REALISMO, REALISMO, REALISMO
Título: Diario de dúas casas
Autora: María Villamarín
Editorial: Euseino?-Rúa do lagarto
A tradición realista na narrativa de nós é longa e chea de “matices”. Como mínimo podemos retrotaernos á Xeración Nós, onde Otero Pedraio chega a ofrecernos xa un “realismo autoreferencial” en Pelerinaxes, Castelao tamén nos Retrincos e de raigame popular nas Cousas. Por sinal. De aí podemos pasar deica o “realismo suxo”, se se quer, por medio un realismo tradicionalista. E agora ao “realismo autoreferencial”. A cuestión é que o que necesitamos, e xa o dixen na “Historia da Narrativa Actual” da AS-PG e ANT, é un realismo sen matices. Porque neste repaso de urxencia deixamos de mencionar moitos outros tipos deste xénero, por sinal, “o realismo máxico” etc
En consecuencia, non resulta nada doado meterse por estes camiños tan transitados. Non. Resulta un reto maiúsculo. María Villaverde afróntao desde a sinxeleza aparente do diario. Do diario contrastivo entre a realidade que vive no rural en que naceu e se educou primeiramente, onde se nos revelan as sensacións que sente mentres está aí coa familia; e a realidade que vive na cidade (ou outros lugares alternativos que a impresionan) e que a vai alonxando da da aldea, de tal maneira que o que antes era contrastivo tamén se volve agora complementar, é dicir: dúas facianas que contrastan entre elas mais tamén se necesitan.
Esta é unha situación que vivimos moit@s, por exemplo este mesmo que escribe e, antes de nada, moitísim@s lectoras e lectores. E que está reflectida noutros títulos. Permítanme que mencione dous, que mentres lía a novela de María Villaverde non fun capaz de alonxar da miña mente Dos anxos e dos mortos do falecido Anxo A. Rey Ballesteros. E non so, poderían ser moitos outros títulos, mais esta vez foi Fisteus era un mundo, de Lupe Gómez, onde o mundo rural se expón como unha forma de vida diferente, natural, sensíbel, un pouco como aquí cando a narradora do diario se atopa na aldea.
Sendo esta a primeira novela da autora, cómpre sinalar a súa valentía á hora de encetar un camiño nas nosas letras tantas veces andado. Sen dúbida a novela faise pequena para quen le, o cal indica que merecía máis desenvolvemento onde a autora demostrara con máis eficacia os seus dotes. Porén esta colección que dirixe Berta Dávila xa non sería o seu lugar de edición. Desta maneira digamos que esixe en quen le unha colaboración activa, vai dirixida a ese tipo de lectura.
Antes de rematar hai unha cousa que quero comentar. E é a contínua referencia a autorías estranxeiras. Non é que teña nada na contra delas. É que por ningún lado aparece nunca unha referencia a tantas autorías galegas como poderían parecer aquí, con non menor mérito das que si se mencionan. Non me gustaría que isto, que tampouco é exclusivo desta autora senón de moitas máis, significara a quebra xeracional entre autorías actuais e as que nos trouxeron deica aquí, ese é o meu medo.
ASDO.: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación Galega da Crítica)