crítica de QUÉROTE CANTO, de Baldo Ramos e Eva Veiga, en Galaxia.

Porxmeyre

10/07/2020

ESCRIBIR COMO UN SACRIFICIO DE PURIFICACIÓN

Título: Quérote canto

Autora e autor: Eva Veiga e Baldo Ramos

Editorial: Galaxia

É xa un tópico ler/escoitar como deterninadas situacións/actividades poden mudar a vida dunha persoa. Estas situacións/actividades adoitan estar vinculadas ou pertencer ao mundo relixioso. A máis famosa e coñecida é, sen dúbida, o Camiño de Santiago. E tamén se di que a estadía na reclusión dos mosteiros contribúe grandemente á intospección que, despois, pode ou non virar o noso rumbo vital. Foi o que fixeron Baldo Ramos e Eva Veiga (nesta orde aparecen na portada do libro), recluírse durante un tempo no mosteiro de Oseira e, sen compartir experiencias nin nada polo estilo, dedicarse a escribir. Non sei se esa estadía lles mudará/mudou a vida ou non. Mais do que si estou plenamente certo é que de aí saíu un poemario, este Quérote canto, que, alen de ser absolutamente recomendábel para @s amantes da poesía ( e para @s que se inicien tamén) resulta un poemario moi homoxéneo (para estar escrito a catro mans, que pouquiño se nota) e dunha calidade expresiva salientábel, así como dunha fondura temática/introspectiva tamén loábeis.

                     O primeiro que chama a atención é iso, estar escrito a catro mans. No son moitas as ocasións en que isto aconteceu. Por lembrar un caso, hai 20 anos que Marga do Val e Paula Lemos asinaban aquel Entre dunas publicado por Espiral Maior. Velaquí, pois, unha ocasión para celebrar, porque hai que celebrar este convivio letresco, este convivio poético nun poemario que xa dixemos resulta moi homoxéneo, harmónico; se cadra porque, cando se trata de procurar nas cuestións/razóns vitais a diferenza entre sexos fica en nada, neutralizada.

                     O segundo, que quero comentar xa, é a calidae técnica da escrita poética. Trátase de dous nomes con abondo currículo poético como para sorpendernos por iso, certamente, mais non queremos deixar de o recoñecer, porque ultimamente parece coma se a crítica poética só fora un percorrido pola temática, esquecendo que a forma tamén forma parte da poesía. Nisto, cómpre dicir que raramente os poemas son longos ou ocupan máis dunha páxina. O cal vén significar que se trata de textos semanticamente concentrados, o cal non quere dicir que esa concentración temática non sexa á súa vez rica en conceptos tematizados, que mesmo poden parecer contrarios ou parecelo (outro xogo poético). Porque é xustamente ao revés. Por moito que tamén exista unha confluencia temática entre as dúas autorías nesa introspección vital, cando un bota unha ollada ás palabras temáticas de cada poema olla que estas están sempre salientadas (case sempre no remte do verso, no clímax versal, mais non exclusivamente) e que os poemas presentan un clímax que coincide no remate do poema. O cal contribúe a unha expresión eficaz e impactante, alén marca o ritmo expositivo e versal nuns poemas de verso libre, o máis frecuente hoxe en día, moi axustadamente calibrados. Á súa vez, as dúas autorías ou a autoría conxunta, exploran/explora a diemensión espacial do poema con esa finalidade, repercutindo isto nunha diversidade formal que é de agradecer, e tamén nun ritmo lector e expositivo que deste xeito se ve potenciado, aproveitado sorpresivamente. Aí, as sangrías e o estrofado xogan un papel moi importante, decisivo e contínuo ao longo dun poemario que se vai ás 200 páxinas. Do mesmo xeito non se poden esquecer as parénteses confesionais, case sempre no remate, ás veces para indicar dedicatoria, pero sempre cunha finalidade que convida á relectura do que se vén de ler. Formalmente, na miña opinión isto é o máis salientábel.

                     Tenden a ser poemas breves, ás vces abonda un único verso, portadores dun lirimso rico non só en imaxes/símbolos, senón tamén na capacidade interpelativa, na capacidade de introducirse no, en principio alleo e mesmo estraño, mundo de quen le. Non, aquí non hai fogos fatuos senón unha poesía potente na cal a dimensión da palabra é sabiamente atendida, procurada e reflectida mesmo sendo conscientes da súa limitación. Ou precfisamente por iso.

                     Xa no tocante ao contido, non será ningunha orixinalidade se comentamos a escrita como refuxio, como refuxio e estratexia para o autocoñecemento. Porque en poetas, iso non sorprende, certamente. Mais o que si é único é a maneira en que se manifesta, e xa non nos referimos unicamente á forma senón tamén ao contido, un contido fondamente evocador, inesperadamente evocador (ao meu ver) nun poemario de primeiras tan introspectivo a sabendas de como xermolou o libro. Así, que o silencio sexa un tema recorrente no  poemario podería ser agradábel. (Por iso nós recomendamos a lectura deixando á marxe ese dato).Mais si o é cando resulta do proceso de “mirar cara adentro”. Pois nesa introspección propiciada polo enclaustramento nin a escrita, nin a palabra, parecen refuxio seguro e a verdade é unha luz icomprensíbel que cega a voz poética. A sensación de baleiro, a cegueira, a decepción como alimento da esperanza, por exemplo, son espello (tamén outra imaxe presente) dun proceso de autoanálise valente, sen concesións e con escasas ou nulas certezas, fronte ás cicatrices, que sempre están prsesentes e a palabra certifica, e “todo aí fóra desmente”. Neste contexto que condiciona a reflexión poética, as nubes son unha imaxe de liberdade que non é única, pois estará acompañada por exemplo dos paxaros (andoriñas, curuxa, pardal, pega, morcegos; tamén parecen outros animais como cans e grilos) que actúan como símbolos neste lirismo vital onde o único acubillo certo é a nenez, nesta procura de luz enmarcada entre palabras que lembran o lugar físico (cela, ou bóveda, por exemplo, ou columnas ou pedra ou claustro) no que se procura unha luz que guie no páramo de inseguranzas en que converte a propia memoria, ese cuarto baleiro que resulta como achado que repele e atrae á vez. Nestas, descubrir ou sinalar que a escrita poética se volva descritiva, si debe sorprender ou estrañar, poesía descritiva e evocadora ( xa vimos), evocadora mesmo do que non é, o que non é que tampouco é un lugar común senón as diferentes versións da voz poética concebida como ave de paso. E aínda así, ou por iso, velaí a posibilidade do autoengano nese abrir portas incesante que pode resultar unha reescrita porque é lóxico pensar que a voz poética (véxase que escribimos voz poética en singular, porque malia estar escrito a catro mans si hai, logro reseñábel, unha voz poética única  alicerzada no proceso de introspección) que, com xa apuntamos, nin acha respostas seguras, nin estas son as agardadas, mais que tampouco confía no futuro. Apélase ás marxes, como lugar, como estratexia, como posibilidade, nunha aridez pescudadora ou resultante onde a única esperanza (?) certa é a calor do sol, mais onde recoñecerse non deixa de ser unha asfixia. Aquí hai, debe sinalarse, a chuvia ou a apelo ao “ti” como sinais-símbolos fructíferos ou positivos nesa interperie acurralada que se parece tanto ao non-ser  resultado da ausencia dos afectos, e hai tamén a posibilidade da estratexia dun “deixarse levar” onde a tiranía do exterior sempre é unha sombra que obriga a avanzar a contraluz, nunha conciencia de palimpsesto que convida perderse no estraño lugar que se é (ou non). (Cómpre, algunha vez o temos que o facer, indicar que estes poemas trasladan sempre un certo ar de misterio, máis propio da narrativa, que lles senta moi ben.) (Cómpre tamén lembrar ao poeta arxentino Hugo Mújica, tamén relixioso, como unha fonte ou referencia presente no poemario. Nisto si que sorprende a ausencia, por exemplo, dun Cabanillas a quen tanto prestaba o silencio e calma do mosteiro). Volvemos, sempre é un retornar aínda que non sexa ao mesmo lugar, nesta vida tirana, neste fluír incesante e impiedoso sempre cara a un xermolar efémero. Resulta triste este deambular introspectivo? É o de menos. O importante é que é valente e que, aínda sendo o de dúas autorías enclaustradas, tamén é útil como saída ou chegada da propia introspección lectora que o poemario desencadea.

                     Poesía, ese camiño, para perderse e atoparse. Ese camiño ou lugar onde ser, aínda que sexa efemeramente. Ese obsequio compartido.

ASDO.: Xosé M. Eyré                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                              

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content