crítica de MEMORIA DO CORPO (Xesús Rábade Paredes, Galaxia)

Porxmeyre

01/03/2019

POESÍA E MEMORIA

Título: Memoria do corpo

Autor: Xesús Rábade Paredes

Editorial: Galaxia

Resulta doado definir @ poeta como quen fai poesía. E tamén resulta doado definir a poesía como unha composición literaria que crea beleza mediante a palabra. Porque é demasiado sinxelo, tamén é en boa parte mentira. @s poetas son seres excepcionais, dotad@s dunha grande sensibilidade para entender as cousas do mundo que nos rodean, e dotad@s dunha grande habilidade para transmitirnos a súa visión da vida mentres crean beleza con palabras. Grazas @ poeta accedemos ao coñecimento de cousas que do contrario nos pasarían inadvertidas, que do contrario serían por nós ignordas. @s poetas son, deste xeito, privilexiadas fontes de información, de formación e admiración. E a poesía, máis que outra demostración de beleza verbal, son uns ollos inagardados e imprevisíbeis que nos permiten ver o que o mundo nos agocha.

                     Porque tan prolixa disquisición inicial? Pois porque hoxe traemos a estas páxinas a un poeta en plenitude, Xesús Rábade Paredes, que no 2018 nos deixou un poemario de memoria e excelencias, este Memoria do corpo do que imos dar conta a continuación. Ben advertidos de que un poeta en plenitude deixa nos seus versos un estro inmarcesíbel, unha semente impagábel froito dunha vida que non deixou de esculcar nas súas interioridades, nos seus gonzos, nas súa pregas e magnificencia.

                     O poemario iníciao un poema duplo ,“Micropoética (lírica e contralírica”, onde primeiro se refire ao paso do tempo, Pasa a vida e recolles a memoria (9)  e como este nos vai deixando pegadas que nada será capaz de destruílas, mais que doen cando de socato regresan a nós, volven petar no sitio onde feriran (9). E o segundo é un alegato contra os efectos indiscretos da lírica, a contralírica do título, que curiosamente eses efectos indiscretos da lírica son combatidos cunha descarnada exposición das interioridades corpóreas, cunha fría disección das entrañas. E vai seguida esta micropoética doutro poema no que a voz poética se pregunta para que escribe, xa un poema longo, como os que van caracterizar Memoria do do corpo, e nese preguntarse vai repasando por que escribiron Rosalía, Dieste ou Manuel Antonio, para concluír que o poeta (comprensíbel ou, maiormente, incomprensibelmente para a maioría da xente) escribe para investigar no caos que leva dentro.

                     Dese caos que leva o poeta dentro nacen a viaxe e o regreso, as dúas partes que compoñen o poemario. Eis unha concepción da vida como viaxe que, non sendo nada novo, tampouco deixa de ser unha acertada metáfora do existir humano. Esa viaxe levaráo polo Mar Báltico ( onde non esquece o exilio, onde se vole preguntar polas  razóns para escribir, chegando á conclusión de o poeta se escribe, que tece mantas con palabras para envolverse), e pola querida Grecia, onde vai repasando a pegada de nomes da cultura grega deica chegar a cando suministraban a ceguda a Sócrates (17), e canda eses nomes veñen despois lugares que nos lembran a Grecia clásica, e a lembranza a Hölderlin, ou a dun Mare Nostrum que xa non é máis que unha foxa de cadáveres. A sedimentación que nos vai deixando a vida explícaa seguindo a teoría das capas superpostas, e nesas capas superpostas, unhas capas superpostas que hai que ter en conta que a memoria pode equivocarse e hai unha lembranza para o Adrián Solovio de Otero Pedraio e a súa peripecia. Que peripecia é a nosa vida, esa vida que Rábade Paredes tenta analizar en versos que se teñen que trascender para poder dar conta de todo o que o poeta quere, esa vida na que importa moito saber de onde vés, ter en conta as orixes, e saber que a vida dun sempre é unha vida política, e nesa vida política, na vida en xeral, hai mala xente e boa xente, recorrendo á metáfora da casa como referencia á súa  afectividade cultural e política. Mais nesta celebración da memoria, a voz poética non se deixa arrastrar pola lingua cara  aoutra época, con lingua moi actual dá conta dos vellos soños, xa materia ardida, e da súa necesidade para non ficarmos sos.

                     No regreso, a segunda parte, continuan os poemas a ser longos, continúa a memoria a ser fértil e vizosa, deixando ben claro que son as viaxes interiores as que importan, que por moita experiencia vital que se teña, a historia das arelas escríbese en futuro e non renuncia aos soños. Nesta sondaxe interior, o poeta remóntase deica os seus ancestros máis antigos e acoden aos seus versos nomes de lugares que teñen un fondo significado para el. E, como non, tamén acoden ao poema a lembranza da infancia e nai, e a certidume de que quen nunca amou / non sente como pesa no corazón a ausencia (44). Porque malia todo, esa indagación interior, esa difícil introspección, resúltalle liberadora e deixa que retornen a súa memoria os primeiros moceos, aquela ilusión, e a fonda pegada da terra nativa/nutritiva. E o sabor das cereixas cando vivir comeza a ser unha aventura, unha sucesión de aventuras, e o voo da laverca trae recordación de persoas de antano, igual que despois lembra a Avilés de Taramancos e Urbano Lugrís e recupera a señardade, un concepto que, coa saudade, levan longo tempo esquecidas do discurso poético. O poemario remata en Valverde, finalmente, esta fértil e dura exposición á lembranza, consciente de que a morte aclara todas as preguntas e cura a quen as fai,

                     Impagábel este lúcido exercicio de memoria, esta interna indagación polos camiños que foron e que nos trouxeron aquí, dun poeta que se mostra en plenitude creativa.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré.

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content