crítica de FUNDIDO A NEGRO (Teresa Ramiro, Caldeirón)

Porxmeyre

31/05/2019

LÍRICA ENTRE COITELADAS DE SALITRE

Título: Fundido a negro

Autora: Teresa Ramiro

Editorial: Caldeirón

Non resulta doado. Sempre é unha alegría comentar a estrea de nov@s poetas. Mais neste caso non resulta doado. Porque detrás hai a historia dun esgazamento. Porque detrás hai a historia sufrida dunha muller que ten que deDicar todo o seu tempo ao coidado da familia, ao coidado da familia e a traer á casa pan para as súas bocas. A historia de Teresa Ramiro é unha historia de abnegación, de traballo como mariscadora e de nai. É a historia dunha muller que sempre foi poeta, á que sempre engaiolaban os libros, mais que esta Fundido a negro constitúe a súa estrea como poeta, que publica o seu primeiro poemario xa rebasados os 60 anos (naceu no 1958). E claro, tamén por iso a ledicia é máis grande. Por iso e porque non se trata do primeiro libro dunha afecionada á poesía. Non. Lendo o poemario atopamos unha poeta feita, unha poeta con moitos versos detrás, experiente, sensíbel, valente, loitadora. Unha poeta sen débedas.

                     Apañar marisco para vivir. Apañar versos para non morrer.

                     Agás algunhas excepcións, os seus adoitan ser poemas breves, liricamente contundentes, que estouran entre o silencio, entre a seguranza do silencio no que se manifestan a vida e a morte. E que actúan como varal que soergue a voz poética, mais terma de min a beleza / que a árbore leva consigo (11), unha voz poética que se manifesta, que vive, entre a natureza, á que interpela directamente en ocasións. Voz lírica na procura dun camiño, dunha luz que alumee o camiño, se cadra un candil, orfo silencio de luz (12). Voz lírica que non se procura entre o estraño senón na realidade cotiá, entre a cal atopa a revelación (a poesía sempre é revelación!), a revelación entre os sentimentos, entre os versos limpos e esmerilados, entre eses mesmos versos entre os cales o silencio é motivo temático recorrente, que axudan a entender a vida ou simplemente a pasar por ela como @ funambulista somnámbula que lembra a infancia.

                     Como é lóxico pensar, o mar está moi presente no poemario. O mar e as xentes do mar, como os percebeiros, por exemplo, dos que case só ímos falar cando a vida, cando o mar lles dá unha coitelada e hai algunha desgraza. Coiteladas de vida / coiteladas de sal (19). Son versos limpos, son alma lírica exenta de calquera efectismo. Versos moi medidos onde as palabras ocupan o espazo que mellor lles acae para ver potenciado o seu significado. Versos moi pensados, moi sentidos, fendas de salitre que ollan en fite a morte e tamén, tamén, entre a derrota que supón cada novo día de traballo, esa derrota sen a cal non podes vivir, entre esa derrota hai lugar para  a lembranza do amor. Amor. O mar. As sombras da experiencia vivindo do mar. Poemas nos que aínda habita a esperanza, malia o paso do tempo deixar en nós un pouso agre de desamor. O tempo. O paso do tempo do que só parecen salvarnos os fillos, esa esperanza, esa esperanza na que nos vemos nos seus ollos esquecendo a tiranía do tempo. É un xeito de seguir para adiante. De permanecer. Como na memoria da voz poética permanece o exemplo de Man, aquel artista que viviu pegado ao mar, aquel artista que mar e o chapapote levaron por diante.

                     Falando de memoria, velaí está a memoria da avoa, ese exemplo, ese cariño protector. Do que agroman gromos de futuro consciente que se manifesta en actos reivindicativos, como contra a mina de Touro, que deixan un poema precioso, un poema que remata con toda lóxica: Se abrimos a terra / que sexa para plantar vida (36). Porque hai a necesidade de primavera, de reverdecer malia a conciencia de suor e salitre ocupada polo esquecemento. Unha xenerosa parte son poemas para ocasión, ou baixo pedido ou dedicados, mais non dismunúe o caudal  lírico do poema. Nin moito menos. Ese feito queda nunha simple anécdota porque a calidade dos poemas de Teresa Ramiro permanece intacta, que reflexiona tamén sobre a poesía, o milagre, a beleza que salva os días.

                     Eis un primeiro poemario en solitario, brillante, emotivo, de versos puídos, ourivesaría fina entre o salitre, a memoria, os lugares queridos ou habitados, a derrota e a esperanza. Que nos fai agardar con impaciencia novas entregas.

ASDO.: XOSÉ M. EYRÉ

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content