crítica de A CULPA, de María Solar, en Xerais

Porxmeyre

23/12/2022

E O PERDÓN?

Título:   A culpa

Autora: María Solar

Editorial: Xerais

A casualidade quere que escriba esta crítica poucos días despois, non chega  a unha semana, do pasamento de Nélida Piñón, escritora brasileiro-galega (é filla da emigración) cuxa primeira novela, Guía-mapa de Gabriel Arcanjo, publicada hai 61 anos e que trata un tema, o pecado, moi parecido a este de María Solar, a culpa. En calquera dos dous casos, na mente de quen le, séguense as tres palabras que dan título a estas liñas.

                Esas tres palabras que poñen título a estas liñas semellan lóxicas tamén despois de saber cal é o título deste novo romance para adultos de María Solar. Deste novo romance María Solar, premio Xerais na súa edición XXXIX, procedo a contarlles algunhas cousas interesantes, entre as cales procurarei dicir o menos posíbel do enredo. Queden con que, en principio, este é ben simple, mais como todas as historias simples remata sendo extraordinariamente complexo, e duro desde o punto de vista sensíbel, desde o punto de vista racional e humano. Se lles digo que todo comeza cando unha muller recibe unha millonaria herdanza dunha señora idosa, descoñecida e cheirenta é lóxico pensar que estamos a falar dunha historia de fortuna. E si. É unha historia de fortuna, mais tamén é unha historia de infortunio a que se agacha detrás desa dadivosa muller que fai á nosa protagonista inmensamente rica. E dicir que é unha historia de infortunio é pouco. Habelo, haino, porén tampouco é exactamente infortunio senón colaboración cómplice en varias mortes violentas.

                Deste xeito a estrutura do discurso dispón dous enredos que se anteceden, suceden e complementan até rematar sendo o mesmo. Por unha banda está o enredo da herdeira, escrito en terceira persoa mais que deixa percibir bastante ben a sentimentalidade, o estado interior das personaxes, sobre todo da bancaria protagonista e mais Enric, quen adquirirá meirande protagonismo no remate, onde se retoma o enredo inicial e se pon fin a ou intermedio, o da historia de Mirta (despois Mitha) e Marcela. Esta intermedia é unha historia de crimes xusticieiro e necesarios e tamén de complicidades silenciosas. E, sobre todo, é unha historia sobre a crueldade a que pode chegar un ser humano ( o de “humano” é un xenérico) capaz de violar e violentar a súa filla, e tamén unha historia da emigración a Arxentina, e do ascenso social que leva ás protagonistas a fuxir da prostitución e o abuso a ir subindo até que a agora Mirtha acada unha notoriedade grande como artista á par que Marcela o fai como administradora. Mais, adiántolles sen que iso supoña escribir demasiado sobre o argumento, remata sendo a historia dunha vinganza criminosa.

                Tal disposición estrutural está ben traballada, ao estilo dos best-seller, de xeito que iso se note nun remate sorpresivo. E se a iso engadimos a crueza humanitarista do relatado -que leva a quen le a preguntarse polos límites a que pode chegar a baixeza moral das persoas, a aledarse co ascenso vital das dúas mulleres, e a preocuparse cada vez máis cunha tentativa de asasinato- temos un produto literario que ofrece unha lectura intensa e atraente.

                Para alén do dito, no plano expresivo, esta segunda entrega narrativa de María Solar parece presentar meirande ambición que a exitosa Os nenos da varíola, mais a final trátase dunha voz narrativa na procura do seu estilo, que  opta por unha estrutura de best-seller e lingüisticamente amosa un rexistro que trata de ser variado aínda que aí se nota que era aconsellábel máis lingua e fraseoloxía patrimonial que desfixera esa imaxe de lingua oportunista con certas pretensións cultas que quere ser, antes de nada, non problemática para quen le. Iso, por unha banda quen le agradéceo, mais finalmente tamén o acaba padecendo, pois a dificultade verbal na lectura sempre axuda a aprender, que quen le se mova nun rexistro lingüístico que aínda sendo coñecido non sexa o  seu habitual…tamén axuda a crear atmosfera literaria, e iso neste romance non se percibe.

                Do resto, dígase que María Solar continúa temática da dominación entre persoas. Quen domina e quen é dominad@? Xa presente en As horas roubadas, mais agora exposto con meirande clareza e convicción.

                E tamén que, se nestas datas procuran un libro que obsequiar, esta é unha desas lecturas que compracen a quen le sempre que non esixa estándares literarios máis elevados.

ASDO.: Xosé M. Eyré 

(membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content