crítica de A HISTORIA DE SARA, de Francisco Castro, en Galaxia

Porxmeyre

31/03/2023

FLUXO DE CONCIENCIA ILUSTRADO

Título: A historia de Sara

Autorías: Francisco Castro e Luz Beloso (ilustracións)

Editorial: Galaxia

Xa lles adianto que non penso faceer distinción entre fluxo de conciencia e monólogo interior, porque a finalidade é a mesma, describir o proceso de constitución interna dunha personaxe. Aínda que o monólogo interior adoita utilizar feitos ou acontecementos previos á narración, e iso ben podemos constatalo aquí, o certo é que non existen no discurso datacións anteriores a este senón sucesos que encadeados forman un único enredo. Ademais, a protagonista é unha nena, o cal axuda a que desaparezan do discurso as referencias temporais e sexan substituídas polas causas. A este respecto cómpre indicar que Francisco Castro demostra aquí unha grande pericia no uso desde recurso literario.

                En canto ao enredo en si, está orientado a responder a unha pregunta: porque razón non fala Sara?, que misterio agacha o seu silencio? Visto o enredo desde fóra, unha vez rematada a lectura aparécesenos que o culpábel é o que ten que ser e se foi insinuando nas súas actitudes durante o discurso. Porén, mentres se está ler, quen le só pensa en como funciona o fluxo de conciencia de Sara, está presentado de tal xeito coma se fora un imán que succiona a lectura e quen le só atenda ao desenvolvemento dos feitos que o fluxo de conciencia de Sara nos presenta. Sara é unha rapaza, dotada de Altas Capacidades, que non fala con ninguén agás co fantasma ou espectro do seu pai e despois cunha amiga coa que empatiza rapidamente. Tamén é filla dun matrimonio frustrado, o cal achega un plus de versemellanza ao discurso, pois quen le ten a intuición ou certidume de que na soiciedade de hoxe esta é a realidade máis común. E, do enredo non imos dicir máis nada.

Agora é o momento de falar das ilustracións. Trátase dun álbum ilustrado, cada páxina ten a súa ilustración. Nelas, a cabeza das personaxes, sobre todo a de Sara, adoita presentarse sobredimensionada, non moito, o suficiente como para que quen ten o libro nas mans se decate do pormenor. Iso non acontece cando na ilustración aparece o pai, obxectos ou partes da anatomía. Tamén hai unha personaxe da que nunca vemos a cabeza, tampouco direi cal é, pois ten a súa importancia que quen le o identifique. As ilustracións son, a xuízo de quen isto escribe, especialmente fermosas, e, nelas, salienta, especialmente tamén, a representación do pai morto de Sara, a través dun recurso moi simple mais tamén moi efectivo. E complementan moi axeitadamente o texto, mesmo se pode dicir que simbolicamente, pois o pormenor mencionado das cabezas, pode ter ese valor nun discurso que trata dos abusos sexuais a menores.

O libro está composto e deseñado para a lectura nunha única sesión, dunha sentada, pois interesa desde as primeiras palabras deica a solución final. Nisto, na dosificación da información tamén demostra grande mestría, Francisco Castro, e non é aspecto menor senón dos fundamentais neste tipo de libros. E, se o enredo se mete dentro da cabeza de quen le con tanta forza, o mesmo se debe dicir das ilustracións de Luz Beloso, que, xa o dixemos, inquietan a quen le desde o inicio até o remate.

Queren vostedes unha lectura desas que deixan a un cheo e se fan nunha, ou pouquísmas, sesións lectoras? Pois este é o seu título

Queren vostedes un álbum ilustrado onde se demostre o alto nivel da ilustración galega? Pois este é o seu título.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

2 comentarios en “crítica de A HISTORIA DE SARA, de Francisco Castro, en Galaxia”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content