CARA A ONDE VAI A LITERATURA GALEGA?

Porxmeyre

24/06/2020

Recoñezo que, a estas alturas, semella un chisco cedo  para atinar con certa precisión co decorrer da literatura galega despois do tempo de confinamento. Seremos quen de recuperar a normalidade anterior? Todo o mundo fala da “nova normalidade” e ben nos meteron na cabeza que “nada vai ser igual ca antes”. Porén hai algúns indicios que non debemos deixar pasar por alto e que nos poden dar una idea do devalar que levamos e de certas cousas que deberíamos corrixir (sob perigo de diglosia editorial ou mesmo de desaparición, lenta pero irrefreábel?)

Comecemos polo principo. Que nos saiamos, que primeiro se manifestou a cerca da deriva da literatura galega é Diego Ameixeiras.

Do seu artigo hai algo que me prace especialmente e no que moi pouca xente repara: recuperar un tempo de impacto máis dilatado dos textos literarios. Sempre botei de menos ese tempo, antes normal: como crítico e como lector permite una análise máis sosegada, menos precipitada e urxente. Porén, a que prezo recuperar ese meirande tempo de impacto? Non se me ocorre outra forma que a de ralentizar, e moito, o ritmo editorial galego; editar moito menos. El mesmo o recoñece. E iso xa non me prace nada, sería como afogarnos, habendo tanta autoría que desexa ser édita.

Conclúe Ameixeiras: “quizais haxa que armarse cunha vara de radioestesista para detectar eses libros subterráneos, sen lei nin principios, que nunca deberían camiñar sós.” E non concordo absolutamente en nada. Literatura sen lei nin principios? Iso non ten porque ser necesariamente literatura, e, por suposto, tampoco ten porque ser literatura da boa (técnicamente salientábel). Quéirase ou non a literatura si ten lei e principios, tanto a tradicional coma a máis anovadora e rupturista ( as hiperbrevidades) que teima en atopar novos camiños; poi si, tamén la ten as súas leis e principio, descritas en galego desde o Nin che conto e que revisarei non tardando.

E agora volvamos “á realidade”. Esa realidade amósanos a fotografía dunhas autorías (cada vez máis) que suspiran pola tradución ao castelán e mesmo autotraducóndose. Non son inimigo das traducións, mais tal e como se está a facer hai que sospeitar. Porque existe o perigo de escribir en galego pensando na tradución ao castelán, velaí a diglosia autorial, moito peor que a que indica o non sermos capaces de empregar una onomástica galega plena. En fin, disto, da concepción bilingüe do texto xa escribín e non vou repetirme; só dicir que hoxe, agora, máis que “concepción bilingüe” do texto preciso que se debe falar de diglosia textual, pois denota una escrita de saída en galego, si, pero condicionada e subalterna á castelá. Por suposto tampouco imos repetir a peculiar forma de escribir de Domingo Villar, á vez en castelán e galego dentro do mesmo texto.

Cada vez son máis as autorías que optan por este procedemento. Sendo aínda por riba que despois empregan as “críticas” (moitas, moitas veces só opinión particular que de “crítica ten pouco”) en castelán para “engrandecer” a súa obra como escritoras ou escritores que se supón parten da lingua galega. Por non falar de se na tradución se indica ou non o idioma orixinal da creación. En definitiva estas autorías só están a ser negocio para editorias que ven iso, “negocio” na publicación de autorías periféricas, atrévome a pensar, por riba dos valores literarios da obra en cuestión. En definitiva estas autorías bi-partitas a quen lle fan máis ben: á literatura galega ou á castelá?

Porque, se antes, hai décadas, polo menos até os comezos deste século, rara era a autoría que, de facerlle a pregunta, non respondería que escriben en galego para contribuir a diversificación e normalización dunha literatura que, coa chegada democracia, só pasou de ser “proscrita” a ser “tolerada” pero que  nunca achou a “normalidade” (entre otras cousas porque sempre careceu de apoios “oficiais”) na súa loita por sobrevivir nun mercado dominado pola literatura castelá (véxanse os espazos que nas librarías ocupan a literatura castelá e a galega, aí hai outra diglosia). Esa resposta vai acompañada das necesidades expresivas de cada autoría, e da urxencia de “comunicar” ou “conectar” co lectorado galego. Ben claro, lectorado galego. Porén hoxe son cada vez máis as autorías que se fan eco da necesidade de “que @s lean”. Pois para iso o mellor igual era o esperanto…

Nisto das traducións ao castelán tamén hai que contar con aqueles títulos que se publican en galego non polos seus valores literarios senón porque tamén van ser publicados en castelán. Esta práctica deu á luz algúns títulos en galego con escasísimo valor literario.

En xeral, vimos falando de narrativa. Mais tamén acontece na poesía, onde as novas autorías rara vez ven a luz se non é da man dun premio. Tamén falando en xeral, pódese albiscar un circuito poético onde teñen cabida unhas autorías de moito valor literario mais incapaces de incorporar novas voces ao ritmo que estas se manifestan. Aquí tamén hai “intereses” editoriais, tamén. E ao seu carón, un número considerábel de autorías (de moi variábel valor literario) que apostan por unha existencia literaria, a maioría das veces en autoedicións (en editoriais foráneas) mais que chegaron mesmo a irmandarse con autorías portuguesas. A súa é una poesía menos culta, de moi variábel valor literario (ás veces non pasan de simples afeccionados á versificación), si, mais con moita máis capacidade de chegar á xente, ao público en xeral, ao lectorado en xeral.

Nisto, cabe lembrar @s Poetas Ambulantes brasileir@s, que reparten poesía impresa ou simplemente a declaman (nunha tentiva encomiábel de divulgar a poesía, facerse notar e chegar á xente) no transporte público. Visto o visto cabe preguntarse cantas autorías, de entre as máis recoñecidas, serían quen de “facerse entender” polo público no transporte público galego? Cabe o perigo de que a poesía galega máis culta ou de máis valor literario sexa cada vez máis unha poesía para ler, e, tamén “cada vez máis” abandone a dimensión oral do texto (nisto, @s poetas afecionad@s ou menso cultos levan as de gañar, porque a súa poesía será simple mais chega noito mellor á xente).

Ben sei que isto son só indicios, porén son indicios que se van impoñendo co paso do tempo.

E agora vai a pregunta: é esta a literatura que queremos recuperar?

Pénseno.

E non deixen de ter en conta que o futuro da literatura galega está íntimamente ligado ao futuro da lingua. Cando xa non haxa lingua pode que si siga habiendo literatura, por un tempo, moi diminuída, só a efectos escolares. E o futuro da literatura e da lingua tamén está íntimamente ligado ao mundo do nacionalismo. Non me gusta nada escribir isto, mais é a verdade. Só o nacionalismo (máis ou menos independentista, sempre cos seus matices) está preocupado polo futuro da lingua galega e da literatura galega (Ben, o PP tamén, pero para afogalas, para rematar con elas). Non deixa de ser unha anomalía, porque nin autorías nin lectorado teñen porque pertencer a un determinado sector ou ideoloxía política. Non é normal, non, mais é o que hai (e o que houbo, porque a historia da literatura galega, desde o XIX, e non só desde o Rexurdiento, está directamente ligada aos sectores máis progresistas, galeguistas e nacionalistas, que foron os que turraron por ela). Pensar outra cousa é facer castelos en Hespaña, que dirían os franceses.

Do mesmo xeito que sempre fun partidario da literatura militante, da literatura comprometida cunha terra e cun tempo…agora paréceme que necesitamos con urxencia un lectorado militante ( e, loxicamente, para el hai que escribir se queremos que lea). Porque, non o esquezamos, seguimos a ser una literatura TOLERADA, non normalizada e da cal a Administración (que debería apoiala, fortalecela e axudar na súa divulgación…que é outra industria máis, carafio, e dela depende moita xente) que debería amparala…precisamente o que desexa é a súa desaparición!

E, finalmente, pensemos que una literatura é moito máis có conxunto binario de autorías e casas editoriais. Resulta imprescindíbel a crítica, resulta imprescindíbel o lectorado e resultan imprescindíbeis a libraría e a biblioteca. Algo que boto a faltar no FLIV 2020, que dito sexa de paso, agardemos que chegue para quedar.

Cómpren sinerxias. Traballar no mesmo bando e non dar balas ao inimigo. Que haxa unha conxunción entre as diversas instancias da literatura galega, sobre todo entre autorías e lectorado. Que as autorías saiban para quen escriben e por que, que saiban conectar co lectorado, un lectorado que sexa quen de verse reflectido no que le porque o que le é algo máis ca un pasatempo.

É o que penso. E insisto, debería ser á marxe de ideoloxías políticas, mais só hai unha da que podemos agardar algo positivo, infotunadamente.

É o que penso e aquilo polo que deberíamos loitar se queremos mil primaveras máis para a literatura galega.

(Eu, querer, quixen albiscar algún tipo de vieiro de futuro para a nosa literatura. Porén, primeiro, hai que saber de onde se parte e isto rematou sendo unha parcial foto de inicio)

Porxmeyre

Un comentario sobre «CARA A ONDE VAI A LITERATURA GALEGA?»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content