crítica de DEUS NÃO PROTEGE OS CERTINHOS, de José Eduardo Degrazia, en Penalux

Porxmeyre

02/12/2021

AS TEMPESTADES INTERIORES

Título: Deus não protege os certinhos e outros minicontos impuros

Autor: José Eduardo Degrazia

Editorial: Penalux

Nota inicial para o lectorado galego: Os “certinhos” son xente ben comportada, ben vestida, até límites de esaxero, e con alta estima persoal. Non é termo que usemos desta banda do Atlántico, por iso o aclaro. Aquí acostumamos usar “fachendoso”, “presumido·, “vaidoso”, “figurón”… Mais en “certinhos” non percibo tanta carga despectiva, senón mesmo certa comprensión, non exenta de crítica, ou compaixón, conmiseración íntima por ese tipo de xente. É posíbel que na miña concepción de “certinhos” tamén inflúa a perspectiva desde a cal os contempla José Eduardo Degrazia, o escritór de Posto Alegre, de cuxa obra nos imos ocupar a seguir.

                     Agora imos coa crónica libresca de Deus não protege os certinhos. Despois de O atleta recordista (1996), A orelha no bugre (1998), A terra sem males (2000), Os leões selvagens de Tanganica (2002), A colecionadora de corujinhas (2016) e agoar este Deus não protege os certinhos, estamos a falar dun escritor que cultiva o miniconto de maneira convencida ao longo de boa parte da historia minicontística brasileira, tendo en conta que xa nos anos ´70 os publicaba en prensa e que O atleta recordista é o primeiro título que propón o termo miniconto para estas historias brevísimas…sen o nome de José Eduardo Degrazia non se pode entender cabalmente nin a aparición do miniconto brasileiro de xeito individualizado xa nin tampouco a súa evolución.

Dividiremos a crónica en capítulos.

CAPÍTULO 1

                     Sendo o miniconto territorio da brevidade, a actitude autorial ou narratotorial con respecto aos enredos propostos non sempre se visibiliza diafanamente. O procedemento máis habitual consiste xusto no contrario, en expoñer as personaxes no seu conflito. Excepto cando o autor é José Eduardo Degrazia, que xa nos seus primeiros títulos deu mostras de algo infrecuente na brevidade da minicontística: a creación de ambientes, de climas lectores. E non é estratexia narrativa que abandone no título que nos ocupa, non totalmente, non é o máis fácil de comprobar lendo cada miniconto en por si, porén unha vez que se le (e relé,e volta a ler, porque os minocntos é o que teñen, deixan aberta a porta a múltiples interpretaciósn) o volume enteiro chégase á conclusión de que o autor si expón as personaxes coa súa conflitividade interrelacional (ou íntima). Desde unha actitude narratatorial que á vez se pode cualificar como denunciadora e comprensiva.

CAPÍTULO 2

                     O feito de expoñer as personaxes e a súa conflitividade realízase coma se un raio, un alustro, iluminara esa conflitividade xustamente no instante en que se narra, en que se le. Antes utilicei a expresión “expoñer”, e é certo que existe exposición, mais non é unha exposición que implique confrontamento infléxibel carente de comprensión. Non, as personaxes aparecen manifestado as súas ruindades e miserias, as súas decepcións vitais e tamén os seus acertos e frecuentemente toman actitudes resolutivas. Estas actitudes resolutivas constitúen mesmo a epifanía final do miniconto. O obxectivo non é presentar a cara amábel da vida, as personaxes poden posuír configuracións persoais totalmente rexeitábeis para o ser humano que detente valores morais. Mais tamén é certo que son “as súas” personaxes, que toda autoría no porceso de escrita se  familiariza coas personaxes. É un modo de entender mellor a vida e de entenderse mellor na vida. E tampouco é circunstancia aplicábel a todas as autorías, hainas que só pretenden contar unha historia para pasar o tempo, o que escriben non nace dunha observación crítica da realidade vital (actitude humanística) senón que está concebido simplemente para entreter, para encher o tempo de ocio sen máis.

CAPÍTULO 3

                     Até aquí falamos do libro de maneira moi xeral. Agora é o momento de particularizar, no posíbel, pois nun libro de minicontos caben moitas temáticas. Sen pretender exhaustividade queremos fixarnos nas que máis nos chamaron a atención non só polo carcácter de enredo senón porque tamén indican (unhas máis  e outras menos) determinadas estratexias narrativas que fan do libro esa realidade literaria única.

                     Comezaremso por indicar, precisamente, que os enredos é frecuente que se ubiquen na dialéctica entre confluencia e diverxencia. De pareceres, de opinións, de actitudes, de intereses sobre o que a vida ofrece á xente, ás personaxes, e a súa reacción. Non  se pode negar que ese punto de fricción é común na minicontístcia, na conflitividade que os  minicontos traen á luz, mais cada autor trátao de maneira persoal e intransferíbel. No caso que nos ocupa saen á luz temáticas como a resignación, as inseguranzas, a desgraza e compaixón, a tenrura, a decepción, a esperanza e a desesperanza, a indiferencia, a vinganza, a vulnerabilidade dos invulnerábeis, o lirismo, a corrupción (non só política, tamén da alma humana) e o escuro universo da delincuencia e o xénero negro, o noir, outra volta, tan propio do autor gaúcho desde xa os ´90. En realidade a vida é esceneario onde as máis baixas paixóns humanas se manifestan, ás veces cone claridade e outras de forma máis disimulada ou oculta. Fronte a isto, a actitude autorial consiste en narrar a súa crueza para que quen le tome nota da gravidade do asunto contado. Nárrase, inclusive con certa comprensión pola debilidade do carácter humano…mais sen deixar de denunciar, de protestar. Humanísticamente.

                     Fican aínda tres temáticas por comentar, que non só son temáticas, tamén son recursos e estratexias narativas de moita produtividade. Por sinal, a ironía, que deixa paso ao humor, pois significando unha actitude narratotorial crítica, tamén en moitas ocasións supón a aparición do humor (tan ben recibido sempre). A ironía, detrás dela está a confusión entre o que é lóxico e ilóxico; aparentemente todos sabemos o que é lóxico e ilóxico, mais isto, no miniconto sempre nos sorprende. E, xa que mentamos a confusión, a seguir chega a frustración. Ben se pode dicir que vimos á vida para saber o que é a frustración e mostrar a nosa reacción ante ela (e volvemos á resignación e rebeldía)

CAPÍTULO 4

                     Nótese, para máis, a preocupación polo propio acto da escrita, non só como materia narrativa, que o é, senón tamén com xeito de singularizar a escrita neste Deus não protege os certinhos, onde a chamada “economía de recursos” (ou depuración de estilo) está presente. A propósito desta preocupación polo acto da escrita hai que comentar o feito de que existan minicontos seriados e outras veces contados de forma fractal. Nun libro de minicontos a sorpresa é fundamental, e para tal, a variedade estratéxica narrativa é moi útil, como demostra José Eduardo Degrazia neste volume. Non faltan tampouco os títulos que conteñen varios minicontos (que quen le, se lle é posíbel, pode interpretar fractalmente ou non). E engádase a isto o uso, máis marcado que noutros volumes, de linguaxe coloquial como maneira de achegamento a quen le, de aproximarse a quen le.

CAPÍTULO 5

                     Se Deus não protege os certinhos, quen os protexerá?, pois todos necesitamos protección fronte á intemperie da da vida. A denuncia, o protesto, a rebeldía veñen xa indicados desdeo mesmo título. Que se complementa con “e outros minicontos impuros”, que non son impuros como referencia única á nova  forma de escribir e ler que son os minicontos. Sobre todo son impuros porque reflicten a ausencia de pureza na vida humana.

                     Mais, volvemos, se Deus non protexe os certinhos, se Deus non protexe…velaí o chamado á solidariedade, pois só entre nós nos podemos protexer da intemperie vital, axudarnos cando as tempestades interiores saen á luz e ameazan devorarnos. Só nós podemos protexernos da intemperie vital, mais téñase en conta que a tal intemperie non é algo que nos veña imposto por definición, como nas matemáticas. Non, a intemperie créaa o ser humano interrelacionando. Volvan ler o capítulo 3. A temática indica o momento do conflito, nese instante preciso o raio ilumina coas palabras do miniconto, ese instante preciso en que hai que tomar decisións, o raio ilumina o desconcerto no desasosego e tamén a resposta inagardada, sorpresiva, que pon en cuestión iso que chamamos razón, o método de raciocinio humano, que ás veces é des-humano, tantas.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content