POESÍA ABERTA TODOS OS DÍAS
Título: Aberto todos os días
Autor: João Luís Barreto Guimarães
Editorial: Quetzal
Aberto todos os días parece un título incautado dunha tenda de alimentos que sempre está aberta 24/7. Parece e é. Porque a poesía, esa cousa a que chamamos poesía, é o alimento da alma, debe estar sempre dispoñíbel.
Aí atrás, fecháronnos todos os días nos nosos domicilios, mais había libros de poesía que, abertos, nos traían en palabras calquera mundo posíbel, eses mundos que nacen na sensibilidade poética autorial e individual xenerosamente compartidos con quen abre o libro. Porque os libros de poesía non están aí para ser abertos unha vez, están aí para que regresemos a eles todos os días, e todos os días nos traerán algo novo.
Mais tamén este título se refire ao propio labor autorial. Un libro de poesía non se escribe en dous días, está sempre aberto na mente do autor como posibilidade de inserir novos textos, modificar os existentes ou enviar ao exilio algún que xa non convence. Un libro, como obxecto material que é, ten un prezo para que poidamos adquirilo nesta vida mercadotécnica que nos invade, que nos comprime e expreme. Mais ese libro custou un traballo que non se paga cos cartos coma un peixe, pan ou algo para beber. A única forma de corresponder dalgunha maneira á xenerosidade autorial é mantelo aberto e regresar a el todos os día. Porque a poesía sempre é un acto de comunicación, no cal a voz poética expresa e comparte un mundo interior que, desde a sensibilidade, obra en nós a milagre de recoñecer a beleza e sentirnos satisfeitos ou incomodados diante do que estamos a ler. Para sentirnos vivos todos os días abertos.
Das catro partes que se compón o poemario, a primeira (“locus amoenus”) preséntase cunha declaración moi significativa: “escrever é fazer existir o que antes não existia”. Reivindicando que a palabra é a columna vertebral da existencia, pois non existe o que non se pode nomear, Esta tese é ben coñecida. Mais non o esforzo que debe facer o poeta na persecución desa reificación que, desde o caos vital, non sempre é fácil nin se deixa nomear e ás veces só en imaxes poéticas se deixa ver. Desta maneira voz poética asume o rol de cicerone para quen le, procurando sempre a súa colaboración activa e necesaria nun mundo que cada mañá se aparece diferente até o punto de non termos fiabilidade de quen era ou é ou será. Hai un Deus, mais non é confiábel para a voz poética que ve como subsiste a realidade alxemada “ao poema no ponto mais frágil”. Como mínimo o mundo merece ser re-contado á marxe da tradición relixiosa. Remata o capítulo cunha necesaria exaltación do amor como sinónimo de afinidade e recoñecemento entre os corpos, iso que chaman amor.
O caos xenera confusión e esta desasosego, mentres o tempo vai pasando sen se importar de nada. E a voz poética sofre ao non dar establecido a orde na que suceden as cousas. Eis teñen outra utilidade da poesía, esa arma que se esforza en establecer a verdade, aínda que esta dure o tempo xusto no cal permanecen as pegadas na area, cuantificado nun minuto, metapoética que avisa da necesidade contínua de renovación poética. A realidade preséntase como fuxidía, inapreixíbel, fugaz e vertixinosa, mesmo aínda que nos pareza estantía, inmóbel, parada, até o punto de precisar un inimigo, pois polo menos o inimigo sábese de onde vén. E todo isto nun contexto que nos ofrece o título da segunda parte ou capítulo: “Beatus ille”
“Tempus fugit” titúlase o terceiro capítulo. Comecemos dicindo que o poemario contén múltiples referencias ao tempo estacionario. Unha estratexia moi útil para a evolución do pensamento poder ser avaliada, se a hai, por un sinal, o eloxio da poesía como milagre extraordinario, a reivindicación da amizade a través do tempo, mais iso, no tempo emprestado que vivimos non evita as cicatrices, nin a ameaza constante da morte. Contra isto nada pode nin a exaltación da inocencia (tan propia dos anos máis novos) nin o feito de que espertemos cada día, cada día un día máis, máis vellos. Sobre a vellez e os vellos, a voz poética non ten precisamente cariño senón unha lóxica fría, descorazonadora e, a pesar de todo, xusta. E que fan @s poetas do mundo? Pregunta interesantísima. Resposta lóxica aínda residindo en latitudes ben diferentes son quen de se inmiscir no día a día da voz poética. Azar? Sobre iso chega un miniconto escrito en forma poética, un hipotexto que deixa para quen le a facultade de crear o hipertexto en que concluírá, como a boa poesía. Finalmente todo se resume, a vida resúmese nunha partida de dados/pedras, na que é posíbel facer trampas, mais a súa utilidade xa é outra cousa,
“Carpe diem”. Como ven o recurso a mitos clásicos é unha variábel constante. Ten o seu sentido, os seus significados. Para alén da denotación e connotación que leva a un continuarse noutro, é preciso atoparlles outro sentido, outro alcance. Verémolo despois. Agora continuaremos repasando a continxencia que pon remate á parte física do poemario, e esta iníciase cunha chamada a revalorizar o banal, esas cousas que acontecen a redor de nós e non lles prestamos atención. Unha chamada desde a teoría e desde a práctica, que nos anuncia un incendio. Perante a imposibilidade de ordenar o caos,o azar, e de que este deixe de nos ser desacougante até extremos difíciles de aturar, aconsella durmir vestidos, estar sempre dispostos para a viaxe final, esa paraxe definitiva que leva o nome de cada un de nós, mesmo preparar o escenario. Reafirma a necesidade de que quen le o faga de forma activa, que volte ao poema se é necesario mais que sempre sexa unha lectura proactiva, reflexiva. Da mesma maneira en que a voz poética non sosega se non é quen de atender a vida que se abre todos os días, e sobre todo dialogar a través da poesía con quen le.
Unha vez visto o contido é a hora de contemplar o relativo á forma. Sendo a obra vencedora do Premio Gloria de Sant´ Anna 2024, iso xa é todo un aval de calidade na escrita poética. As poesías aquí tenden a ser breves, e iso defíneas como un exercicio de condensación moi logrado. O autor xoga moi acertadamente co ritmo expositivo. João Luís Barreto logra sorpender texto a texto. Polo xiro do prisma temático (sempre dentro das coordenadas vistas), pola disposición versal (que concede moita importancia ao destaque de determinadas palabras e ideas, outras veces québraas), evidentemente o uso dos encabalgamentos é constante mais moi calibrado en cada poema (coa dose de violencia necesaria, nunca excesiva), ás veces consegue mesmo ser orixinal mediante concepcións do poema novidosas, modernas.
O resultado é un poemario que transita desde a antigüidade clásica até a vangarda máis plena. A súa lectura non só é agradábel pola calidade da escrita poética, tamén logra interesar a quen le. Deste xeito o libro é un faro en constante movemento, tanto para quen le como para quen escribe Quen escribe e quen le. O autor é moi consciente de que se non é lido o libro é coma se non existira, nin a súa poesía nin el mesmo como voz poética. Por iso a súa é unha poesía todos os días aberta a novas lecturas. A concepción do texto poético como hipotexto sobre o cal que le elaborará un ou máis hipertextos connotativos, é a columna basilar da poesía máis nova.
ASDO: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación Galega da Crítica)