crítica de DÍAS DE INTEMPERIE, de Antón Riveiro Coello, en Galaxia

Porxmeyre

12/01/2023

RELATOS DA CARNE DE ALMA

Título: Días de intemperie

Autor: Antón Riveiro Coello

Editorial: Galaxia

Aló polo final da década dos 80 ( e primeiros 90) do século pasado, cando comezaba a escribir crítica literaria, sentíame fascinado por ser testemuña de como a narrativa galega ía medrando e diversificándose, é un luxo ao alcance de pouca xente. Paralelamente tamén me ía decatando de que iso podía observalo tamén nas propias autorías, segundo se manifestaba con cada novo título que publicaban; tamén é un luxo, posíbel noutras literaturas requiriría unha especialización individual moi difícil de cadrar coa visión dicaronicamente colectiva…mais aquí entendía que podía ser posíbel. Entre as autorías novas que chamaron con forza a miña atención hainas que, infortunadamente, xa desapareceron (caso, por sinal, de Darío X. Cabana) ou simplemente cesaron a súa actividade (Xosé Miranda, entre outros) mais é Antón Riveiro Coello das que aínda seguen operantes e funcionais e me permiten voltar a vista atrás no afán de unificar ou comprender os fíos que tecen o seu corpus literario. Riveiro Coello chamou a miña atención. Ao longo de todos estes anos deica hoxe, son case 30 no total, fun comprobando como se convertía nun dos nomes fundamentais da literatura, especificamente narrativa, galega. Aínda que son escéptico en canto ao significado e valor dos premios literarios, nesta emposta adoita contrastante útil da valía que nas nosas letras o seu nome. Citalos todos ocuparía moito espazo e tempo para chegar á conclusión que xa lles adiantei, en todo caso queden con que o seu é un dos nomes fundamentais da literatura galega actual e en que a súa obra como un narrador competente en grao sumo, independentemente da extensión en que se exteriorice pois en todas ten demostrado a súa mestría, desde o micronarrativa (Á sombra dos bonsais, 2017) á novela de máis 700 páxinas (Laura no deserto, 2011) os moitos lectores que ten coñecen e recoñecen ( e este si é un verdadeiro premio) a súa mestría narrativa como xa un clásico en vida.

                Días e intemperie é un libro de relatos, se cadra estráñalles tanta grandilocuencia para un libro de relatos, sabendo que os libros de relatos son unha fórmula, moitas veces, para regalar nova vida a textos que xa viron a luz con anterioridade mais que agora son de difícil acceso. Ë certo que é unha práctica habitual, non de hoxe, de sempre. Porén a narrativa curta é onde se exercitan as grandes autorías da extensión longa (e malo, moi malo, cando non é así), ademais de ser lugar a onde volven cando procuran experimentar ou simplemente unha expresión máis próxima da súa sentimentalidade. Pois tamén por iso, por seren relatos, merecen a máis alta das atencións posíbeis, xa que moitas veces hai máis literatura nun relato de 20 páxinas ca nunha novela de máis de 400 páxinas, e diso non temos a menor dúbida.

                Días de intemperie é un libro de relatos onde Antón Riveiro Coello furga, cachea, apalpa na humanidade das xentes expostas á circunstancia máis traumática imaxinábel, a guerra, esa guerra en que se ven envoltos e partícipes sen o pediren, que ateñen que sufrir (por son quen sofre en lugar de quen a declarou e dunhas ideas que tampouco teñen por que partillar) na freba das súas carnes, das súas fames, das súas vidas arriscadas, das vidas truncadas en beneficio doutros. Seguramente haberás quen pense que todos podemos imaxinar as atrocidades que se poden imaxinar nelas. Pois non, non, non o poden imaxinar, non o poden nin imaxinar a menos que lean este libro de relatos, só con un abonda, se me dan a escoller diríalles o derradeiro, mais se teñen o libro na man non poderán deixar de ler os restantes. E tampouco, tampouco eu lles vou adiantar nada dobre a particularidade de cada un dos nove enredos con que conta o volume. Só lles direi que a infancia ten un protagonismo salientábel, mais tamén a muller, de feito comeza coa muller e remata coa infancia, coa nenez. Só lles direi que a súa lectura sacode as lapelas da conciencia coa violencia da necesidade urxente de reformular o que entendemos como humanidade e se manifesta nestas empostas crueis, nestas empostas de crualdade in-imaxinábel.

                Días de intemperie é tamén un libro de relatos no cal Antón Riveiro Coello furga, cachea, apalpa  na estrutura compositiva do relato como fórmula expresiva da literatura máis fonda. É dicir, cando lean o libro comprobarán como as fórmulas expresivas, as estratexias narrativas, de cada relato son diferentes do xa lido antes. Tamén aquí se nota que o volume é froito de un longo e madurecido e fondo proceso reflexivo tanto tematicamente falando como formalmente así mesmo. É dicir, non sexan enganad@s pola escasa paxinación do volume (115 páxinas) en contraste á longa extensión do romance. O que aquí achamos é un libro monotemático en canto a que en todos os relatos a guerra ten protagonismo, manifestado nas especificidades de cada unha delas e na individualidade de cada personaxe como símbolo da humanidade enteira, esa humanidade qiue se retorce e contorce no cerebro, na conciencia e no corazón de quen le con cada páxina que pasa, pois provoca emocións fortes e reflexións fondas a atrocidade descontrolada das múltiples guerras de que tod@s somos vítimas, tod@s, absolutamente todo@s, mesmo vostede que me está lendo. Non é unha tema novidoso nos enredos do autor, de feito e especialmente, un dos relatos lembra moito o anterior (2020) O paraíso dos inocentes.

                Días de intemperie é tamén un título no cal Riveiro Coello se amosa como un dos poucos mestres que a narrativa conta no uso do adxectivo. Non é cuestión menor, estamos a falar dunha das máximas dificultades que narrativa presenta a quen narra. Non é cuestión menor, estamos a falar da condición indispensábel (saber usar o adxectivo) para podermos cualificar como excelente unha autoría. No caso de Riveiro Coello, pouc@s parceir@s lle atopo, non sendo Manuel Rivas ou Darío X. Cabana (sempre lembrado) nos seus mellores traballos.

Agardo que fora suficientmente claro. Non queden a intemperie, collan o libro nas mans.

ASDO.: Xosé M. Eyré (membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido