crítica de ULCIS, de Xosé Fernández Ferreiro, en Xerais.

Porxmeyre

09/12/2020

Título: Ulcis

Autor: Xosé Fernánez Ferreiro

Editorial: Xerais

Cando se trata de edicións póstumas, como esta é, adoito ser moi cauteloso. Moitas veces é imposíbel saber se o autor daría consentimento á versión publicada postumamente. Non é este o caso. Fernández Naval, no “A xeito de epílogo”, conta como no 2015, pouco antes de morrer, Fernández Ferreiro consideraba rematado o “proxecto Ulcis” (a denominación é miña), só quedaba por decidir o título. E os textos aquí recollidos por Fernández Naval proveñen de documentos de texto dos anos 2013, 2014 e 2015. Trátase de textos breves ou moi-moi breves (unha páxina ou menos), e que o antólogo dubida en cualificar como contos ou relatos, sendo para el “conto” sinónimo de “relato”. É este un equívoco que quero deixar ben clariño. O conto responde a unha estrutura pechada, a tensión entre incio e remate é única como única é a trama na que se conta o tema, hai poucas personaxes (o espazo condiciona) e o remate é climátco. Pola súa banda o relato responde a unha estrutura aberta, non ten porque ter remate climático, pode haber moitas personaxes, incluír tramas relacionadas e non unha única. A todo isto vén sumarse que se trata na súa maioría de textos de moitísima brevidade (era o que fisicamente podía escribir), mais non son textos hiperbreves, non son hiperbrevidades, Literatura Mínima; non son porque carecen de epifanía. Certamente, ao gardaren remate climático, algo de epifanía conséguese, mais  non nos parece que fora obxectivo para o autor -cando hai epifanía, esta obriga a repensar o texto desde o principio até o final, non é este o caso. De resultas debemos falar de relatos moi-moi breves. Non de contos.

                     O volume componse dun prólogo da autoría de Méndez Ferrín, as “Historias de Ulcis” ( é dicir os textos por Fernández Ferreiro elaborados, a versión que el tiña para publicar), un “Apéndice” (con textos publicados en La Noche, a “Carta a Ulises”, fragmentos do libro publicado por Brais Pinto en 1959 na súa colección de poesía, e o texto “De xente nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde” de 2012) e finaliza o epílogo de Fernández Naval. E aquí debemos ser cautelosos e críticos: os textos do “apéndice” non figuraban no proxecto de Fernández Ferreiro, inclúense aquí por iniciativa de Méndez Ferrín e constitúen un atentado contra a obra do propio Fernández Ferreiro. Efectivamente, son textos de moto interese para a historiografía da literatura galega, porque explican como nace e se manifestou primeiramente Ulcis. Mais son textos en castelán e non consta que Fernández Ferreiro contara con eles para publicar as “Historias de Ulcis”. E o criterio seguido por Méndez Ferrín para incluír eses textos en castelán tampouco se sostén. Afirma Ferrín que daquela era imposíbel escribir en galego e ser publicado e que había que escribir en castelán, e por iso os inclúe. Ben, pois seguindo ese razoamento tamén debemos incluír na literatura galega toda a que se fixo en castelán desde a Lírica Medieval  até o Prerrexurdimento ou máis concretamente o Reurdimento do XIX, ademais dos anos en que o franquismo prohibiu as publicacións en galego. E xa temos unha literatura galega manifestada en dúas linguas, galego e castelán. O argumento de Méndez Ferrín non parece lóxico nin oportuno.

                     Unha mágoa, esta adulteración do proxecto explicitado por Fernández Ferreiro en tre 2103 e 2015.

                     Ulcis, como personaxe nace en 1955, no libro A noite, publicado na colección Brais Pinto de poesía, aínda que foi creado por Fernández Ferreiro en 1953. O certo é que a personaxe de Ulcis vai deixar fascinados a todos os membros de Brais Pinto. Segundo Costa Clavell era unha especie de surrealismo máxico, segundo o propio Fernández Ferreiro, asinando co pseudo Crespón Azul (in “De xente nova a Brais Pinto”), o ulcismo é a confusión, a ruptura con todo, a escuridade total. O inferno que ferve e queima dentro de nós. Pode que tamén a pureza. A insubornabilidade.

                     Nos relatos da “Historias de Ulcis” escritos entre 2013 e 2915, atopamos un Ulcis que é unha personaxe sumamente poliédrica, ou unha personaxe que é unha suma de personaxes e se manifesta en relatos que van desde o máis puro e doente surrealismo, onde tamén hai moito onirismo, a outros relatos que mesmo se poden cualificar de realistas ou “case realistas” e que, en definitiva dan conta do universo interior de Fernández Ferreiro, atormentado, tamén visionario, onde son recoñecíbeis temáticas recorrentes en Fernández Ferreiro, desde a Guerra Civil, á soidade, a soedade, a dolor, a emigración, os afiadores, as localizacións ourensás ou na Ribeira Sacra.

                     Sen dúbida, a personaxe metamórfica de Ulcis pasa a formar parte das personaxes máis senlleiras creadas na narrativa de nós. Co seu fondísimo desacougo (moi poético, por certo), co alucinado surrealismo, sempre con ansias nóntidas, sempre ao pé do abismo, con Iroba, seu irmán e antagonista, con Ertí, cega. En relatos que son coma “soños enlarafuzados” (en expresión ben afortunada de Ferrín) nos que non é doado alcanzar o amor (un tema moi recorrente nestas historias) e mesmo se acode como solución alternativa á zoofilia. Non son relatos nada compracentes e si atormentados, mais sempre quedará lugar para a esperanza malia vivirmos nun mundo onde a violencia parece gobernalo todo.

                     Unha regalía, unha auténtica regalía estas “Historias de Ulcis”, que poñen o ramo a unha obra xa de por si vizosa e de grande altura.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content