Hai 31 anos comezaba eu, con moita ilusión, a publicar crítica literaria. Cría daquela, e creo hoxe, que esta debe ser libre, desprexuizada, obxectiva, honesta e consciente das características propias e diferenciais do sistema literario galego, da literatura galega e a súa historia, vamos.
Para sorpesa miña atopeime cun estado de cousas onde era frecuente que a crítica literaria non fora crítica literaria senón apoloxía literaria. Tanto tiña que a obra literaria en cuestión fose autenticamente infumábel, tanto tiña, que sempre había aparecer algunha apoloxía desa obra que a poñía polas nubes, chegando a dicir case que ese autor ou autora pouco máis que inventaba el/ela soíño/soíña a literatura, a aquelas alturas do século, e dicíano con toda a cara. Iso. evidentemente non era crítica, era apoloxía literaria, case sempre da autoría dun/dunha amig@, coñecid@, ou de quen se puidera botar man para tal efecto, por parte do autor ou autora e/ou casa editorial. ( Uso os dous xéneros, pero sexamos conscientes que moi maioritramente se trataba do xénero másculino)
Evidentemente, este tipo de pseudocrítica é unha fraude para o lectorado. Será moi do gusto de autores, tamén moi do gusto das casas editoriais ( como é lóxico), mesmo agradábel a certo lectorado que se sente ben coas apoloxías. Porén para o lectorado é unha fraude. Críao entón. E créoo hoxe. Si, porque hoxe, 31 anos despois, seguimos nas mesmas.
Un exemplo: este ano tiven que ler dúas veces unha novela porque na primeira lectura non atopei nada bo que dicir da novela (é a segunda vez que me pasaba), semanas máis tarde atopeime unha crítica apoloxética obra dunha persoa que ultimamente pasa o tempo facendo críticas apoloxéticas das obras dos demais (para que eses “demais” falen ben do que el publique no futuro ou teña publicado xa, enténdese)
Sexamos serios. Iso non é crítica. Xa sei que non so é cousa a literatura galega, que tamén acontece ( con máis ou menos proliferación) en calquera outro sistema literario. NON SE LLE FAI NINGÚN FAVOR á literatura galega, na que, os historiadores da literatura se atoparán con apoloxías que non corresponden á realidade, que crerán porque teñen ese dereito e sempre é máis bonito falar de cousas boas, e como consecuencia darán unha idea equivocada do que realmente foi a literatura galega.
Sinceramente, estou farto da apoloxía literaria, que non só fan “intrus@s” na crítica, senón tamén crític@s. Parece como se calquera se convertera en crític@ só con dar a súa opinión. E non é así. O crític@ precisa, moitas veces, comprender mesmo mellor que @ propi@ autor/autora, o texto que ten diante. Ter unha cultura lectora detrás ben abondosa e proveitosa. Ser obxectiv@ e escribir sen prexuízos, honestamente. Porque o lectorado o merece e esixe, que é quen gasta os cartos.
Non están os tempos como para tirar balas contra a nosa propia literatura, que sobrevive de milagre, e nas condicións que o fai. Iso hai que telo en conta. Esnaquizar ( que tamén existe esa tribo) unha obra literaria é tan sinxelo como enaltecela sen merecelo, e igual de inxusto.
Dito isto, sigo tamén que, en xeral e a estas alturas, agardaba un meirande nivel de “profesionalidade” na crítica galega. E dígoo sabendo que non por iso me van chamar simpático. Porén é o que creo. E non sería libre nin honesto se non o dixera.
Por certo, non podo rematar sen agradecer á equipa de A Nosa Terra a aposta que fixeron por min, pola crítica literaria libre. Sempre gocei de total liberdade á hora de escribir, e esa liberdade provocou que sufriran presións para defenestrame. E sempre me defenderon, sempre me apoiaron, sempre. Mais tamén, tamén teño que agradecer case outro tanto ás casas editorias que creron nesa miña teima por informar obxectivamente; fixérono, con máis ou menos convicción e se cadra despois de tentar defenestarme para poñer no meu lugar alguén máis “receptivo” aos seus produtos literarios, pero fixérono.
Esnaquizar, gabar… tamén ignorar.