premio, tan difícil de atopar en librarías, tan mal distribuído e, por suposto, que leve o nome dun dos nosos máis grandes poetas. Mais deixemos a un lado ese desabafo, aínda que me teña causado desgustos, e poñámonos co albo do noso discurso de hoxe.

Xenericamente trátase dunha novela breve. A acción que presenta o enredo é única, as personaxes son poucas e a extensión pouco pasa das 100 páxinas. Unha novela breve que se le con moito agrado. Porén, antes de dar comezo á lectura temos que aceptar o pacto lector que o autor nos propón nada máis abrir o libro: sendo unha historia baseada en feitos reais o compromiso do autor é coa historia que conta e non coa verdade. Dito isto engadamos que as personaxes principais son Virxinia e Castelao, ademais do cura rebelde Faustino Rey Romero, con quen tiñan fonda amizade e tamén nacera en Rianxo, como Castelao. E como antagonista o bispo da parroquia de La Balvenera.

Se temos en conta que Fautino Rey dificilmente puido coincidir con Castelao, pois foi desterrado á Arxentina cando xa Castelao morrera, entenderemos ben o pacto lector do que antes falamos. De todos xeitos cómpre insistir na homenaxe que Xosé Ricardo Losada lle rende nesta novela breve. Moi merecida homenaxe a un cura rebelde, xesuíta que sempre estivo do lado dos máis desfavorecidos (cousa que non era moi de agrado congregación a que pertencía) e tamén coa lingua galega.

Non é esta a única ocasión onde a liña temporal se amosa quebradiza para poder ser construído o enredo que se conta. Non debemos facer de menos esta novela breve por tal cousa, forma parte desa maxia da literatura que antes mentamos. Mellor dito, sen esa liña temporal quebradiza non se podería escribir o enredo desta novela breve.

A Virxinia e o Castelao que se nos presentan son os dos anos inmeditamente anteriores á morte do autor de Sempre en Galiza, dúas personaxes ben caracterizadas, como o enredo esixe. Sobre todo unha Virxinia que adoraba ao seu Castelauciño, como lle chamaba, máis que tamén era unha muller de vontade férrea a quen nin lle pon medo o cáncer que estaba consumindo de maneira imparábel o seu marido. A verdadeira protagonista é ela, e a súa determinación en esclarecer a morte de Fautino Rey. Castelao é o coadxuvante necesario, sempre apoiándoa, aínda que ás veces se permitía discrepar un tantiño. Tamén nos agrada moito esta outra reivindicación dunha muller namorada mais que non vivía á sombra da popularidade do seu marido.

O mundo do exilio, evidentemente tamén é un pano de fondo que necesariamente hai que ter en conta e que tampouco aquí se esquece. Era unha vida dura, nun país estranxeiro onde gobernaba unha ditadura. Fuxiran da ditadura de Franco para meterse na ditadura arxentina que, polo menos, os deixaba vivir, sempre cando non se meteran en cousas da política interna arxentina. Precisamente Virxinia é algo que non dubidará en facer, posto que coa súa rebelión en medio e medio dunha misa en La Balvanera se dirixiu á concorrencia con palabras de denuncia, sendo seguida, pouco a pouco, por todas as mulleres que asistían ao acto. Logo dirixíronse á Plaza de Mayo en acto de protesta, e de aí xurdiría o movemento das nais (e avoas) da Plaza de Mayo, que, a ben seguro coñece quen se poña á lectura desta agradábel novela de Xosé Ricardo Losada.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content