crítica de PANTALLAS (Celia Parra, Galaxia)

Porxmeyre

07/06/2019

PANTALLAS, A VIDA

Título: Pantallas

Autora: Celia Parra

Editorial: Galaxia

Hai dez anos, Celia Parra era galardonada co Avelina Valladares de A Estrada por No berce das mareas. Desde entón, alén dos audiopoemas de RE(C)verso, decicouse con éxito á videopoesía, como creadora e investigadora ou docente, algúns dos seus videopomas recibiron premios mesmo a nivel internacional. Se un entra en internet non lle resulta complicado acceder aos seus videopoemas. E agora regresa ao papel cun título, Pantallas, que non agacha a influencia dos medios audiovisuais. Xa no 94, cando Celia Parra tiña catro anos, Suso de Toro e a súa novela Sombra cazadora avanzaban o predominio das pantallas na vida da xente, e tampouco resultaba de todo anovadora esa opinión. Porén, hoxe en día, sobre todo co desenvolvemento dos videoxogos e a telefonía móbil, a presenza das pantallas na nosa vida non fixo senón incrementarse até tal extremo que nos resulta difícil imaxinar o noso existir sen a presenza/recurso das pantallas. Velaí que o poemario de Celia Parra que hoxe traemos á Ferradura reflicta unha actualidade indiscutíbel. Aliás, pola nosa banda, aledámonos de que Celia Parra retornara ao papel. Non se pode negar que hai arte na videopoesía, que é arte, porén trátase dunha poesía influída por elementos audiovisuais que non sempre potencian o contido poético como deberan, na nosa opinión.

                     A poesía, sobre todo a boa poesía, esixen relectura. Da lírica, falamos, hoxe case non existe outro tipo de poesía. Ou porque é tan boa que o lector se quere recrear nela. Ou porque porta implicacións temáticas que esixen máis dunha lectura para que esta sexa cabal. Factores técnicos, estéticos, poden influír tamén nisto. Pois ben, a poesía de Celia Parra en Pantallas cumpre perfectamente con esa esixencia. O poemario, estruturado en tres partes, presenta unha marcada influencia e presenza de termos vinculados ao audiovisual, sobre todo ao audiovisual ligado ás novas posibilidades que ofrece o mundo virtual. Glitch, o código binario, as actualizacións, os enchufes, os led, a luminosidade e colorido, os píxeles, as liñas de código, etiquetarse e subir fotos a intertnet, os flash, a propia internet, os “gústame”, estar conectad@, os anuncios en internet, as impresoras 3D, os fotogramas, as propias pantallas, ou  o códec son termos que poboan os textos do poemario. Vocabulario, por así dicilo, “técnico”. E como tal vocabulario “técnico”, un tanto frío, mais que aquí aparece integrado perfectamente no texto poético á marxe de moderneces vácuas que só levan ao postureo poético. Integrado no texto poético como unha parte máis da vida, porque, por moito que nos queiramos substraer, o certo é que xa son parte da nosa experiencia vital. De tal xeito que a propia vida e o propio poemario se conciben como unha serie de pantallas que debemos ir superando a medida que vivamos/leamos.

                     A verdade é que a Celia Parra este retorno ao papel, ao tacto do papel, ao ulido do papel, séntalle de marabilla, deixándonos un poemario esixente no plano formal e rico no plano do contido. Abonda unha primeira ollada, unha primeira lectura aínda que esta non sexa moi concentrada para descubrir varios poemas dunha altura estética, técnica e semántica máis que notábeis. E cando facemos unha segunda lectura máis concentrada, con máis tempo, máis detida, comprobamos como a poesía de Celia Parra neste poemario é dunha altura que nos abanea con aloumiños. Unha poesía que, pouco a pouco, poema a poema, sacode a nosa conciencia lírica, espabílanos, ilumínanos desde a súa revelación lírica. Revelación. Eis a outra pata que  faltaba para definir a poesía, porque a poesía se non é revelación non é. A poesía que simplemente é unha decodificación en liña, como un texto informativo/representativo, hai moito que deixou de ser, e por ser nunca foi poesía da grande.

                     A volta ao papel permítelle a Celia Parra unha expresión máis fixa, máis inmutábel e polo tanto permanente, que se corresponde cun contido, cunha mensaxe, asumida, interiorizada, que dá boa imaxe da súa inquedanza vital. Certamente non debemos negar que isto sexa posíbel con textos poéticos noutras plataformas, por exemplo nas audiovisuais. Si, mais esas plataformas van asociadas a un dinamismo inherente ao medio que non favorece as relecturas, de feito son posíbeis, mais interrompen o dinamismo que lles é propio. E queda claro, diáfano, que a voz poética de Celia Parra é unha das máis interesantes de entre as promocións máis novas. Aínda queda moito que dicir/escribir da poesía de Celia Parra, que iremos descubrindo en vindeiras entregas.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content