crítica de APROPIACIÓN INDEBIDA. UNHA NOVELA SOBRE O AMOR (Lena Andersson, Huguin e Munin)

Porxmeyre

17/04/2019

DE OBSESIÓN E SOBRE O AMOR

Título: Apropiación indebida. Unha historia sobre o amor.

Autora.: Lena Andersson

Traduce: Marta Dahlgren

Editorial: Huguin e Munin

É o amor un dos temas eternos da literatura. E seguirá sendo. Porén hai escritas moitas máis historias de amor que historias sobre o amor. Porque, se se fixaron no título, esta é unha historia sobre o amor aínda que tamén sexa unha historia onde o amor ten moito que ver, claro está. Ben difícil debe ser escribir unha historia sobre o amor sen que á vez se escriba unha historia de amor.

                     Feita esta aclaración inicial, cómpre situar a autora, posto que se trata dunha tradución e é unha autora pouco coñecida na Galiza. Aquí, porque en Suecia, de onde é natural, o nome de Lena Andersson é ben coñecido, xa ben sexa na súa faceta de xornalista, como analista política e tamén como escritora desde que en 1999 dera á luz a súa primeira obra. Nada en 1970, trátase dun dos nomes da cultura sueca máis atraentes, e a novela que traduce Marta Dahlgren foi publicada no 2013 e mereceu o prestixioso Augustpriest, que lle abriu as portas a outras linguas. Hoxe podemos lela en galego, alegrámonos moito desta tradución para Huguin e Munin, mais queremos lembrar que a cultura galega neceista con máis urxencia tradución do galego para o sueco.

                     A trama da novela de Lena Andersson preséntanos a unha muller, na trintena, que, tras dar unha palestra sobre o artista Hugo Rask, cae tremendamente namorada del. E a novela é a historia da realción que establece esta muller, Ester Nilsson, co artista, unha relación que Ester quere amorosa mais que non vai ser correspondida na mesma medida polo artista. Por iso é unha novela sobre o amor. Contada en terceira persoa, Ester ou a narradora, teñen a propósito dela unha boa ocasión para meditar sobre o amor. Tamén é certo que a novela remata da única maneira posíbel, non sorprende o remate, mais iso é o de menos. O importante son esas reflexións que se comparten con quen le. Que son reflexións dunha muller, e non dun home. O cal, no noso parecer, é ben significativo. Reflexións dunha muller culta que transita entre a admiración e o amor obsesivo. E que lle outorgan un grande valor á compoñente intelectual. Ester devece polo amor físico, pel contra pel, como é normal. Mais este só se producirá despois de longas sesións en que Ester e Hugo dialogan sen parar. Este diálogo, esta comunicación verbal, establece unha comuñón entre Ester e Hugo que rara vez teño lido en relatos de autoría masculina e que reivindica o potencial erótico da palabra.

                    Que sexa unha  novela sobre o amor non leva a que apareza o romanticismo, este hai moito tempo que morreu. No seu lugar ten moita importancia o que vimos de comentar no parágrafo anterior, a dependencia que Ester demostra de cara a Hugo, a fronteira entre a admiración e o amor obsesivo, porque o amor para Ester devén niso, nunha obsesión tampouco nada platómica, por certo. Para describir esa relación a autora non desbota os postulados filosóficos, aos que acode sobre todo na primeira parte, aínda que tamén os hai ideolóxicos e artísticos. Sobre todo ideolóxicos, queremos salientar. Nin Ester, no seu labor ensaístico, nin Hugo, no seu labor artístico, son quen de se substraer aos acontecementos que a nivel mundial se desencadean. Todo o contrario, toman partido. Involúcranse. Aínda que pouco máis lles quede que o dereito ao pataleo, o dereito á crítica, non están dispostos a renunciar a el. Ambos e dous se senten protagonistas, queren ser protagonistas e non simples figurantes sen poder ningún de decisión, ou polo menos sen que exerzan o dereito a seren oídos.

                    Trátase dunha novela moi intelixentmente escrita, que sabe ser narrativa malia deterse en postulados éticos ou de pensamento, narrativa sobre un tema, o amor, do que se leva escribindo desde que se inventou a escritura, mais do que a autora sabe dar unha visión moi persoal que comparte co lector de xeito que nin a parte teórica estorba a narrativa nin esta desbota o pensamento profundo, serio e trascendente. E que, malia todo, remata sendo unha novela sobre a esperanza. A esperanza, xustamente aquilo que non a abandonara na súa teima ne conseguir o amor de Hugo, non a perde cando por fin se rende á evidencia de que nunca o vai lograr. Mais, polo menos, agora enténdeo, porque non hai peor sufrimento ca non entender.

                     Por certo, xa de incio se advirte que o relato contempla o terrible desaxuste que se produce entre o pensamento e a palabra. Ese tema tan de actualidade na poesía galega actual. Pois xa ven que non somos os únicos a teimar nel. E que tamén nesta ocasión a literatura galega corre de par da literatura europea, se preocpupa e ocupa en temas dos que tamén se ocupa e preocupa a literatura europea.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido