PARA DIVERTIRSE (e pensar un pouco)

Título: Caixa B

Autor: Jorge Emilio Bóveda

Editorial: Toxosoutos

Para as autorías que escriben xénero detectivesco, atopar unha caracterización do seu protagonista central que sexa diferente das xa existentes considéroo un labor ben complicado. Jorge Emilio Bóveda configurou o seu detective Páez de maneira singular. Padece narcolepsia leve, e é un amador compulsivo dos libros que conteñen biografías de figuras senlleiras da Historia Universal. Precisamente este segundo aspecto verase reflectido no discurso desta novela, pois aparecen extractos intercalados no texto. Asemade vive nun estado de pobreza case ascético. Viste de maneira “peculiar” e conduce un automóbil desfasado (un Renault 11) que aínda carbura. Isto fíxonos lembrar un pouco o célebre e televisivo tenente Colombo.

Mais imos con contido da novela. O enredo como ben se pode imaxinar polo título, ten que ver co contido dunha caixa B dunha empresa da construción, pois un empregado ten oportunidade de botarlle man antes de que sexa intervida polas autoridades. E Vicente, así se chama o protagonista, con eses cartos viaxa coa súa familia veranear en Sanvento, lugar preferente na escolla da xente de alto copete para pasar o tempo estival. Non resulta complicado identificar ese Sanvento ficticio co Sanxenxo real; da mesma maneira que se identifica a Gallaecia ficticia coa Galiza real. Precisamente xogos de palabras como este van salferir o discurso, pintando un sorriso ou medio sorriso na cara de quen le. Algúns ben afortunados, vaia como exemplo o Ford Nicar-T que conduce Vicente coa súa familia: a muller (Xonxa) e a filla (Mencía). Non entremos en como adquiriu este automóbil último modelo, na realidade non coñezo concesionario que acepte pagos en cartos (efectivo, para quen estea habituado á denominación castelá), mais estamos na ficción e é outro mundo.

Pastor Páez, que traballa para a axencia “Vinte”, resulta encargado de seguir a Vicente e dar con eses cartos B. Nun enredo que non pode disimular o ton de parodia que envolve todo o discurso. Unha parodia contida, nunca cae en excesos. Quen le decátase axiña disto e ficará expectante ao longo de toda a lectura, pois, hoxe por hoxe, non é habitual este tipo de novelas, desenfadadas e que á vez esixen de quen le un exercicio racional de contraste e afirmación. Contraste coa realidade. Afirmación porque nunca terá dúbidas da súa interpretación.

Porén, tan protagonista como Pastor Páez é Vicente e a súa teima de agachar os cartos en lugares onde non poidan ser descubertos, pois ten a sospeita de que alguén lle substrae billetes malia os escondedoiros en que os garda.  Porén estes cartos permítenlle á familia e a Vicente levar unha vida de novos ricos. Iso si, a metereoloxía non os acompaña e terán que procurar alternativas á praia, cousa da cal se ocupa Xonxa, e despois convence á filla e mais Vicente. Á vez vaise tecendo unha subrede no enredo na que a partir da personaxe da caseira (pola cal se sente atraído Vicente) irán aparecendo outras personaxes que serán fundamentais no desenvolvemento e remate da novela.

Por certo,  o discurso vén precedido por un limiar de Diego Ameixeiras, breve e contundente. Debo deixar boa constancia disto porque non son nada partidario de ler os limiares antes da novela, e este é un dos pouquiños que non me decepcionaron. E digo isto sendo consciente de que a tradición dos limiares, hoxe por hoxe, non se manifesta coa frecuencia de décadas anteriores.

ASDO: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

 

 

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido