crítica de EN EFECTO BOLBORETA, de Ana Pillado Vega

Porxmeyre

23/06/2020

EUTOPÍA. EUTOPÍA….

Título: En efecto bolboreta

Autora: Ana Pillado Vega

Editorial: Fervenza

Sexamos claros desde o inicio. Esta non é unha novela ao uso ou á moda dos tempos que vivimos. É novela, si, non teñan dúbida, mais desas novelas que constrúen o seu propio mundo e referencialidade. Quremos dicir con isto que quen a lea non vai atopar nin unha temática típica da república novelesca actual, nin tampouco formalmente se asemella a como vimos vendo que se manifesta a novela (por moi vangardista que esta sexa). Pódese dicir, logo, que estamos diante dunha novela moi orixinal tanto no fondo como na forma? Pois pode, e conste que o dicimos a sabendas do complicado que hoxe en día resulta atopar algo que verdadeiramente resulte “orixinal”. É necesario comentar isto para que ninguén se chame a equívoco porque aquí atopamos un pacto lector ben diferente do habitual nas novelas do momento. E faise necesario lela sen présas, nun “tempus” propio onde a vertixinosidade tramática (tan habitual) debe deixar lugar a unha lectura serena e moi reflexiva.

                     De primeiras digamos que se trata dunha eutopía. Unha eutopía, rara avis, hoxe, onte e trasantonte. A autora é moi consciente diso, polo cal, desde a primeira liña propón un uso da linguaxe, un estilo narrativo, que ben se pode enenteder como barroco. Unha ampulosidade narrativa que, tamén se desprende da propia narración, está en contraposición á racionalidade renacentista. Porén, admitindo que se lle poida chamar barroco, ou precisamente por iso, na nosa opinión a  autora, Ana Pillado Vega ( que tamén é autora das ilustracións que salfiren o texto), propón unha volta á narración que se recrea, que se autoreferencia, no amor polas palabras. Antes de nada, iso. O explícito amor pola palabra, que noutros discursos non pasa de obxecto instrumental.

                     E é unha eutopía. Nun tempo proclive ás distopías, ese non-lugar que resulta un lugar, unha sociedade alternativa despois dalgún tipo de caos (normalmente resultante de tantos anos de capitalismo salvaxe), Ana Pillado non é que volva á utopía (ese lugar ou sociedade desexábeis, ideal) senón que vai máis alá e proponnos unha eutopía, é dicir, unha utopía desde o seu lado máis desexábel, desde o seu mellor lado. Si, xa sabemos que non resulta doado discernir entre eutopía, utopía e distopía, porque sempre hai algo dunha nas outras. Mais a esta lectura tan singular acáelle ben cualificala de eutopía.

                     Aquí non se presenta unha sociedade despois do caos, dun caos concreto que obriga a reformular o xeito de vida. Si hai unha resposta ao caos, mais ese caos concreto son todos eses anos de capitalismo-consumismo salvaxe que trouxeron o planeta a unha situación na cal o respecto pola natureza se perdeu (e así estamos como estamos). De xeito que o que propón é unha revolta da “bichería”; cansa de tanto desastre ecolóxico, a bichería resolve que é necesaria unha revolución que remate con tanto descoido e agresión ao medio ambiente (no cal tamén vive a bichería, polo que os atinxe directisimamente). Esta revolta da bichería (precisamente dos animais máis pequenos, como insectos, que por iso, por pequenos adoitamos ter moi pouco en conta) non conta precisamente con moitos antecedentes literarios, que nós lembremos. É certo que, nun principio, pódese pensar en Animal Farm de Goerge Orwell; ou tamén, xa no cinema, n´A rebelión dos simios (Conquest of the Planet of the Apes, 1972, J. Lee Thompson, 4º filme da saga concretamente, calquera dos outros títulos pode valer tamén), mais non deixan de ser iso: parecidos.

                     Tamén é unha novela moi colorida, o cromatismo resulta absolutamente fundamental, xa non só no desenvolvemento da trama senón tamén nun remate que apela directamente a el como síntoma dunha nova “era”. E ao seu carón non debe esquecerse o constante recurso ás artes, a única herdanza en positivo que se pode agardar da civilización que propiciou o desastre. Deste xeito aparecen abondo referencias á música (clásica, tradicional e mesmo rap ou hip-hop), á danza, o circo, e tamén, tamén á pintura (Urbano Lugrís, e non só el)…e, por suposto, á beleza creada con palabras, a literatura. Son moitas as referencias literarias, referencias que moitas veces se fan usando versos (ou parte deles, ou fraseoloxía integrada na narración, nunha integración nada forzada, que sabemos pertencente a determinados autores, vaian como exemplo Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro) e mesmo ás veces se citan eses autores, poucas veces (que lembremos, faise só con Cunqueiro e Kafa, para alén de Manuel María que ademais de aparecer no discurso é un poema seu o que primeiro se le antes de comezar a novela, e Luísa Villalta, que tamén encabeza un capítulo). Neste apartado das referencias literarias hai que ter en conta ese certo ar de cantar de xesta que desprende o discurso; e tamén, tamén por aí aparece a literatura medieval galega. E á súa vez cómpre dicir que a autora bota man e integra outros formatos literarios como o diario ou o teatro, como tamén hai referencias á comedia dell´arte, as lendas tradicionais ( moi ben integradas no discurso), ou o pasado celta…

                     A esta reivindicación ecoloxista non lle faltan tampouco doses de ironía nin, ben se pode colixir despois do lido, a crenza de que será a beleza quen salve o mundo do estado corrupto (ben denunciado na novela) en que nos atopamos, ao que nos trouxo o capitalismo salvaxe tan abeirado aos reximes políticos totalitarios, tamén denunciados.

                     Á súa vez non se pode esquecer que a novela de Ana Pillado tamén ten unha lectura en clave feminista que, de seguro, ha ser moi suxestiva.

                     E, xa para rematar nun discurso formalmente tan coidado, preñado de poesía (sen que por iso haxa que falar de prosa poética) e que tamén integra poesía ( e boa poesía), que nos devolve o pracer da lectura mediante un texto moi traballado…o pracer da lectura pola lectura, sen máis, pero tamén co atractivo da reivindicación ecoloxista…O único que non nos gustou foron certos calcos semánticos ( ir ao gran, tomarse un tempo…por exemplo) igual ca algúns castelanismos evitábeis (Héctor, por exemplo, ou Trikiñuelas).

                     Do resto, gocen dunha novela orixinal e reivindicativa, comprometida socialmente e comprometida literariamente cun estilo narrativo moi coidado e absolutamente infrecuente nos nosos días, que propón a escrita como lugar de reflexión mais tamén, e isto é moi importante, como un exercicio lúdico do cal disfrutar e do cal aprender.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content