crítica de PECADOS VENIAIS, de Nazaret López, en Xerais

Porxmeyre

17/11/2022

…DAS MULLERES

Título: Pecados veniais

Autora: Nazaret López

Editorial: Xerais

É como un magma, unha superficie burbullante na cal se acadan picos aquí e acolá. Mentres non nos toque a nosoutras tampouco pasa nada que non poidamos aturar. E se unha vez somos afectadas, malo será que volva acontecer. E así, e así ollamos con pecadenta indiferenza como son outras as prexudicadas. Ben podía ser este outro dos pecados veniais que se anuncian como contido da segunda entrega narrativa de Nazaret López, a carón da vinganza, a traizón, a envexa, a ira, as mentiras, a luxuria ou a avaricia que figuran na información editorial. Podía, mais eu nunca considerarei a indiferenza como pecado venial ou mal menor; todo o contraio, pois dela poden derivarse consecuencias moi graves. Xa en si o título, Pecados veniais, convida a unha lectura eufemística contrastiva coa verdadeira natureza deses pecados, que quen lea poñerá en cuestión en canto vaia deixando atrás cada un dos episodios do discurso.

               Dixen “cada un dos episodios” porque este non é un discurso xenericamente doado de clasificar. Por unha banda semellan episodios independentes, mais segundo se vai lendo comprobamos como eses episodios gardan certa contigüidade, de xeito que tamén se poden ler como un enredo único. É esta a lectura que aconsello. O discurso remata onde remata porque o libro sempre é finito, sempre ten que concluír, mais as situacións traumáticas que poden, e de feito fano, afectar á muller son moitas máis. Volveremos sobre isto. Mais agora convén salientar que o ganduxado estrutural dos diferentes episodios obedece a unha estrutura moi  calibrada, moi efectivamente calibrada. Pois se no comezo semellan episodios independentes logo nos iremos decatando de que forman parte do mesmo tecido argumental. Este traballo estrutural, executado con tanta pericia, desde o punto de vista técnico é todo un achado que ademais trae consigo outra consecuencia. Obriga a quen le a prestar atención, tanto sobre o que leu, como sobre o que está lendo e aínda sobre agrada ser lido; deste xeito cada novo episodio sorprende porque parece un enredo novo cando en realidade forma parte dun discurso único contado desde múltiples perspectivas e focalizando temáticas que problematizan a vida da muller, a vida da muller en canto a que é muller, o cal supón un status social (e mental) que levan (ben podería dicirse que obrigan) a observar determinados comportamentos impedidores do seu empoderamento.

               Entre eles, porque é unha parte do discurso que gratifica máis a lectura, e porque tamén supón novidade temática, quero salientar a historia da “señorita María Dolores”, contada en dúas partes e que achega os abusos sexuais dun cura sobre unha moza. Se xa os abusos sexuais a seminaristas (homes) teñen escasa aparición na nosa narrativa, cando as vítimas son mulleres, como aquí, xa nos vemos obrigados a falar de novidade. E se dixen que é unha parte do discurso que gratifica a lectura, débese a que está narrada de tal maneira que quen le empatiza constantemente con esa muller de vida tan pouco “interesante”, tan convencional a súa rutina vital, mesmo “beata”. O cal tamén supón outro reto narrativo no cal a autora volve demostrar unha pericia moi salientábel.

               Tamén hei de dicir que este discurso me lembrou aqueles que se escribían para que quen le puidera comezalo por onde quixera, sen ter que observar obrigatoriamente a disposición en que se presentan. O cal resulta tremendamente lóxico se temos en conta as palabras coas que iniciabamos esta crónica libresca.

               Evidentemente temos aquí un discurso realista, deses que nunca dubidamos da súa veracidade porque as mulleres que o protagonizan ben poden ser as que cruzamos na rúa ou coas que coincidimos en calquera lugar, sen que cheguemos nunca a sospeitar as contrariedades que empecen as súas vidas. Dixen “contrariedades” e, con toda seguranza, hai outras que veñen a significar cousa semellenate, mais ningunha, nin a escollida, me resultan suficientemente satisfactorias en canto ao seu contido.

               E se xa a temática resulta do máis suxestiva ademais de necesaria no camiño de chegar a que a muller viva a súa vida, a vida que escolleu e non  a que lle escolleron, con plena normalidade na súa autorealización como tal…Se ademais isto vén acompañado dunha estratexia narrativa tan eficiente como brillante na súa execución, entón, teñan completa seguranza, estamos referíndonos a Pecados veniais, e Nazaret López. Non o dubiden, un dos libros do ano.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Un comentario sobre «crítica de PECADOS VENIAIS, de Nazaret López, en Xerais»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content