crítica de AVE DO PARAÍSO, de Lorena Conde, en Apiario

Porxmeyre

09/12/2021

A DANZA LIBERADORA

Título: Ave do Paraíso

Autota: Lorena Conde

Editorial: Apiario

Se vostedes procuran información sobre a  “ave do paraíso” atoparán primiero unha planta e, logo a propia ave. Se profundizan nas especificidades verán que é unha ave solitaria e aínda non ben coñecida, ao habitar na parte máis alta das árbores. Solitaria e dunha beleza incomparábel. Porén, abondará con que saiban esas dúas cousas. Solitaria e de moitísima beleza. Digo que lles abondará porque a “ave do paraíso” presente neste poemario de Lorena Conde, co que obtivo  I Premio Filomena Dato, non pretende reproducir o que é a ave en si, senón xogar coas connotacións que o sintagma ofrece. E se eu me decidín por este comezo é porque o propio poemario tamén é unha “ave do paraíso”, unha preciosa “rara avis” na república da poesía, da poesía rebelde, e da poesía feminina rebelde.

                     Poesía rebelde porque se enfronta decidida á secular submisión da muller ao home. Algo que xa conveteu nun modo de vida estratificado e consolidado pola tradición. A liberación da voz e do corpo da muller, nesta altura é condicón indispensábel para o progreso da humanidade. Calquera “tipo de progreso” que non se formule neses termos é, en realidade, un “retroceso”. Evidentemente as enunciantes/anunciantes desta revoluvión son mulleres, mulleres que deben contar co apoio daqueles homes que crean verdadeiramente no humanismo, na necesidade de evolción humana e na imperiosidade de que a muller se empodere fronte aos inimigos que pretenden cousificala e reducir a súa dimensión existencial.

                     Pola súa banda o poemario, “como rara avis que é”, presenta unha forma que non quero cualificar como “híbrida” senón como lugar onde conflúen narratividade e teatro mais sempre dentro do eido da poesía. Comecemos polo teatro. O poemario como escenario onde se xulga a K(aren), muller que non acata o rol transmitido pola herdanza secular patriarcal. Desde ese punto de vista, hai aí unha sorte de escenario poético-teatral. Os textos veñen distribuídos en dúas colores, verde para as intervencións do Tribunal, e negro para os poemas nos que Karen se enfronta a el e se dirixe a quen le. Por veces, os dous textos aparcen imbricados, no medio do discurso de Karen interfere o do Tribunal, como estratexia para lembrarnos que non estamos perante dous discursos alternativos, senón que forman parte da mesma realidade. Á súa vez, esta “teatralización” do discurso confírelle dinamismo. Isto é especialmente interesante, porque conecta directamente co dinamismo que o feminismo ofrece á sociedade. E de aí tamén os pousos de narratividade (o tetaro non deixa de ser froma narrativa) que podemos atopar.

                     Explícase no remate do poemario, mais este é momento ben apropiado para comentalo. Unn conto de H.C. Andersen, lido na nenez e relido xa de adulta, serve como catalizador desde o cal nace toda a explosión de rebeldía que caracteriza Ave do Paraíso. É unha maneira de simbolizar, de individualizar a tradición patriarcal que somete á muller xa desde a mesma infancia, con eses “contos” aleccionadores que teñen como misión perpetuar sen discusión a súa submisión. O poemario nace como resposta liberadora fronte a esa hipertrofia tradicionalista. Unha resposta liberadora tanto no plano intelectual como no mesmamente físco, pois a alienación atinxe os dous campos. Ela, a “Ave do Paraíso” reclama o corpo indómito e liberado fronte á moral corrupta, dálle igual que a alcumen de  viciosa, de vulgar ou de indecente (método patriarcal moi frecuente). Ela desobedece contra a inxustiza hipócrita que ritualiza unha vida que, xa contrto remate, identifica como auténtico “martirio”.

                     Velaquí un poemario liberador, nada doado de escribir, segundo confesa a voz poética.Tanto conceptualmente como mesmo formalmente. Non vou porfiar coa necesidade de textos liberadores que se enfronten sen vacilación á secular moral patriarcal que a través dos séculos secuestra a voz da muller e cousifica o seu corpo. Non vou porfiar niso porque este poemario non é un máis nesa corrente liberadora. Non non é un máis. É quizá o poemario máis orixinal que nese sentido lembro ter lido. Un poemario que pía porque o leven a escena, ten unha dimensión dramática na cal a rebeldía ficaría ben patente. Ademais de constituír unha socialización da mensaxe moi acaída e opottuna

                     Lean esta Ave do paraíso de Lorena Conde, un libro sen par.

                     Lean. E crean

                     E rebélense contra todas as artimañas da Tarántula, personaxe que tece arañeiras inmobilizantes.

                     Lean. Crean. Rebélense.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content