crítica de QUE FAREI COM ESTE AZUL QUE ME BEIJA

Porxmeyre

13/04/2023

OS  MISTERIOS DO AZUL

Título: Que farei con este azul que me beija

Autora: Lídia Borges

Editorial: Poética Ediçoes

Pórtico de entrada: cando lin este poemário por primeira vez, gustei ben del; cando lin por segunda vez aínda me gustou máis; cando o lin por terceira vez non paraba de follear no libro, adiante a atrás. Polo tanto cheguei á conclusión de que é un libro de poemas inusitado, absolutamente singular.

Imos agora coas  razóns. Non sen avisar antes que cada un dos poemas responde á pregunta feita no título. Pódese interpretar como pregunta e tamén como mensaxe incompleta, en cuxo caso se completaría (mellor con hipérbato interposto) con cada un dos títulos. Non sen reparar antes de que se trata da cor azul; é dicir: non  é unha cor de significado extremo, como branco e negro, como o mesmo vermello, nin entra en ningunha relación de antonimia complementar. Mais tampouco é unha cor neutra, pois pode asimilarse ao ceo e ao mar; e isto  debe ser levado en conta sempre pois trátase dunha cor enormemente significativa dentro dos procesos mentais de cada persoa.

A primeira resposta, o primeiro misterio, a primeira complementación é “Un poema”. Por que un poema é xerado desde a cor azul? Pois ben puidera ser pola cor azul da tinta do instrumento con que se escribe. Ben puidera. Porén o máis probábel e que o poema sexa unha prioridade na vida da autora, e, polo tanto algo de primeira necesidade. Parécenos a hipótese máis probábel porque todo o capítulo é unha enorme poética. Todos os poemas teñen que ver co misterio da poesía: que é a poesía? As respostas son múltiples, ningunha chega a convencer totalmente á autora. E van desde a concepción do verso (palabra) como unidade para formar o poema, o poema que é luz até a confirmación final de que un poema non toca o corazón como unha flor. Por que sucede isto. Interpretamos que a razón é que a vida ofrece múltiples faces, e para cada unha un tipo de poema. Desde a poesía como farol na noite, á vida como naufraxio (onde o poema se salva), mais tamén ten que enfrontar a desolación e as palabras que non deixan de ser fulgor entre tanta cinza. Mais, como se di na entrada do poemario: “As palavras escritas/servem sobretudo/para retardar/os esquecimentos”. E na introdución a este primeiro capíulo (“Um poema”): “Imprescindível ter existido antes um som/uma imagem, unha utopía”. Do que se deduce que a poesía é sempre unha resposta á vida.

O segundo capítulo, o segundo misterio é “Uma casa” no que parece unha evolución lóxica, pois o poema tamén é tido moitas veces como un hábitat de abrigo para quen poetiza, pois é o lugar onde se expresa, pois é o lugar onde expresa o máis fondo de seu sentir e/ou pensar. E a verdade é que a esta lectura continuísta, evolutiva, dán pé os propios poemas, pois aínda que se comece falando de libros, pola metade do capítulo prodúcese esa identificación entre casa e poema. Este capítulo vai iniciado por: “As palavras/vestem-se de pasado/para tecer o porvir/com os fios entrelaçados/das lembranças”. E si, a memoria, as lembranzas, van ser moi importantes para loitar contra o abandono, o esquezo, contra a soidade, contra o mortífero pasar do tempo. Neste novo contexto a palabra ten un valor especial, o valor da intanxibilidade, o valor dun niño, da tenrura, da beleza, da liberdade. A beleza da poesía chega eclipsar o acontecer propio da vida da persoa. E todo isto cabe no libro, ese silencio que vive.

O terceiro capítulo, “Uma estrada”, facilmente esperado na evolución temática do poemario, iníciano estas palabras: “A Felicidade/tem pálpebras dormentes/ e cegas visões”. Volve ter na palabra  o seu eixo rotativo. Xa o primeiro poema identifica estrada, poema e lembranza nun contexto doloroso, adoentado. A estrada, como infraestrutura de comunicación é algo que comunica dous puntos distantes, neste caso a pasado e o futuro; e o poema concíbese como instrumento para esa comunicación, mais os poemas estrada teñen moitas dificultades á hora de loitar contra a inquietude, contra o desamparo, a menos que acudan ao texto as persoas amadas, entón o poema vólvese pole, mesmo primavera.

O cuarto misterio, o cuarto capítulo, “Uma jangada” preséntase con estas palabras: “Ousará o encarcerado/criar o azul não sendo ave”? En extensión é  o máis grande. Hai razóns para iso mais antes non debemos deixar de comentar que, se antes a estrada era un camiño, unha vía de comunicación, agora atopamos un medio de comunicación: a jangada. Que como tal jangada fai presupor un río ou unha masa de auga grande onde desprazarse, como o mar que reaparecerá nun poema. E o desprazamento, se é en río equivale a ter tres horizontes, os dous das ribeiras entre as que navega, e o descoñecido que sempre está na fronte. Por iso é o capítulo, o misterio máis extenso, pois é moita a problemática a que atender, desde os impostos que hai que pagar pa vivir, á loucura, o amor, as metáforas, a necesidade poética de desaprender e inventar novos rumbos, a vida como vacío, a imposibilidade de incomprensión perfecta da poesía, e a poesía, a palabra seguen sendo o centro desta primeira parte; despois xa veñen a poesía e a vellez, o tempo, a esperanza, a permeabilidade da poesía, o que se perde e o que se salva do paso do tempo, a melodia do verso, para finalizar coas palabras que hai dentro das palabras. Mais non esquezamos que as palabras de presentación aludían a un cárcere. Un cárcere que, se levamos conta do que ven a continuación, é a propia vida.

Eis un libro de poemas que presenta unha autora, Lídia Borges, de nome real Olivia María Barbosa Guimarães Marques, como unha das voces máis interesantes da actual poesía portuguesa. Unha poeta madura, en plenitude, moi preocupada polo misterio que é a poesía, que nos deixa un poemario tematicamente máis evolutivo que recorrente (recorrentes son as estacións do ano), un poemario tan sólido e rico que convida ao frenesí de múltiples lecturas.

Poden ler máis poesías súas no blog Searas de versos, que a autora mantén. Moi recoméndábel..

ASDO.: Xosé M. Eyré

(membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content