O XÉNERO MANUEL RIVAS
Título: Tras do Ceo
Autor: Manuel Rivas
Editorial: Xerais
Existen algunhas autorias que, se collles unha ou dúas paxinas ao azar de calquera dos seus discursos literarios, sempre terás a certidume que é dela/del e non pode ser de ninguén máis. É un club moi selecto, acceden a el moi poucas autorías porque tamén son moi poucas as que logran unha escrita que se sobrepón por riba de calquera xénero, de calquera tema ou tipo de enredo. Unha desas autorías é a de Manuel Rivas, e o seu último título volve demostralo. A seguir trataremos disto, non sen antes mentar que existe certa opinión (tamén entre a crítica, iso si, dito en voz baixa e non escrito) de que Rivas (ou Ferrín) son moi bos nas distancias curtas…mais pérdense cando se trata de escribir novelas ou romances. Semellante opinión deixa ás claras unha oportunista ignorancia da evolución do xénero novelesco ou romancista tanto no século pasado coma neste.
O primeiro que atopamos en Tras do Ceo é a un Dombodán convertido en narrador. Lembremos que Dombodán é unha personaxe enigmática, que está presente na escrita de Rivas polo menos desde Un millón de vacas (1989), e desde entón adoita aparecer por aquí ou por alá, sempre como personaxe secundaria e do cal podemos agardar calquera tipo de manifestación ou acto, o inesprado é o horizonte de expectativas desta personaxe sempre a sabendas de que o inesperado pode moi ben ser a póla que nos conecta directamente tanto co saber popular como co eruditismo (cando menos aquí, que é a fonte da que máis bebemos, como é natural).
Xa o mesmo nome o di, Dombodán, pura sonoridade. Unha sonoridade aguda. Lene, donda, no seu inicio; e enfática no seu remate. Xa o mesmo nome o dí. Dombodán non é un afortunado achado onomástico. Porque é máis ca iso. Tamén é un topónimo, e así comunícanos coa máis pura tradición galega, desde Pondal a hoxe. Exactamente da mesma maneira en que Tras do Ceo tamén ofrece un suxestivo percorrido pola narrativa de Rivas. Desde o chamado “realismo sucio” até esta novela que se define como de “xénero negro”. Se se pensa ben unha cousa non está tan lonxe da outra.
No paratexto inicial, paco Taibo II define á perfección o que é a novela negra diferenciándoa da detectivesca o policial; a novela negra non ten como finalidade a descuberta dunha/dun culpábel senón a exposición de como é a sociedade na que teñen lugar eses acontecementos. Pois ben, no eido dese realismo sucio resulta do máis lóxico que poidan nacer froitos de novela negra. Ou non?
Mais a característica principal do “estilo Rivas” é esa capacidade para chegar a ser desasosegante e á vez tenra, que inquieta a mente e quece o corazón. Ás veces mesmo parece paradoxal. Parece. Superando calquera tipo de sinestesia, é quen de facer cohabitar termos opostos, que parecen antitéticos mais que nos convidan a pensar se esa antinomia é realmente tan así. Nótese que a propósito dun título narrativo estamos a falar de figuras poéticas. Nesta altura xa todo o mundo sabe que un dos trazos distintivos da escrita de Rivas é marcada influencia poética. Ela é patente de orixinalidade nunha escrita total, que non renuncia a empregar calquera tipo de recurso estilístico, sexa habitual da narrativa, da poesía ou de calquera outro xénero. Porque a escrita de Rivas nace de moitas e diversas lecturas e dun espírito rebelde, inconformista, socialmente preocupado e activo.
Por sinal, e antes de irmos co respectivo ao enredo, queremos salientar o ritmo expositivo, poético mais nunca por iso deixa de ser narrativo. E outra característica que a ninguén lle escapa é o poder simbólico, de personaxes, de situacións de manifestacións etc. Polo que atinxe ao enredo ( Rivas pode escribir do que queira, que sempre será Manuel Rivas) aquí todo parte dunha cazaría, nela participan unha serie de personaxes, que, unha vez finalizada veremos que forman e protagonizan un entramado propio do xénero negro coa trata de mulleres no centro. E aquí non me vai esquecer a lembranza do primeiro Fole, cando os participantes se contan historias uns a outros. Que iso é algo que nunca falta na escrita de Rivas, con maior extensión ou con menor sempre achamos historias pequenas que forman parte do enredo xeral, mais que posúen grande poder atraente.
Desfrútena, non agarden máis.
ASDO.: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación Galega da Crítica)