crítica de SENLLEIRAS (Antía Yañez, Galaxia)

Porxmeyre

05/09/2018

CONTRA O MACHISMO

Título: Senlleiras

Autora: Antía Yañez

Editorial: Galaxia

Se houbo algo que no século XX pagou a pena, se algo merece ser rescatado para a posteridade desde o século pasado, iso é a loita das mulleres na reivindicación dos seus dereitos como seres humanos en igualdade de condicións cos homes. E mira que pasaron cousas no século pasado: houbo dúas guerras mundiais, chegouse á lúa, os medios de transporte sufriron unha evolución imparábel, a medicina transformouse e mellorou o seu nivel de eficacia, as reivindicacións nacionalistas galegas fixéronse oír en Madrid, as infraestruturas melloraron o impensábel, chegou a radio, chegou o cinema, chegou a televisión, mellorou moitísimo a educación universal, os medios de comunición levaron desde o pizarrrín ao computador á hora de escribir e popularizaron diversas plataformas impensábeis ao inicio do século…E moito máis que se podería engadir, como a consolidación das grandes cidades como reclamo de mellora no nivel de vida, etc. Mais nada, nada supera en importancia o proceso de recuperación da voz das mulleres, durante séculos silenciadas, desde sempre e co amparo de institucións tan importantes como as relixiosas. Iniciouse no XIX, e hai precedentes antes, mais é no XX cando as reivindicacións feministas logran transformar a situación social da muller e pasan cousas que de inicio non se cría que sucederan nunca, como o dereito a voto nas eleccións…

Antía Yañez (Burela, 1991) é unha autora nova, coñecida en certames menores polo seu bo facer e que en 2016 publicou unha exitosa novela LIX (O misterio de Portomarín, Galaxia), agora, neste 2018 fíxose co Premio Illa Nova de Narrativa, que renacía no ano pasado premiando A vida sinxela de Marcelo Firmamento (Vanesa Santiago), con esta Senlleiras. E é de salientar que se trate doutra naradora. Porque durante moito tempo a narrativa, sobre todo a narrativa para adultos, era couto onde dominaban nomes masculinos. Afortunadamente autoras como María Xosé Queizán. Anxos Sumai, Iolanda Zúñiga, Inmma López Silva, Enma Pedreira, Vanesa Santiago, María Sández, Begoña Caamaño, Marilar Aleixandre ou María Reimóndez foron popularizando a autoría feminina entre o lectorado galego adulto. Son exemplos, non pretendemos ser exhaustivos. Os suficientes como para saudar a unha nova narradora, Antía Yañez, que vén encher ese oco que cada día é máis pequeno. Afortunadamente. E faino coa contribución dunha novela que se fixa nas mulleres maltratadas desde principios do século XX até a actualidade. Mediante a contiguidade de dúas historias que se tocan no tempo, a de Alana e a de Alda. Alana é unha muller do rural, filla de solteira, que logra facerse cunha educación e mesmo propicia que dean flor as laranxeiras que o xardineiro non daba florecido. Tíñao todo para ser unha muller distinta, senlleira, que triunfara, mais no seu camiño crúzase un home. Pola súa parte Alda é unha influencer que ten éxito no seu traballo, se é que iso se pode chamar actividade laboral, pero no seu camiño crúzase un home.

As súas son dúas historias onde o machismo se fai co control total da vida das dúas mozas. Coas diferenzas que marca o tempo, tanto Alana como Alda se ven subxugadas ao parecer masculino, pois tanto unha como a outra ven interrompido o seu progreso como persoas polas imposicións masculinas, dos seus homes. No caso de Alana mesmo hai maltrato físico, no de Alda non, mais a súa anulación como persoa é total tamén. A autora vai ensarillando ben as dúas historias, alternándoas, deica que conflúen nun discurso reivindicativo que expón os métodos do machismo, a principios do século pasado e hoxe en día, á hora de someter as mulleres, á hora de anulalas como suxeitos sociais individuais. Sen necesitar compoñer un alegato feminista ao caso. Abóndalle con ser realista para lograr un discurso absolutamente críbel que á súa vez pola dureza e oportunidade da denuncia se fai imprescindíbel e necesario no contexto da narrativa galega, por ser unha voz de alarma: moito foi o conseguido, certo, mais aínda así seguimos vivindo nunha sociedade machista que continúa anulando as mulleres como indivíduos sociais. Confesamos que nos foi imposíbel ler esta novela de Antía Yañez sen ter en conta as advertencias contra o maltrato ás mulleres de O inferno de Marta. Como tería sido a vida de Alana e Alda se tiveran lido a novela de Pasqual Alapont e polo tanto estiveran alerta ante as artimañas do machismo á hora de anular á muller? En todo caso esta Senlleiras é un aviso, outro máis, para que a sociedade, mulleres e homes tamén, non deixemos de reivindicar e loitar pola igualdade entre sexos, como é de xustiza.

A autora, que se esmera moito en lograr un discurso xornalístico de principios do século pasado, e o fai con éxito, non se afana tanto á hora de reproducir o discurso oral da actualidade, botando man dun castelanismo (joder) absolutamente prescindíbel, igual que titulitis, o calor, Carmelita, calle… Unha mágoa, porque do resto manéxase ben nos diferentes rexistros, de diferentes épocas, dos que bota man na novela.

Unha novela para non deixar de ler e, sobre todo, ter en conta como aviso do que aínda resta na loita contra o machismo.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

 

 

 

Porxmeyre

Un comentario sobre «crítica de SENLLEIRAS (Antía Yañez, Galaxia)»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content