MULLERES, POETAS, NARRADORAS

Porxmeyre

17/11/2019

Levo sendo trestemuña durante toda a vida do acceso da muller á literatura galega como autoras. Desde os comezos, sempre difíciles nos 80, até a irrupción “masiva” da muller nas poesía dos 90, achegando unha frescura ( xa sei que hai a quen non lle gusta esta denominación, pero para min segue a ser acertada) fermosa pola achega dun punto de vista que na literatura galega viña sendo deficitario deica entón.

Lembro con emoción as primeiras tentativas, por exemplo de Margarita Ledo Andión, na narrativa dos 80. Non se esqueza que era unha narrativa que estaba nacendo, coma quen di, pois nunca deica entón se escribira de maneira sistemática historicamente (agás algunha excepción pouco duradeira, desafortunadamente, no primeiro terzo do século pasado).

Igual que lembro tamén con moita emoción unha das mellores poetas dos 80, porque fun lector privilexiado da súa poesía. Pois ben, que eu saiba, nunca publicou un libro. Non deberían seguir pasando estas cousas.

O outro día Berta Dávila recollía o García Barros na Estrada e deixábao claro:

“As mulleres que escribimos novelas estamos aquí
e chegamos para quedar. Asuman que queremos ser novelistas, señores, e non só obxectos das súas novelas.”

E un que se alegra desta constatación. Este século ten que ser o século da MULLER, por moito que se empeñen @s retrogad@s en volvermos a tempos pasados. Non só porque en xustiza o merecen e en conxunto as necesitamos. Miren, na miña opinión somos uns/unhas privilexiad@s por vivir este acceso da muller xa non só á poesía senón tamén á narrativa. E vaino constatar unha das autoras máis novas e con máis talento que temos. Aínda por riba facendo gala dunha formación e saber estar que moit@s quixeran para si.

E acontece isto nun ano no que (falo pola miña experiencia lectora e de memoria) publicaron máis narradoras ca nunca. Mel nas filloas.

Só quero lembrar dúas cousas. Non porque labor o colectivo de escritoras mo suxira, mais si que a algunha lle han vir ben. Primeiro: Segundo nos 80, e parte dos 90, se lles esixiá aos autores un axeitado tratamento das personaxes femininas, fuxindo de estereotipos, planicie narrativa e incapacidade para a comprensión da complexa realidade feminina, o mesmo, á inversa, hai que lembralles agora ás mulleres para a personaxe masculina. E en segundo lugar, porque veño detectando (non só nas mulleres) entres as autorías máis novas, un preocupante descoñecemento da literatura galega do século XX, gustaríame que foran máis conscientes da historia da literatura para a que están contribuíndo. No caso de que o fagan, porque tamén hai quen publica en galego por non perder un nicho de vendas ao que non quere renunciar. Xa digo, isto non se refire só ás mulleres. tamén pasa no caso dos homes. E preocúpame.

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content