tres momentos de CAMPUS MORTE (Lito Vila Baleato, Galaxia)

Porxmeyre

11/04/2019

Morto? Como que morto?” había xa anos da última vez que Iago tivera unha conversa a soas con Silvia, pero marcou o seu número decontado. Sen apenas chegar a escoitar o primeiro ton, a voz de Silvia ao outro lado da liña confirmou que a mensaxe non era ningunha brincadeira macabra.

-Non sei nada, só que atoparon o seu corpo sen vida no Campus Sur -dixo Silvia entre saloucos.

-Pero como? Estás segura? Foi un accidente? Que pasou?

-Non sei, acabo se sabelo.Chamei a Clara, a irmá de Martín, pero non sei nada máis, só que atoparon o corpo a carón da estatua dos tunos que hai no Campus…non sei se sabes cal é, xunta o colexio mairo de Fonseca…fronte ao de hóckey sobre herba… (19)

…………………………………………………

O feito de compartir mantel non lle restaba a aquela conversa certa tensión que agromaba de cando en vez nalgún ton de desconfianza daquel triángulo de amizade a prentesco. O prometedor anuncio de sinceridade por parte de Roi animou a Iago, que agardaba por fin saber que sucedera realmente aquela noite no Campus Vida da USC.

-Se non fose pola morte de Kathrin, estou seguro de que eu hoxe nin sequera recordaría aquela noite -contou de novo Lois.

-Eu si que me lembraría -recoñeceu incómodo Roi.

Aquelas noites de xoves adoitaban empezar cun botellón no Campus que se prolongaba segundo durase a bebida. Normalmente continuaban na zona vella de Compostela, que se abandonaba como moi tarde ás catro da mañá, cando as masas de estudantes peregrinaban aos locais do ensanche. Iago e os seus amigos eran dos que agardaban a que Silvio Rodríguez lles anunciase que a discoteca Liberty pechaba para, mentres en Santiago xa ía clareando, coller camiño á casa ou, cando cadraba, facer unha breve parada de bocata no Galicia antes de durmir a posterior mañá do venres (99-100)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content