crítica de VELENO EN FAMILIA (Rocío Leira, Baía Edicións)

Porxmeyre

02/01/2020

CRIMES NA GALIZA PROFUNDA

Título: Veleno en familia

Autora: Rocío Leira

Editorial: Baía Edicións

Cada vez que sae á luz un crime na “Galiza profunda” – é dicir, denominación inventada para refirse á Galiza interior como unha realidade social non comprendida, ignorada- case sempre se bota man dos tópicos. Que se foi “unha mala horada”, que a pode ter calquera e converterse nun auténtico monstro. Ou, precisamente, todo o contrario, que se trata de crimes que responden a razóns que só a historia e a peculiaridade das relacións humanas nas aldeas do interior poden explicar. Na narrativa galega non é que goce de demasiada fortuna, malia exemplos que ben poderiamos iniciar xustamente con A esmorga de Blanco Amor, malia ser unha novela urbana é unha novela da periferia, case rural. Suso de Toro tentouno con Non volvas (2000) mais quizá quen mellor fortuna tivo foi Xavier López Rodríguez en Destrucción (2003).

                     E agora sae á luz esta Veleno en familia de Rocío Leira, finalista no I Pemio de Novela Vilar Ponte, e volve poñerse de actualidade iso dos crimes na Galiza profunda, nunha aldea, o de menos é que nome teña, ou que sexa unha aldea da provincia da Coruña. Iso é o de menos, porque podería ser en calquera outra, porque esas sociedades pechadas, case impenetrábeis para ollos externos, veñen reproducíndose dun lugar noutro con especificidades mais tamén cun substrato común. Neste caso, como non podía ser menos, o punto fulcral está nas relacións de posesión ( as propiedades) e o peculiar tipo de vida que o rural imprime en quen vive nel: estáse máis pendente de traballar os eidos e atender o gando ca de cultivar e atender as relacións interpersoais mesmo dentro da propia familia. Iso e tamén as relacións humanas, que tamén poden chegar a ser de posesión e que, en todo caso, sempre ou case sempre agochan algún tipo de marxinación dalgunha persoa fronte a outr@s que se benefician de todo o contrario.

                     Así acontece nesta Veleno en familia de Rocío Leira. Non queremos develar moito da trama, mais algo teremos que dicir. Por exemplo que se tarta dunha novela de mulleres, tres mulleres son as que nos contan a historia, a trama, cada unha delas desde a sú apropia voz. Non hai narrador/naradora en terceira persoa. É sempre unha narradora en primeira persoa. E aínda que a novela comeza con Dosinda sendo vítima dun misterioso envelenamento con praguicida, e polo tanto aí temos unha explicación do título, convén observar que o verdadeiro veleno non ten porque ser o praguicida e ben pode ser doutro tipo. Como diciamos é unha novela de mulleres porque muulleres son as narradoras da trama, non só narradoras senón tamén as principais protagonistas. Tamén hai protagonistas masculinos. Dous. E teñen a súa importancia na trama: Ramón, marido de Carme e xenro de Dosinda (coa que non se leva nada ben) e Alfonso (mágoa non usar Afonso), fillo de Dosinda tamén e irmán de Carme. Mais dixemos que é novela de mulleres e aínda non nomeamos a terceira, ademais de Dosinda e Carme ( nai e filla) tamén está Rosa Mari (curmá de Carme, pois é filla dunha irmá “descasrrreirada” de Carme, e por Carme é criada).

                     Non cómpre esquecer que aquí tamén están presentes os conflitos xeracionais. Entre Dosinda e Carme non se entenden. E tamén entre Dosinda ( e Carme) con Rosa Mari, que leva unha vida de muller independente, excesivamente licenciosa tanto para Dosinda como para Carme, do mesmo xeito que para Rosa Mari a maneira de pensar e vivir a vida de Dosinda ( e de Carme) é moi anticuada. Nos diferentes discursos das tres mulleres déixase ben claro isto. E neses mesmos discursos está o peor da novela, na lingua, en cultismos que non deberían empregar xentes coma elas (ningunha é estudada, ningunha é culta) e tamén nalgún calco semántico (“puta nai”, por exemplo), á vez que, por outro lado tamén é certo que ás veces a fraseoloxía parece rica e moi ao xeito.

                     Porén, nunha novela coma esta, o principal traballo debe estar na dosificación da información. E aquí cómpre dicir que Rocío Leira faino moi ben. Téñase en conta que a nómina de personaxes non é moi grande, todo o contrario. E aínda así a trama mantén en suspenso ao lector páxina tras páxina. Porque moi habilmente se nos van dando pistas (que poden ser falsas), porque o envelenamento de Dosinda ( ao que non se atopou culpábel) non é mais que o inicio do que será unha auténtica traxedia, e porque o desenlace resulta sorpresivo malia sabermos perfectamente de que é capaz o/a (non o imos develar) culpábel. Nisto si que a autora se amosa especilamente hábil, e por iso a lectura da novela resulta magnética, é desas que te atrapan e non queres pausar.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content