a propósito de PEIXES QUE ESVARABAN AO UNÍSONO, de Medos Romero, en Caldeirón

Porxmeyre

11/12/2020

Título: Peixes que esvaraban ao unísono

Autora: Medos Romero

Editorial: Caldeirón

E van catorce, catorce edicións do Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, co lembrado Paco Souto polo medio. E nesas catorce edicións foron premiad@s homes e mulleres e mulleres e homes, por igual. E nesas catorce edicións foron premiadas autorías de prestixio probado na poesía galega. Non vou citar nomes, ou os cito a tod@s ou toda omisión sería imperdoábel por moito que un teña os seus poemarios favoritos. Porque o principal, o fundamental é que este premio contribúe de maneira decisiva  á instalación no noso panorama poético dunha temática como a erótica que ao longo dos séculos tivo abondo cultivo, que na poesía galega está presente desde a mesma Lírica Medieval, que no século pasado sufriu a parálise decretada polo nacionalcatolismo (mais seguiuse creado poesía erótica, só que non se publicaba, difundíase de man en man e entre xente de confianza) que fixo ver este tipo de expresión poética como algo obseceno e anticatólico. Nada máis natural que o erotismo, as relacións co propio corpo ou con outros corpos son algo connatural en todo o mundo animal, incluído o humano. Para a instalación e regularización da temática erótica, o Illas Sisargas, resulta fudamental, aínda que esta temática xa nos 80 do século pasado agroma. De desfacer o mito de que este tipo de poesía é unha poesía de segunda, que ten menos categoría estética, que resulta máis doada de escribir…diso encargáronse as autorías pemiadas, pois é imposíbel atopar un só título que non desminta esa “mala fama”.

                     Hoxe, o noso propósito é escribir sobre Peixes que esvaraban ao unísono, de Medos Romero, o último título galardonado. Concretamente, a propósito deste poemario, non podo deixar de comentar a riqueza de situacións eróticas que autora presenta, pois quen nola transmite é un eu poético polimórfico que permite o acceso á experiencia erótica desde distintos puntos de vista, incluído o masculino. De aí esa riqueza no aspecto temático, correspondida no plano formal cunha variedade de ritmos, figuración, e de feitura nos versos e no estrofado tamén a ter moi en conta.

                        Dito isto, eu propoño unha lectura do poemario de Medos Romero onde se trate de deslindar as difusas fronteiras entre sensualidade, sexo e paixón. Pode facerse isto con calquera outro título. Certamente, mais este de Medos Romero paréceme moi acaído. Son consciente de que as fronteiras entre eses termos suxeridos van ser diferentes segundo quen lea o poemario, o cal non é óbice para tentar establecelas, a fin de contas a lectura, e especialmente a lectura de poesía debe servir tamén para coñecérmonos mellor tanto a nós memos como a quen nos comunica a súa literatura. De feito, a secuencia suxerida (sensualidade, sexo, paixón) nin ten porque manifestarse sempre nesa orde, podendo intercambiar os lugares de aparición á vontade e contando con que aínda habería que sumar un cuarto membro: o desexo, que pode precedelos a todos e que resulta de manifestación obrigada, manifestación obrigada que non ten porque contar sempre cunha realización efectiva noutro corpo, que pode ser silencioso, íntimo e frustrado na correspondencia. O poemario de Medos Romero, no sentido sinalado, resulta dunha riqueza e amplitude moi salientábeis.

                     E hai unha cousa máis que quero engadir: pensaba o nacionalcatolismo, pensaba a moral “recta e de bos costumes” do puritanismo, que este tipo depoesía excitaba “os baixos instintos”. Non vou negar que en determinados momentos e determinados nomes, esta era finalidade inexcusábel. Porén, aténdonos a manifestación erótica na poesía galega, cómpre salientar moi salientado que o primeiro que “desata” esta poesía é a reflexión. Dixen, o primeiro, se cadra debería dicir que a compoñente reflexiva resulta fundamental, tamén ha depender de quen lea. En todo caso, dito queda para desmentir o  puritanismo inmobilista e pacato.

                     Así foi como lin eu este poemario de Medos Romero.

                     Que lles preste!

ASO.: Xosé M. Eyré   

Porxmeyre

3 comentarios en “a propósito de PEIXES QUE ESVARABAN AO UNÍSONO, de Medos Romero, en Caldeirón”
  1. Bo día, Xosé Manuel, acaban de entregarme o libro que recibiu o Premio de Poesía Afundación e quería facercho chegar e xa non sei cal era o teu enderezo. Serías tan amábel de enviarmo de novo? Unha aperta moi agradecida.

    Medos Romero

    1. Perdoa o atraso. Ando que non dou feito. Mirei se te tiña no e-correo ou no messenger, e nada. Así que cha deixo aquí: Rúa Uxío Novoneyre, número 20, 3ºA, Chantada 27500.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content