crítica de OS DÍAS FELICES DE BENVIDO SEIXAS (Eduard Velasco, Xerais)

Porxmeyre

04/06/2019

UNHA NOVELA DIVERTIDA

Título: Os días felices de Benvido Seixas

Autor: Eduard Velasco

Editorial: Xerais

Non hai moito que escribiamos nesta Ferradura que, de cando en vez, o lector estima ben literatura descontraída, literatura desenfadada que lle pinte un sorriso nos beizos. Faciámolo a propósito de O paraugas na raiola e outros relatos (Paco Rivas, Baía Edicións), que, como o seu título indica, é un libro de relatos. Pois ben, hoxe ímolo facer despois da lectura da primeira novela de Eduard Velasco, a quen si coñeciamos como poeta. El é o autor desta Os días felices de Benvido Seixas, que non pretende ser máis do que é, unha novela divertida, unha novela cuxa lectura resulta divertida, ante todo. Unha novela para pasalo ben lendo, para que o bon ánimo non nos deixe mentres dure a lectura da novela. Que tampouco ha ser moito, porque a novela lese con degoro. Eis ten o lector un título ben acaído para ler nestas vacacións estivais, na praia, no monte, ou na propia casa, como fixemos nós.

                     A proposta inicial resulta evidentemente suxestiva: pon en contacto unha activista cultural (Mariña) e sensibilizada e crítica coa evolución social e cultural galega, unha moza abeirada o nacionalismo, cun home (Bienvenido, despois Benvido) que representa practicamente todo o contrario, un especulador, rico e de opción política que imaxinamos totalmente oposta á de Mariña. Ponos en contacto e xorde o que xorde, aínda que Mariña non é unha moza especialmente guapa, Benvido remata por namorarse dela, á vez que Mariña (dependenta nunha tenda de talles grandes) se prende del. Entón, para que Mariña non  o rexeite, Bienvenido Seijas opta por construírse unha nova identidade baixo o nome de Benvido Seixas. E non imos desvelar máis nada da trama desta divertida novela, abonde indicar que, desde entón a novela dispón na trama situacións que a fan un discurso entretido de ler. Seguindo a linguaxe cinematográfica, estamos no caso dunha comedia de situación, dunha sitcom ben levada, que tampouco é nin quere ser un xoguete cómico onde se procure o riso polo riso, o riso custe o que custar. Non. Esta é unha comedia de situación, como dicimos ben levada, que nos ofrece instantes para rirmos e que, esta vez si, dá máis do que en principio podía parecer.

                     Dá máis do que en principio podía supoñerse porque nos convida a reflexionar. Sen ese ser obxectivo fundamental, será difícil que o lector non encamiñe algunhas reflexións. Porén, quen vai ler esta novela non é quen máis ten que reflexionar. Quen tería que reflexionar, e ben, son os outros, os  especuladores, os ricos e abeirados á dereita. (Non é casualidade que os pais de Benvido leven nomes que comezan os dous por P).

                     Alén diso, a novela serve tamén para homenaxear. Homenaxear a Noneyra, a devesa da Rogueira é un dos lugares polos que transcorre a trama. E, con el, con Novoneyra, a María Mariño, non podía faltar. Mais, sobre todo, a principal homenaxe é a Otero Pedrayo, concretamente a través dunha das súas obras cimeiras: Arredor de si. Porque chega un momento en que Bienvenido, agora Benvido, non ten outra que reflexionar sobre o que quere ser no futuro, sobre quen quere ser no futuro, e é entón cando se dacata de que en realidade, todo o que proxecta para o futuro non foi outra cousa máis que andar arredor de si sen atoparse, ata que aparece Mariña. Co Courel como escenario privilexiado, tamén hai outro que merece ese cualificativo. O 25 de xullo, o Día da Patria. E dentro desas homenaxes non poden esquecer dúas: as correspondentes á lectura e ao libro, unha das esixencias de Mariña para que Benvido sexa o mozo perfecto é que lea.

                     Coa perspectiva da comedia de situación, o autor ben podía caer na caricaturización. E, inclusive máis, no exceso de caricaturización. Mais non sucede. Eduard Velasco gardouse moi ben diso e, se as personaxes principais non son planas e están configuradas de xeito que evolucionan, sobre todo Benvido, tamén é certo que as personaxes secundarias (Pepa, Laro…) están ben configuradas dentro da súa condición e achegamento á trama. Cabería dicir o mesmo de Mariano, amigo de Benvido, mais ri tanto que xa cansa…

                     A quen non lle faga graza a proposta incial: xuntar dúas personaxes de mundos tan distintos, unh actvivista cultural e moza nacionalista cun especulador de tendencias opostas, que non merque a novela. Mais quen atope nela o  gromo dunha novela divertida de ler, que non o dubide, porque acertará de pleno. A nós, o que menos nos gustou da novela, para alén dos xogos de palabras (Bienvenido-Benvido) é a inseguranza no uso da onomástica galega (Jacinta, Mariángeles) e inclusive o uso de castelanismos inxustificábeis: “¡Con lo que uno ha sido” (25).

                     Porque do resto é unha novela de lectura moi agradecida e simpática.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido