QUE NOS FAI HUMANOS?

Título: Entomoloxía para misioneiros

Autor: Fernando Castro Paredes

Editorial: Galaxia

Nada máis ler o título veu ás miñas mentes a Nova Nursia, de Héctor Cajaraville, novela que nos achega a figura de Frei Rosendo Salvado, fundador da meirande misión católica en Australia. Certamente nesta entrega de Fernando Castro Paredes, a xeografía é outra, mais a misión evanxélica segue existindo. E ao pouco de estar lendo foron As florestas do Mañuema, de Martínez-Oca quen tamén se me presentou como un posíbel referente, pois se Martínez-Oca recuperaba o mito de Stanley e Livignstone, encontro do que se fixeron 150 anos no 2021. Porque aquí, falamos da novela gañadora do García Barros 2023, na que tamén existe a procura, neste caso do misioneiro De Luca, tarefa que a familia do desaparecido encomenda a Jean Baptiste La Forrestière. Home francés cultivado en ciencias, xa nunha idade madura, e voceiro  da “Fe Verdadeira”, vai ao encontro dun home mal encarado chamado Abdullah, mais dos poucos que manteñen relacións co misterioso Pobo Gris, pois nos seus dominios é onde desapareceu o misioneiro De Luca. Abdullah é unha personaxe curiosa que xura decote ”por todos os deuses nos que non creo”, e, como guía será personaxe central en boa parte da novela, ficando La Forestière como submiso seguidor das súa ordes.

A viaxe cara ao territorio onde vive o Pobo Gris é toda unha peripecia con La Foretière montado nunha mula vella, sempre no límite das súas forzas, a carón da comitiva que viaxaba en camelos. Por certo, a mula avanza segundo La Forestière lle vai cantando cancións francesas. Eis un pormenor humorístico que trascenderá algo máis. Ao límite das súas forzas físicas e tamén intelectuais, pois non lle resulta nada doado entender a realidade humana que o rodea, cousa que lle traslada por escrito á signora De Luca. En realidade a novela conta con dúas partes ben diferenciadas: primeiro a peripecia da viaxe, onde é novela de aventuras; e despois, xa nos dominios do Pobo Gris, transfórmase en novela distópica. Ambas partes teñen en común a disxuntiva entre fe e razón. Xustamente cerca do medio da novela reprodúcese un enfrontamento dese calibre na Sociedade Xeográfica de Lisboa.

Na novela reprodúcese con habelencia o discurso ampuloso, decimonónico, raiano no barroquismo, moi axeitado para transmitir a natureza sensíbel tanto de La Forestière como da mesma signora De Luca, que por ser de clase podente se lle asimila de facto. E non por iso o ritmo narrativo se resente. Isto contraponse ao rexisto vulgar en que fala Abdullah. Mais a razón non ten nada que ver coa sensibilidade nin coa carencia dela.

Hai unha pasaxe que me resisto a non comentar: cando un presbítero da Fe Verdadeira ergue unha modesta casa para proclamar a súa fe e facer apostolado, e esa casa resulta comida por un exército de térmites que levan por diante inclusive o harmonio no que tocaba obsesivamente o presbítero. E é que os insectos inclusive dan título aos capítulos, son moi importantes, sobre todo na parte distópica. Poden tirar as súas conclusións.

O Pobo Gris resulta ser unha xente que se comunica sen palabras. Acenos, posturas, movementos e demais linguaxe non verbal. É maneira que teñen de comunicarse. Mais comprenden a linguaxe de Abdullah. E aquí xorde a pregunta: como o Pobo Gris, ao cal moi pouca xente branca puido achegarse, pode comprender tan ben a linguaxe de Abdullah?, como levarlles a Fe Verdadeira a xente que só xesticula e non fala?

Asemade os hábitos culinarios do Pobo Gris son tamén moi peculiares, pois neles teñen gran importancia os insectos, que a La Forestière o anoxan moito. Lembremos que antes os insectos devoraron a casa do presbítero. E aínda por riba, o que non son insectos é carne non procedente de animais. Era o que lle faltaba ao espírito delicado e físico xa moi próximo á extenuación do pobre do misioneiro. E non desvelaremos nada máis do enredo.

Non pasará por alto a homenaxe aos misioneiros aventureiros do século XIX, e que antes mentamos. Aquí teñen unha entretida novela de aventuras, cousa que polo título non é doado adiviñar. Iso si, nos parlamentos da Sociedade Xeográfica de Lisboa, a sintaxe portuguesa debería ser mellor atendida.

E a cuestión fica aí. Que nos fai humanos? O dominio da palabra? A fe? A razón?

Leran, lean.

 

ASDO:. Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content