O LUGAR ONDE ESTIVEN
Título: O lugar onde estou
Autor: Vicente Araguas
Editorial: Galaxia
Escribir crítica literaria sobre un libro de relatos supón sempre un compromiso non sempre doado de resolver. Ou un fala do conxunto e relatos ou os debulla un por un (sempre procurando fuxir do spoiler). Neste caso do libro de Vicente Araguas, sendo 22 relatos, a segunda opción levaríanos a que esta crónica libresca fose desproporcionadamente grande; e no primeiro obriga a un exercicio de síntese certamente grande. Nós escollemos a segunda posibilidade. Desa maneira enténdese mellor o título que puxemos a estas liñas, porque se cada relato supón un punto de destino narratatorial tamén é certo que deles marca tamén o lugar de onde parte o narrador. O lugar onde estivo, pois este evoluciona segundo se van pasando as follas, e dá unha imaxe, máis xeral e tamén máis concreta, do punto de partida narrador.
No caso concreto do libro do que estamos a falar, O lugar onde estou, prséntasenos un narrador que con moito desenfado e tamén moito saber contar nos vai ir relatando os diferentes enredos que compoñen o volume, que tanto poden representar unha pasaxe significativa no conxunto dunha(s) vida(s) como, a partir del dar conta des(s) vida(s). Sempre, como dicimos, facendo gala dunha praxe narrativa moi salientábel. Ou o que é o mesmo, quen le sábese acompañado en todo momento dun narrador moi experiente que quere deixar o mellor de si en cada páxina. Ademais amosando un desenfado, se queren tamén humor, que habelo haino, que non conduce á banalazización do tema e enredo tratados senón que inclusive pode supoñer unha firme actitude de compromiso. Deste xeito, quen lea o libro pode estar segur@ de sentirse acompañado por un narrador ou narradora que con moita atención e vagar irá dando conta dos sucesivos enredos que se van ir presentado.
Na miña opinión isto é o máis definitorio que achamos neste volume de relatos, nunca excesivamente longos, sempre coa distancia exacta que determina un narrador ou narradora competente e áxil, pois sabe dotar a cada enredo dunha axilidade narrativa que non discute co contar vagaroso e desenfadado. O cal debemos considerar como o lugar de partida, ou un dos lugares de partida, desde o cal se nos vai narrar o conxunto do libro, conxunto que se vai ver caracterizado por ese punto de partida en cada relato, incluída algunha distopía que podería representar un grande obstáculo para o ton que xeneraliza o volume e do cal xa demos conta.
Este contar para a xente, este contar para que a xente o pase ben lendo, tamén ten o seu lado menos positivo, un tributo que se paga e non era necesario, mais parece que o ton desenfadado abriu as cancelas á aparición duns castelanismos con moi mala xustificación ou, simplemente, con ningunha. Aínda que no texto do relato hai un esforzo por xustificalo, refírome ao relato “Culo redondo”, a verdade é que non acaba de convencerme. E outro caso, absolutamente inxustificábel é o de “Briyí Bardó”, pois a lectura sería exactamente a mesma con “Brillí”. Menciono estes dous casos como os maís aparentes, emporiso no son os únicos.
Salvando esta carencia que vimos de comentar, do resto aí teñen un libro de relatos de lectura agradábel, desas que reconfortan, que ademais non esixe continuidade nas sesións lectoras, poden pousalo cando queiran e retomalo cando lles apeteza, na seguranza de que van atopar un contar fluído e desenfadado.
ASDO.: Xosé M. Eyré
(membro da Asociación Galega da Crítica)