crítica de A MONA DE SCHRÖDINGER, de Uxío Larvós, en Baía

Porxmeyre

12/03/2023

VIRTUDES E FRAQUEZAS DO HOMO SAPIENS

Títuo: A mona de Schrödinger

Autor: Uxío Larvós

Editorial: Baía Edicións

A literatura, sobre todo a narrativa, sempre é un experimento sociolóxico cifrado nas palabras que conforman o enredo, en maior ou en menor medida e aínda que esteamos a falar de literatura de xénero. Esta novela de Uxío Larvós, vén demostralo outra vez. Partindo do concepto de transmigración a outros corpos, a unha bonoba (@s mon@s que máis se parecen a nós) falecida non se lle pode proporcionar o corpo doutra, como moito dunha especie similar e a que máis se lle parece (nun 98,4%) é a do homo sapiens sapiens. Acepta esta transmigración confiando en que ese 1,6% non vai supoñer grande diferenza, e equivócase. Acéptao malia ser unha bonoba agora circunscrita a o corpo dun homo  sapiens sapiens masculino. Ben, unamos a isto que segundo a física cuántica un electrón é unha partícula que pode estar simultaneamente en dous sitios á vez. Para demostralo aí está o paradoxo de Schrödinger, que consiste en, nunha caixa opaca, poñer nun canto un saquiño de electróns, un martelo conectado a un sensor de luz que rompería o  saco de activarse, e un rato tamén por alí; se se abre a caixa e o martelo activa os electróns, como estes poden estar en dous sitios á vez, o gato podería estar vivo e morto á vez.

Este é o punto de partida desde o cal Uxío Larvós nos vai contar o enredo da bonoba que agora está no corpo de Suso, e cuxa identidade asume. E faino en primeira persoa, coma unha especie de diario ou caderno de campaña, desde a voz da bonoba, que nos contará todo desde un espírito desenfadado e crítico á vez, a partir do diálogo que establece con quen le. Sen dúbida, este equlibrio narrador é o grande achado de Uxío Larvós nesta súa primeira novela. A quen le créalle un clima de confidencia no que se sente moi á vontade, e a partir do cal se poñen en solfa as contradicións e fraquezas do ser homo sapiens sapiens. Tamén algunha virtude. Porén é importate que se diga que este Suso receptor é un adolescente na beira da maioría de idade, mais suxeito a situacións de bullyng ou acoso escolar que trata de evitar como pode. Unha situación que se agrava ao pertencer el ao mundo rural de que tanto se burlan e abusan os urbanitas. Larvós non sitúa temporalmente o enredo, de xeito que esta contraposición (Versache, os urbanitas, e Ver Sacho os do mundo rural) é o único indicio de que dispoñemos para a localización temporaria; o cal importa ben pouco porque ese confrontamento dáse desde sempre e non ten visos de rematar.

Xa aquí, cómpre dicir que a situación persoal de Suso dá ao enredo un aquel de novela de formación que vai ser quen dirixa en adiante o relato. Non se entra de cheo no conflito xenérico (bonoba en corpo de humano masculino) mais si no do acoso escolar e no abuso urbanita sobre o rural. Todo porque Suso-bonoba e Xenaro (os dous membros de familias “desestruturadas” nas cales o alcohol condiciona a vida) descobren un tipo de píntega en perigo de extinción, xusto no lugar onde unha empresa urbanita deposita os entullos e sobrantes das súas obras sen miramento ningún. Isto vai operar que Xenaro se transforme e pase a actuar como unha persoa responsábel, tomando mesmo a iniciativa á hora de vingarse de Versache e o construtor en cuestión. Ben, en realidade trátase dunha píntega en extinción e tamén dunha caste de fentos que corre a mesma sorte.

O que sería mellorábel é a fraseoloxía, ás veces calco semántico do castelán, mais non deixa de ser un indicio de como se atopa hoxe a nosa narrativa. Porque, do resto, esta é unha novela que se le con agrado crítrico. Con agrado desde ese desenfado humorístico con que nos é contado o enredo. E crítico porque esa mesma voz evidencia  as fraquezas e contradicións dos sapiens-spiens.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(membro da Asocición Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content