SEMPRE FRAK SOUTELO
Título: A conxura do sete
Autor: Miguel Anxo Fernández
Editorial: Galaxia
O corpus narrativo de Miguel Anxo Fernández non se reduce só á saga de Frank Soutelo. Porén, debemos comezar dicindo que aínda que sexa só por esa saga, que agora continúa co seu oitavo título, Miguel Anxo Fernández ocupa xa en propiedade un lugar destacado na historia da narrativa galega. Vai sendo xa imprescindíbel un estudo que dea conta da evolución da saga, tanto desde o punto de vista temático como formal. Pois en ningún dos dous aspectos se conformou con repetir esquemas, o cal xa de por si é de grande valor se temos en conta que que se trata dun xénero, o detectivesco ou pesquisador, moi “trillado”, vulgo dixit, mais o certo é que non é doado atopar autorías que coñezan tan ben o xénero como el.
Neste ocasión Frank volve a Galiza para realizar unha investigación que ten como centro a espada do Santiago Matamouros. A petición de Dalia, Frank e Hieronymus “ Sugar” Jones regresan, e volverase conformar o equipo con ela, Poncio e o garda civil Franeiras. Permítanme que non afonde nestas personaxes, xa coñecidas doutras veces. E permítanme tamén que si o faga coa tía Castora, personaxe secundaria, mais personaxe característica, de obrigada presenza, pois representa a sabedoría popular, e os seus consellos sempre lle son de utilidade da Frank, ademais, e isto resulta curioso e significativo, este tipo de personaxe, se ben goza de constancia, non é dos máis habituais nas nosas letras.
No novo título da saga, para alén da consabida administración da información, que no xénero debe estar moi ben calculada para manter a tensión narrativa, a ese efecto cobra moita importancia a presenza de Hieronymus Jones e esa relación tan especial que manteñen Frank e el, repleta de tiranteces e conflitividade, na que sempre hai lugar para a sorpresa e o riso, o cal é un coadxuvante de primeira liña á hora crear interese lector, de que manteñamos o libro aberto.
Mais existe aínda outro aspecto moi a salientar. O enredo pesquisador está perfectamente incardinado na dinámica social, económica e política que @s galeg@s viivimos. Neste caso trátase da explotación acuícola na ría de Muros-Noia, por parte dunha empresa estranxeira que pretende instalarse entre Muros e Porto do Son, sen importarlle nada arruinar a economía local ao modificar e impedir o normal desenvolvemento desta. Fartos estamos de saber como empresas estranxeiras, por sinal, explotan os nosos recursos enerxéticos recibindo a cambio unha minimísima compensación, no caso de recibir algunha. Aquí non é unha enerxética, é unha acuícola, mais iso importa ben pouco desde que a condición colonial da nosa sociedade queda exposta. Hai que dicir que con valentía. Doe dicilo mais é así, pouquísimas son as autorías que levan aos seus enredos a temática colonial. Debería ser algo habitual, normal, mais non o é, así que, aínda que sexa só por isto A conxura dos sete merece ser salientada. Nin que dicir ten que isto confírelle ao enredo un extra de verosimilitude, moi a ter en conta.
Alén diso, cando encetamos a lectura de A conxura dos sete axiña comprobamos como a particular linguaxe de Miguel Anxo Fernández nos envolve por completo. Isto significa que logrou un idiolecto propio e característico que soubo manter en toda a saga deica agora. Tampouco é un pormenor calquera.
Porén, continuando coa lingua, o discurso mercería unha revisión máis efectiva antes de ser publicado, pois, por sinal, hai problemas co xénero gramatical. Iso polo que respecta á lingua galega, xa que tamén se emprega o latín, un latinorio formulístico que non nos parece precismente verosímil, referímonos a Iacobus Matamoutos. Ese “Matamouros” encaixa ben pouco no latín. Mais falamos de ficción e nela todo é posíbel.
Para remate, volvamos coa administración da información. Estruturalmente está disposta de xeito que se acade un remate climático e vertixinoso. O enredo vaise desenvolvendo pouco a pouco, gradualmente, deica chegar a ese remate onde todo se precipita. E cómpre dicir tamén que, malia a diversidade de lugares polos que Frank (ás veces coa súa comitiva), é perceptíbel o bo coñecemento que Miguel Anxo Fernández ten de Galiza, os seus pobos, vilas e cidades, particularmente no que ten que ver co bo comer. Que tampouco é un pormenor máis. Vistas as dificultades doutras autorías que temos comentado.
Así que, bo proveito con esta nova entrega da saga de Frank González. Non se sentirán defraudad@s..
ASDO.: Xosé M. Eyré
(menbro da Asociación Galega da Crítica)
Eyré se Frank Soutelo participou na guerra de Vietnam, en 2022 debe ter os seus anos como para andar por aí de amoriños e de aventuritas, ¿ou non?
Eyré se Frank Soutelo participou na guerra de Vietnam, en 2022 debe ter os seus anos como para andar por aí de amoriños e de aventuritas, ¿ou non?