crítica de QUEN NON TEN UN AVÓ FASCISTA?, de Inma López Silva, en Galaxia

Porxmeyre

02/01/2023

POLÉMICA NOVELA DE FICCIÓN REAL SOBRE O FASCISMO DOS HOMES BOS

Título: Quen non ten un avó fascista?

Autora: Inma López Silva

Editorial: Galaxia

Comezarei dicindo que este título, Quen non ten un avó fascista? provócame unha reacción traumática porque eu non tiven un avó fascista, eu non tiven un avó porque o mataron os fascistas polas costas, non tiven avó pola súa culpa. Opino que, lido así, sen máis información, o título branquea o fascismo, pois parece que sería normal ou habitual ter un avó fascista e a miña experiencia vital dime que non o é, nacín e crieime nun ambiente onde o fascismo non era para nada frecuente entre a miña veciñanza e familia, non coñezo a ninguén que tivera un avó fascista, así de simple, e así me é duro enfrontarme cun título que me interpela directamente (isto nunca pasou nos 34 anos que levo como crítico literario) e parece que lava a cara do fascismo. Disimulen esta intromisión do eu crítico, mais créoa necesaria.

                En poucas palabras, o enredo presenta unha voz narradora que navega no pasado na procura de saber quen foi realmente a persoa que foi o seu avó que foi alcalde fascista durante o franquismo. Seguramente non lles conterei máis nada do avó fascista, é preferíbel sempre que vostedes o lean. Si afondarei un pouco máis na voz narradora. Esta voz narradora ten a dupla función de relatar o presente, a actualidade cronolóxica, e tamén o pasado, a vida do seu avó fascista. Un avó que encarna o que podemos denominar “fascismo dos homes bos”, trátase dun home que neutraliza a ética e a moral, sacrificándoas pola conveniencia manterse dentro do fascismo franquista á hora de asegurar tanto a propia existencia como a da familia; é dicir: resulta que o seu avó foi fascista para que non o matara o fascismo.

                Continuemos con esa dupla función da voz narradora, un aspecto que tecnicamente falando resulta do máis interesante para o crítico. Nela conviven realidade e ficción. A realidade, por sinal, do relato da súa propia vida e da da súa parella, que mesmo se pode dicir que  en parte inclúe unha crónica de como foi nacendo e desenvolvéndose a novela. E a ficción porque esa voz narradora non é quen de contar a vida enteira do seu avó desde os poucos datos fidelizábeis que posúe da súa existencia…e polo tanto vese na obriga de ficcionalizar o que non coñecece. De xeito que o real, strictu sensu convive co real ficcionalizado ou, dito doutra maneira, coa ficcionalización do real que non se é quen de coñecer. Velaquí que, na moda da autoffción ou ficción real en que se inscribe esta nova novela de Inma López Silva, presenta un pacto lector extremadamente interesante para a análise crítica.

                A convivencia destas dúas facianas, na estratexia narrativa mentada, lese como algo normal e , por suposto, non é a primeira vez que na literatura sucede, porén, na práctica de como se presenta nesta novela, para quen le supón a creación de dous focos de interese temporarios, o do presente e o do pasado relatados. Porén eses dous focos, aínda que se pretende que convivan harmonicamente nun único enredo, a realidade é que existe un desequilibrio entre eles pois o do presente co pasar de páxinas vaise esvaecendo, e cando reaparece quen le bota de menos a súa ausencia anterior.

                Se alguén pode apelidar esta novela como “curiosa”, despois do dito resulta lóxico que o, como mínimo para o crítico, curiosa e fortemente individualizada na nosa actualidade literaria. Mais tamén é certo unha boa dose de curiosidade por parte de quen le, á vista do desequilibrio antes comentado e do feito de que a voz narradora tampouco vai atopar moitos datos sobre o avó fascista, o cal provoca a aparición da ficción como parte do real. E tamén axuda a explicar ese provocador título que a min me produce queimazón. Cando se le vese que é unha novela antifascista, non cabe dúbida de que o é, aínda que se debería ter algo máis de coidado coa posibilidade de quen le tome como simbólica a color azul de maneira equivocada, xa sabemos de que é símbolo a camisa a azul, isto acontece tanto no  remate como no inicio. Abondaría cunha soa vez, a do inicio, para que, despois de lido o título, quen le pense que é un símbolo cando en realidade non o é.

                Dentro da estratexia narrativa da novela cóntase o feito que esta aparece segmentada en capítulos que, agás o primeiro, teñen títulos referentes ao tempo do franquismo. “A España dos desdentados”, “Familia de toupas”, “Camisa azul”, “Guerrilleiros fuxidos”, “O silencio”, “Na retagarda non sobreviven os valentes”, títulos que, á luz da progresión no cocemento da vida do avó, que se conta de maneira direita dese a infancia, poñen color (des)humano a es tempo de miseria económica e moral que foi a ditadura. Aliás, a cousa que máis lle agradou ao crítico foi que a narración parta dun poema de Cunqueiro; nos tempos que corren non resulta nada habitual que as autorías evidencien ter en conta outras da nosa historia literaria; se cadra figura algunha apelación puntual, máis nada. Polo que Inma López Silva, nisto, demostra unha actitude moito de agradecer. Xa só por ler parte do poema de Cunqueiro (non de doado acceso) paga a pena mercar o libro.

Agora vostedes deciden.

ASDO.: Xosé M. Eyré (Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content