crítica de OS LARGOS E LONGOS CAMPOS DE LIÑO AZUL (Isaac Xubín, Galaxia)

Porxmeyre

06/03/2019

O VALOR DA MEMORIA

Título: Os largos e longos campos de liño azul

Autor: Isaac Xubín

Editorial: Galaxia

Se a semana pasada comentabamos nesta Ferradura un poemario que tiña como centro a memoria, esta semana traemos a nova novela de Isacc Xubín, poeta, narrador e tradutor que sempre nos agasalla títulos de moito interese. En xeral, a memoria como tema, está presente na literatura galega desde o mesmo Rexurdimento, con expresións posteriores tan fondas como as de Otero Pedraio, Manuel María, Celso Emilio ou o mesmo Ménndez Ferrín, por citar algúns nomes imprescindíbeis na historia das nosas letras. E nesta nova novela de Isaac Xubín tamén está presente. De feito é un dos valores que se tematizan nesta novela poliédrica, polifónica. Mais non o único, porque ao seu carón tamén se tematizan circunstancias políticas que non se poden pasar por alto, como a traizón, a ortodoxia dentro da necesaria rebeldía contra os invasores, o colaboracionismo cos invasores, o poder político como obxectivo ao que supeditar o resto de obxectivos ou a rebeldía como relixión -quizá tamén cabería dicir a relixión como rebeldía fronte ao poder establecido. Por exemplo. Que a de Isaac Xubín é unha novela moi rica desde o punto de vista temático.

                     A proposta narrativa é, como dixemos, un discurso poliédrico, polifónico. Desde o punto de vista temático xa está máis que explicado, mais para ser xustos cómpre completar esa explicación indicando que na novela se dá cabida a un bo número de personaxes, mais ou menos relacionadas coa liña argumental central, que son os que nos permiten falar de polifonía nunha novela que, por outra parte, está contada botando man dun narrador omnisciente que conduce o lector a través dunha trama complexa da que non se pode esquecer o seu valor político, a súa trascendencia política. De inicio non se agacha certa consistencia distópica, mais sería un erro que esta miraxe condicionase a lectura dun discurso que se constrúe de maneira paralela á nosa historia política. Antes de continuar, nós confesamos que nos foi imposíbel ler esta novela sen termos permanentemente presente a sombra de Bretaña Esmeraldina ou o Retorno a Tagem Ata de Méndez Ferrín. Porque na novela de Isaac Xubín a análise política ficcional como tentativa de espello ou explicación da propia historia recente non se pode minorar.

                     Un recluso nunha institución “sanitaria”, o 500-B, do que non se sabe nada e que el tampouco lembra nada. Un país con ansias de liberación, onde os rebeldes están dirixidos polo “Sanedrín” e posúen unha relixión que os une. O asasinato de DB, que está por esclarecer. Unha familia de mulleres que facbrican armas clandestinamente. Os militares que contan cunha nova base dotada das últimas tecnoloxías…Velaí algúns fíos tramáticos presentes na novela, e que se irán desenvolvendo pouco a pouco. Tense escrito moitas veces de libros que son coma flores que se abren segundo se vai lendo; pois ben, esta novela é todo o contrario, eses fíos tramáticos vanse desenvolvendo de xeito que só co ir avanzando na lectura se establecen as conexións entre eles, a flor vaise pechando segundo se vai lendo.

                    É tamén un discurso no que Isaac Xubín dá cabida a motivos temáticos que son moi da súa estimanza. Tales como o deporte (pelota basca ou rugby) ou a gastronomía, ademais de que o lector poida interpretar certo achegamento á illa de Irlanda sobre todo tendo en conta que o país sometido son illas. Alén de todo isto, o autor xoga co estrañamento (como fixera Ferrín, e tantos outros) ao nomear as personaxes, mais dá entrada tamén a outros que son moi galegos, de xeito que o lector teña ben claro que ao que está lendo, por moi distopía que pareza, pódeselle procurar un correlato dentro da propia historia política de nós. É dicir, esta é unha novela de política ficción, que convida o lector a reflexionar e tirar as súas propias conclusións, porque o autor foxe moi-moito de ofrecernos unha solución final, de achegarse á novela de tese. Todo o contrario, posibelmente o feito de escribir a novela constituíu un proceso de reflexión para entender determinados feitos, e o autor quere que o discurso sexa útil tamén para que o lector teza o seu propio proceso reflexivo. Mentres vai lendo, mais sobre todo cando remata a lectura, cando xa ten unha visión global da trama que nos foi contada na novela. Sobre a liberdade, sobre a memoria e as cousas que nola acenden, sobre a rebeldía, sobre a política e as opcións que achega á procura da liberdade. Eis algúns motivos de reflexión, por exemplo.

                     Certamente, a novela gañaría se fora contada por ese narador omnisciente cun chisco máis de axilidade, na nosa opinión. Mais parece que o autor optou por un discurso no que se impoña o convite reflexivo sobre a axilidade narrativa. Dito con outras palabras, fuxíu de que a axilidade narrativa puidese esvaecer ese proceso reflexivo de que falamos. Literariamente non foi a decisión máis acertada, sempre na nosa opinión, mais é que esta novela tenta ser algo máis que unha novela, tenta ser un texto analítico que procura un lector activo que non se deixe afogar no seo da trama, senón que esta o estimule a pensar ( e pensarse) politicamente.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content