crítica de A VINGANZA DOS HOMES BOS, de Manuel Esteban

Porxmeyre

08/07/2020

A VINGANZA DOS HOMES BOS OU A NOVELA FLUTUANTE

Título: A vinganza dos homes bos

Autor: Manuel Esteban

Editorial: Xerais

Sempre se dixo que unha novela que comeza ben é moi raro que remate mal. Moi raro. E que o dito resula certo témolo comprobado en multitude de ocasións. Hoxe outra vez máis. Porque cando un le o primeiro capítulo ten a sensación de que “aquí hai un escritor que ten cousas que dicir, que quere dicilas e sabe como facelo”, arrolado pola prosa incisiva, tematicamente rica e, sobre todo, armada nunha redacción que sabe ser complexa cando é preciso mais sempre clara e elegante. Despois mudan as tornas, mais non o suficiente como para falar dunha mala novela. Non, simplemente é unha novela diferente. É certo que se masca un chisco de decepción cando no seguinte capítulo nos asalta a linguaxe típica dun discurso detectivesco (ou negro, xa veremos). E esa mudanza léxica leva aparellado, tamén, unha mudanza no rexistro xenérico e no estilo narrativo. Volveremos afondar nisto, mais agora é tempo de ofrecer unha descrición da novela que dea unha imaxe de como é. Con este propósito diremos que se trata dunha novela estruturada en dúas partes que se entrecruzan; dúas partes, segundo a trama aconteza en Fuerteventura ou en Vigo (porque tamén é unha novela de Vigo), ou, o que é o mesmo, segundo  a trama reflicta os primeiros pasos de Carlos Manso nos corpos e forzas de seguranza…ou ben atenda ao acontecer dun Carlos Manso xa retirado, xa unicamente investigador privado.

                     A primeira parte, “León e o volcán”, parte coa avantaxe de presentarnos unha xeografía e unha sociedade para nós bastante exótica, como é a de Fuerteventura, que lembremos nada transitada pola narrativa galega. E, xa postos ben preto do continente africano, non queda atrás a denuncia do abandono do Sahara polos españois…para beneficiar sobre todo a Marrocos. Aquela espantada covarde que tantas veces se ten comentado, mais que poucas veces asoma a cabeza na nosa narrativa. Alén desa denuncia, como é de agardar, tamén aparece o nacotráfico como unha das poucas fontes económicas dun lugar remoto que non é precisamente moi rico. Mais cómpre dicir que nese narcotráfico (que está moi ben tratado, do que se dosifica a información pertinentemente, coma en todo discurso policial, naquel momento) tamén hai lugar para unha homenaxe aos libros, e cos libros á memoria histórica, porque un pobo sen memoria histórica desaparece, deixa de existir.

                     A segunda parte, “ O Kraken e o mar” céntrase xa en Vigo, e para lela é boa idea repasar as dúas novelas anteriores de Manuel Esteban: A ira dos mansos (con aquela homenaxe a José Saramago) e O meu nome é ninguén. Porque hai personaxes que se manteñen, e alusións que desta maneira fican máis claras. E, se antes podiamos falar, polo menos de inicio, de novela policial, aquí, tamén de inicio, é detectivesca. Mais,  a isto, como xa dixemos, habemos volver máis tarde, agora debemos engadir que o Vigo que aquí aparece é un Vigo sobre todo de túneles, vías de comunicación que o tempo soterrou de baixo da cidade e no esquezo. Aquí, tematicamente reaparecen os abusos a menores (xa houbera na primeira novela) e a corrupción ao máis alto nivel. É precisamente iso, a corrupción, o que se mantén constante entre a primeira e a segunda parte.

                     (Por certo, aclaramos, na novela aparece primeiro o que nós chamamos segunda parte, de despois o que denominamos primeira parte)

                     Iso e o protagonista central, un Carlos Manso que, xa de novo é un cu de mal asento, mais non por iso deixa de ser a imaxe nítida dun antiheroe, que sempre o será, cheo de dúbidas, desconfiado da vida, que parece vir “ de volta de todo” e que parece ser destinado a exercer de testemuña máis ca de protagonista que enfronta un(s) problema(s) e a súa solución. Coas súas especifidades ( é formado en Filosofía ) mais tampouco nada esencialmente novo baixo o sol. Finalmente si resolverá o caso, mais non deixa de haber certo recurso ao Deux ex machina nesa resolución.

                     E, antes de irmos ao miolo do asunto, non podemos deixar de comentar que é unha novela lexicamente rica. Aínda que hai algunhas grallas e algún castelanismo morfolóxico (“ubre” é masculino) compre recoñecer que tanto no vocabulario como na fraseoloxía Manuel Esteban traballa con moito acerto e fica ben lonxe “das novelas escritas con vistas a unha posterior tradución”. Este apartado acostuma ser rico nas novelas negras, á que cada autor fai as súas achegas case sempre en función da tipoloxía de personaxes que usa, e compre dicir que as achegas de Manuel Esteban son pertinentes e están ben logradas, ben traballadas.

                     Imos agora co aspecto central, na nosa opinión, “a narrativa flutuante” que anunciamos no título.

                     De seguro que non faltará quen a encadre dentro da novela negra, está moi de moda meter as novelas detectivescas-policiais neste xénero. E, neste caso, se o fan, aínda hai ben razóns para manter esa opción xenérica. Porén, a cousa é un chisco máis complexa.

                     Durante todo o século pasado, a narrativa detectivesca-policial e a novela negra repartíronse boa parte das predileleccións lectoras. Mais cómpre ser un chsico xustos e recoñecer que a narrativa detectivesca-policial se manifestou un chisco antes ( sen que teñamos que recorre ao XIX como orixe, non só en E. A. Poe) e que a negra tomou ar sobre todo desde  a metade do século. Todo isto ben a conto de que a novela de Manuel Esteban transita ou flutúa desde a novela policial á novela negra constantemente, transmitindo unha boa imaxe das interferencias que durante todo o século pasado se produciron, para alén de autorías clásicas ( Conan Doyle, Agatha Christie, Simenon, tamén boa parte de Highsmith; ou Chandler, Wooldrich ou Spillane na novela negra) e que levou a algúns a asimilalas nun único xénero. Nós, como é ben sabido,  preferimos falar de dous xéneros diferentes. O policial-detectivesco, no que prima a resolución dalgún caso (roubo, asasinato, corrupción, cousas así), por un lado. E o negro por outra banda, onde o que prima é transmisión do mundo marxinal, do mundo da delincuencia etc.  e que se queremos podemos retrotraelo ao mesmo Cervantes nas súas Novelas exemplares. E non só iso. Ademais a novela policial-detectivesca tende a presentar como protagonista un heroe ou unha heroína;  mentres a novela negra tende máis a estar protagonizada por un anti-heroe ou anti-heroína. De xeito que ambos xéneros reproducen a loita entre o mundo racional, o mundo gobernado pola razón, e outro mundo que podemos chamar irracional ou onde a razón se ve sobrepasada e é incapaz de gobernar o mundo.

                     Quen lea esta boa novela (porque, alén de fronteiriza e flutuante, a novela está ben escrita de cordo cos preceptos dos dous xéneros, e presenta unha galería de personaxes ben configuradas) será quen decida se é máis negra ou máis detectivesca, segundo pesen máis a reesolución do caso ou o mundo marxinal en que vive Carlos Manso. De calquera maneira, a decisón non alterará a sensación de sentirnos satisfit@s despois dun lectura que é enriquecedora ademais de cumprir tamén ben no requisito de entreternos, pois a estrutura, coa alternancia das dúas partes, está moi estudada, moi calculada, para que nunca a lectura perda interese. E, se na primeira rendía homenaxe a Sramago a través do título, nesta é a Unamuno, sen esquecer que na segunda os homenaxeados eran Orwell, Sarte e Kierkegard .

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content