crítica de SOBRE A ÁGUA/DENTRO DELA/ANDA UMA PONTE, de Inez Andrade Paes, en Glaciar

Porxmeyre

24/11/2022

ELIPSES, FLUXO E VIDA

Título: Sobre a água/dentro dela/anda uma ponte

Autora Inez Andrade Paes

Editorial: Glaciar

Quen quixer procurar unha tipoloxía de títulos non achará consenso, e si múltiples variantes. O título é unha das partes máis importantes da obra literaria, constitúe a súa carta de presentación, porén é dos aspectos menos estudados, case como se non fixera parte do texto. A tradicional distribución entre epónimos, emblemáticos e simbólicos, por moito que se advirta da posíbel fusión entre eles, está amplamente superada. Velaí que, á hora de escribir sobre este poemario de Inez Andrade Paes nos sexa imprescindíbel comezar por aí

                Dícía Umberto Eco aínda que o título “constitúe a primeira chave interpretativa”, o cal agardamos demostrar seguidamente. Xa lles adianto que o título son os primeiros versos de dous poemas que despois leremos, aínda que iso, de momento, ten pouca importancia. Agora imos coa primeira parte, o primeiro verso: “sobre a água”. Lembrar que a auga foi vista tradicionalmente como metáfora da vida, resulta moi útil. É ben claro que en ningún momento se esclarece se se trata da auga do mar ou de auga doce, mais iso pouco importa, toda vez que sobre calquera delas existen pontes e o fondo é lamacento. E se existen pontes tamén é obvio que a elas chegan camiños e delas volven partir. Polo tanto cando chegamos á ponte faise necesaria unha construción que nos axude a elidir a superficie acuosa que impedía o camiñar, que impedía o avance. De aí extraemos a palabra “elipse”, que, como poderán imaxinar ao encabezar esta crónica libresca, vai ter moita importancia no desenvolvemento da nosa análise do poemario de Inez Andrade Paes. Non queda outro remedio, pois se a auga era metáfora da vida, tamén o é o camiño, avanzar no camiño é vivir, e no camiño pódense atopar circunstancias ou cousas quen empecen a andada, igual que no mar as tormentas ou calmarias impiden que o buque/persoa avance. Dous camiños que se cruzan? Na vida, non son só dous camiños que a se cruzar, existen múltiples cruzamentos. Porén, tanto sobre a auga como dentro dela existe, está, a ponte, a figura da ponte. Imaxinemos logo que sobre auga vemos alguén nadando ou aboiando, non é unha imaxe tan diferente da da ponte. En todo caso, por mínima que sexa, velaí outra elipse que corta a uniformidade das augas. Outra elipse

               A aparición de obstáculos vitais ás veces é impredicíbel e moitas máis inevitábel. En todo caso debe terse en conta que a elipse sobre eles non como unha forma de obvialos. Todo o contrario a elipse constitué a maneira enfrontalos e, quizá, vencelos. Quizá, porque os hai que reaparecerán como pedras de Sísifo, nesa viaxe circular que parece a roda do mundo levarnos por novos camiños que en realidade son vellos. Algúns deses obstáculos ou percances identifícaos con clareza Inez Andrade Paes, tales como a meledicencia ou a envexa, a certeza inútil ou @s frasantes. Visto o que deica aquí dixemos, non sería xusto quedar coa imaxe do poemario como un conxunto de flores murchas, tristes, pois na vida hai de todo e o poema positivo, alegre ou de certeza fértil tamén está presente, aínda que sexa, por sinal, como o recoñecemento en bandeira e lembranza das voces d@s mort@s, desas voces eternas que con tanta frecuencia o show vital diario tende a ocultar como pasado e, xa que logo, desprezábel. Porén, cando falamos de poetas falamos de xente que loita contra o silencio, que combate o silencio coa flor (permítanme esta insistencia) da palabra. En todo caso, aquí xorde outro concepto tamén moi importante á hora de analizar o poemario e dexar imaxe xusta del. O silencio. Innegabelmente outra forma de elipse. Que formalmente se materializará en moitos poemas do libro, indicando pausa ou o salientando este tipo de cesura silenciosa cada unha das partes.

               Nos últimos tempos vense falando moito de resiliencia como a capacidade da persoa á hora de superar circunstancias traumáticas, que ben poderían ser a circunstancias ou obstáculos antes mentados. Porén non creo que esteamos diante dun caso de resiliencia  individual nin comunitaria, malia que a fronteira entre ambos sexa ás veces difusa. Non acho adaptación positiva á hora de superar adversidades. Non creo que se deba falar de actitude resiliente senón da actitude dunha persoa que non dubida en identificar obstáculos ou adversidades, esa enteireza está máis destinada a comprender (no posíbel) que a vencelos. O que si ofrece o poemario de Inez Andrade Paes é unha lectura resiliente, entendendo esta como forma de identificar adversidades vitais, e a necesidade de enfrontalos. De feito, todo o que vimos dicindo, camiña nese sentido. E que o mesmo percance reapareza pode demostrar que a resiliencia anterior non foi efectiva, o cal a invalidaría. A catarse non ten porque ser perfecta na voz poética, mais pode saír mellorada na mente de quen le.

               Outro factor imprevisíbel e que afecta moito ao vivir é o vento. O vento, esa imaxe da erosión que pode visitarnos en calquera momento e que, aínda que sexa porque con el marchan as palabras, resulta un fenómeno negativo.

               Quizá o refuxio máis seguro que a voz poética atopa son as palabras. As palabras, en realidade elas son a auténtica ponte, pois poñen en contacto a existencia afectada por factores externos coa sentimentalidade interna ou propia, materializando a reacción en palabras que son ponte tamén primeiro coa mesma voz poética (é a súa primeira lectora) e finalmente con quen lea o libro. Mais non só, todo o que deixa luz perforando as tebras é positivo, desde a familia á voz dos atepasados, aínda que non sempre clara o libro remata reivindicándoa como luz.

               Formalmente é un poemario complexo, diverso. Partindo da concepción do libro como realidade contínua, desaparece todo signo de puntuación (excepto as interrogacións) para dar imaxe dun constante fluír á vez que demanda a intervención de quen le salvándoo da inacción. Na primeira parte, o poema preséntase uniforme, aínda que xa aparecerán os silencios ou espazos en branco que fracturan o verso, en lugar doutros signos de puntuación convencionais. Despois xa é frecuente que no espazo en branco da folla aparezan dous corpos poemáticos, un na cima e outro no fondo, ás veces interponse algún asterisco, o cal non significa forzosamente unha ruptura co anterior, pois a ruptura equivale a deixar solventado o anterior e iso, como levamos vendo, é unha quimera case sempre. Rara vez o poema é logo (“Submissão”, “Ao mededicente”), sendo característca a expresión breve e concentrada, tanto que pode chegar a ser un único verso.

               Sobre a auga/dentro dela/ anda uma ponte é o resultado poético dunha voz que en plena madureza nos convida ao deleite formal como á reflexión. Unha dupla reflexión. Reflexión admirativa e activa sobre a perfección de ourive coa que se constrúe cada verso, sobre mestría á hora de concibir a estrofa e o corpo poemático. E tamén, naturalmente, sobre o contido.

               Inez Andrade Paes non necesita que digamos que se confirma como unha das voces poéticas imprescindíbeis en lingua portuguesa. Non o necesita, mais nunca está demais lembralo.

ASDO: Xosé M. Eyré Val

(membro da Asociación Galega da Crítica)

Poden pedilo á casa editora: https://glaciar.com.pt/product/sobre-a-agua-dentro-dela-anda-uma-ponte/

 

ALGÚNS POEMAS ESCCOLLIDOS

entre uma tose quase brutal

e um ciciar de pequeno animal

quis cantar

e o vento levoume a voz

……………………………………

chorarão ainda os Corvos procurando a claridade que lles tombou do corpo?

………………………………………..

não tentem erguer

o que foi destruído

os pedaços

por si

              já são aviso

………………………………………….

a luz raspando o negrume e o pensamento escrito

…………………………………..

o meu cabelo colorido

deixa de trança o teu lenço

da cor do vinho a tua  boca

há um sorriso longínquo

no teu silêncio

……………………………………………

leio a morte fugir

da própria morte que lhe foi consentida

e os gritos em redor

e as mãos cheias de sangue

de si               de outro           ou de algém

que mais além                 ainda aguarda

nas paredes das casas destruídas e sem mais por derrubar

as explosões são forma da mais miserável criatura que a arma segura

e mesmo esta             não sente

que a morte

é ela

que em sangue

fecunda

e deixa

o seu próprio feto

………………………………………………

a inveja é antiga

tropeça constantemente nas próprias feridas

lambe-se toda

fica espida

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content