crítica de BENVIDOS Á CIDADE, de Xurxo Sierra Veloso, en Galaxia

Porxmeyre

13/11/2020

MOVEMENTO DE LIBERACIÓN ANIMAL

Título: Benvidos á cidade

Autor: Xuxo Sierra Veloso

Editorial. Galaxia

Non son frecuentes senón excepción os discursos ecoloxistas na narrativa galega. E cando afortunadamente aparecen, é común que o fagan da man de distopías. Porén, no caso que  nos ocupa, a última novela de Xurxo Sierra Veloso, non se trata en si dunta novela das que se entenden como ecoloxistas, senón que a trama presentada, o Movemento de Liberación Animal, só pode entenderse como unha parte do ecoloxismo. Unha parte fundamental, tamén hai que dicilo. O cal individualiza, singulariza enormemente a novela de Xurxo Sierra Veloso porque, se os discursos ecoloxistas non son precisamente a norma, esta novela “animalista” é rarísima avis no panorma das nosas letras contemporáneas. E nada de distopías, é unha ficción absolutamente realista.

                     E velaí teñen xa sinalada a trama desta Benvidos á cidade. Dun xeito moi xeral. E aínda que pode abondar para decicir mercar a novela, cremos necesario explicitala un chisco máis, só un chisco máis. Un grupo de persoas concienciadas a cerca do indignante trato que se lles dá a algúns animais dos cales despois se van utilizar as peles, decide intervir e liberar os animais encacerados nunha granxa de visóns, que, como sabemos son uns dos máis escravizados para esta finalidade -permítasenos a exprsión “escravizados”, porque, realmente, é a máis xusta que se nos ocorre. Evidentemente, a acción de liberar os visóns, que por outra banda foran inoculados cunha substacia que os volvía máis feroces, ten consecuencias, tanto para quen os libera como para cidade próxima a onde se dirixen os visóns. E agora si, non diremos máis, porque precisamente a novela consiste niso, nas consecuencias que a liberacións dos visóns ten para sociedade/cidade.

                     Cousa que cómpre salientar, porque en lugar dunha novela de tese, Xurxo Sierra Veloso construíu unha trama a partir da cal quen le reflexione e chegue a conclusións propias relativas ao tema central. E iso é de agradecer moito. En todo caso, o título, Benvidos á cidade, refírese claramente aos visóns de xeito que non é neceario máis nada para que a postura do autor sexa evidente.

                     A novela achéganos un discurso “de narrador”; un discurso de narrador omnisciente que funciona como unha cámara de cinema que nos vai ensinando o que esa liberación animal supón para un considerábel número de persoas, de persoas de diferentes status social, de diferentes idades e de diferentes condicións laborais. Tanto que mesmo os diálogos aparecen integrados no discurso do narrador. E resulta eficiente esta estratexia, porque o narrador é dilixente. Tamén é certo que se trata dunha novela moi coral, con moitas personaxes, e, aínda que en principio poida parecer que iso supón unha pexa para seguir o acontecer desas personaxes, hai que dicir que a eficiencia do narrador se ocupa con pericia de que iso non aconteza. O cal nos leva a comentar outro dos aspectos salientábeis da novela, que é a configuración das personaxes, que tamén depende do narrador porque é desde el que se manifestan. Non sendo unha novela de moita paxinación (158 páxinas) e non habendo, polo tanto, moito espazo para esa configuración, esa limitación  non empece a rica configuración dunhas personaxes tan variadas e en tanto número. No que si interfire é na recreación de diferentes ambientes, aí si se nota o pouco tempo e o pouco espazo de que dispón o  narrador. Porén, isto non é ningún defecto, non fala mal nin do narrador nin da novela. Simplemente se trata dunha escolla narratatorial doadamente comprensíbel: na sociedade estamos todos, e indiferentemente do ambiente en que nos movamos, a todos nos afectan as consecuencias.

                     As consecuencias que ten o capitalismo feroz que leva a inocular subatancias perigosas nos animais para obter meirande rendemento económico – coma se non abondara o réxime carcerario, egaiolados cantos máis mellor e en menor espazo! E as consecuencias que ten para sociedade a liberación duns animais que non son precisamente mansos, por moito que a súa beleza e corpo reducido conviden a tratalos con mimos e agarimo, pois por detrás do seu aspecto aniña unha ferocidade tan perigosa como insospeitada.

                      E do capitalismo feroz falando, non pode pasar desapercibida a meción, no texto, de Jeremy Bentham e de Jonh Stuart Mill, máximos expoñentes do utilitarismo (que na granxa de visóns e na súa dopaxe está representado) fronte Konrad Lorenz, zoológo alemán e grande estudoso do comportamento animal (aínda que Lady Constance, unha das personaxes, dubide que lectura escoller).

                     Agora, despois da lectura, son vostedes quen ten a palabra.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido