crítica de OS INCURÁBEIS, de Antonio Tizón, en Xerais.

Porxmeyre

10/11/2020

 NOVELA ENTRE O POLICIAL E O NEGRO

Título: Os incurábeis  

Autor: Antonio Tizón

Editorial: Xerais

A situación de saída da trama desta novela é ben curiosa: hai que resolover o asasinato dunha prostituta sexaxenaria que aínda exercía e da cal os cleintes estaban fondamente namorados. E digo que é curiosa porque nas nosas letras non lembro un caso semellante. Mais non podo dicir que sexa orixinal, porque esa mesma proposta xa a fixo Andrea Camilleri en Gli arancini di Montalbano (1999), que é un libro de contos negros, e un deles presenta a mesma proposta de Arturo Tizón. Non só é a mesma proposta, entre a forma de actuar de Montalbano e a de Xosé Sánchez Pereiro tamén existe un paralelismo bastante evidente. E cando esta situción se lle presenta ao crítico, tentado está de escribir unha crónica libresca comparativa, que para algo está a Literatura Comparada.

                     Mais non, non o vou facer. Non quero comparar un mestre da novela negra como Camilleri con outro autor que con este título é a terceira vez que se manifesta. Din que as comparacións poden ser odiosas; e, agora, do que se trata unicamente é de dar conta da novela de Antonio Tizón, sen máis. Por moito que nos estrañe que entre os moitos autores de novela negra citados na novela non apareza o de Camilleri, pois a estas alturas son moit@s e tampouco se pode citar a tod@s. Mais se lera a Camilleri igual escribía outra cousa…

                     Ben, digamos a súa vez que esta é unha novela coruñesa. Visto o algareo que se ten producido coa “novela negra viguesa” (cando non sempre son novelas negras), resulta oportuno que n´A Coruña tamén poidan falar de “novela negra coruñesa”. Deixémolo así, de inicio, porque por moito que se reivindique como novela negra esta de Antonio Tizón, para min a súa “negritude” nin está clara nin ao mellor resulta eticamente oportuna.

                     En canto a esta novela que quere ser negra, ten como protagonista central un inspector de Policía que é un home con moitos vicios e de honradez cuestionábel xa que el mesmo se confesa corrupto. Un dos acertos da novela radica precisamente aí, en que quen non se estableza até que punto é honrado o proceder do inspector, até que extemo é ético, alén das dúbidas sobre a efectividade da xustiza, sobre cal é a mellor maneira de facer xustiza: a convencional ou a que trascende os límites legais vixentes ou convencionais. E rematará a novela e a pregunta ficará no ar, como é lóxico.

                     E, dentro d´A Coruña, ten especial protagonismo o barrio d´Os Castros. E concretamente unha rúa en especial, a rúa dos sete bares Será aí precisamente onde se mergulle Xosé Sánchez Pereiro para tratar de esclarecer a morte da prostituta sexaxenaria. Falando cos hostaleiros, conversando cos parroquianos, xogando aos naipes con eles…sempre coa esperanza de que este ou aquel o poña sobre algunha pista do crime. Mais, a tentativa de escribir novela negra leva a que a  parte policial sexa inoperativa. Arturo Tizón trata de describir os ambientes en que se moven os parroquianos dos distintos establementos, incluído o prostíbulo, e tamén de configurar as diferentes personaxes que son os parroquinanos. Mais esas diferenzas nunca se trasladan desde a lingua, de xeito que o ambiente fica máis descrito que creado. Algunha personaxe hai que sae mellor parada, caso de Iván, por sinal que si é moi recoñecíbel desde a lingua que emprega.

                     Neste mergullamento aparecen xa o mundo dos enfermos mentais e tamén o sibaritismo gastronómico do inspector. Sendo precisamente a transición entre estes momentos o aspecto mellor logrado da novela. Non precisamente nesa orde, porque primeiro é o sibaritismo do inspector o que parece adonarse dun discurso policial que non avanza. Un sibaritismo que, outra volta coa lingua deixa que desexar cando se fala de “racións de bacallau” en lugar de “postas”, que vén sendo o termo tradicional e habitual aínda que o dicionario en liña da RAG nin o contemple. Volvo dicilo, o dicionario en liña da RAG só serve para cuestións ortográficas ou consultas menores, de pouca dificultade. Ou que o arranxen, ou que o retiren xa, porque resulta tremendamente prexudicial nun momento no que se escribe maioritariamente en computadores e neles se acode aos dicionarios.

                     Tampouco é o único caso de uso lingüístico pouco afortunado, cando se lle “veludo”

ao pelo non cremos precisamente que isto se deba á suavidade do pelo…

                     O sibaritismo deixará paso a algo moi pouco tratado na narrativa galega, como é o caso dos enfermos mentais. Porén, as gravacións desde as cales se manifestan, que si son moi efectivas, non deixan de ser unha pasaxe relativamente curta, desaproveitada, porque eses enfermos mentais só aí se comportan como auténticos enfermos, no resto sabemos que están enfermos mais o seu comportamento, aínda que nalgún caso sexa curioso, non pasan da excentricidade ou de consecuencias do moito vicio.

                     Chegados a esta altura, tamén chegamos ao momento en que a psiquitra Helena Salcedo (esta si é unha personaxe ben configurada, a mellor da novela) e o inspector debaten a cerca de se os enfermos mentais incurábeis (de aí o título) tamén son susceptíbeis de eutanasia ou non. Cuestión espiñenta (non espiñosa, e por algo o dicimos) que dá para moito pensar e contrastar opinións. E tamén hai que dicir que a postura de Helena Salcedo se achega pergigosamente aos principios nazis de depuración da sociedade eliminado as persoas enfermas, as que incurábeis, as que xa non teñen solución. Na miña opinión, quen lea novela terá que dicidir se eses principios  nazis sonos memos que pon en práctica Helena Salgado ou non.

                     E, se damos a boavinda a unha novela que por fin se ocupa dos enfermos mentais, cómpre preguntarse se contexto da novela negra é o máis xusto e ético con eles. Aínda que, por outro lado, os enfermos mentais aquí só son vítimas…

                     A novela de Arturo Tizón preséntase como negra. E existe unha corente crítica que sitúa a novela policial como subxénero da negra. E existe unha total confusión entre o que é novela negra e novela policial, pasando a novela policial a ser considerada como negra. Porén nin son o mesmo nin debería existir confusión ningunha. A novela policial ten como finalidade esclarecer un delito, e a novela negra ten como finalidade presentar o mundo do delito, do crime, sen ánimo de chegar a establecer culpabilidades e precisamente cuestionando até que extremo hai culpabilidade ou esta se produce polo condicionamento social. E esta diferenza trasládase tamén desde a lingua, mentres na novela policial a linguaxe é a convencional…na novela negra a linguaxe é a propia dos ambientes en que se producen os delitos. Así as cousas, a novela de Antonio Tizón, partindo de presupostos policiais quere ser negra mais só en parte o consegue, e tamén, a parte pilicial tampouco se resolve como sería de agardar.

                     Cando comezamos a lectura preguntámonos se podería ser Antonio Tizón o noso Camilleri, dados os paralelismos existentes entre o proceder de  Montalbano e de Xosé Sánchez Pereiro. E a pregunta fica no ar.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content