crítica de O TATUADOR DE AUSCHWITZ (Heather Morris, traduce María Alonso Seisdedos, en Xerais)

Porxmeyre

22/01/2020

AMOR EN AUSCHWITZ

Título: O tatuador de Auschwitz

Autora: Heather Morris

Traduce: María Alonso Seisdedos.

Editorial: Xerais

Cando era novo, devecía por calquera texto que puxera ao tanto do que en vardade sucedera nos campos de exterminio nazis. Mais entre que un era mozo e non tiña quen o orientara, que era no Madrid de mediados dos setenta, e que aínda a censura se facía notar -vivín alí desde o 74 até o78- moito, eran poucas oportunidades as que tiña. Peor se a iso engadimos que non son quen de lembrar nin unha soa libraría naquel Madrid. Eu surtíame de lecturas na Feira do Libro que abría entre Atocha  e o Retiro, principalmente ensaio e poesía. Mais todo o relativo aos nazis e os campos de exterminio tiven que lelo en reportaxes, non de diarios – ABC e Ya eran aos que maioritariamente estaban subscritos naquela casa moi maioritariamente facha onde traballaba meu pai e eu podía ler cando os debotaban. Porén todo chega, e agora que xa todo o meu cabelo é branco (daquela comezara xa a ser) vou tan farto de ler as atrocidades que os nazis cometeron nos campos de exterminio que ningún libro me engade nada novo, a non ser a confirmación das atrocidades innúmeras e cada cal máis inhumana que cometeron; e teño un nó no estómago, de raiba e noxo que me condiciona a ler nada novo sobre esa temática ( que algúns teñen a soberana cara de negar, ollo!).

                     Por iso, cando abrazo esta lectura, esta novela de Heather Morris tarducida (como sempre con pericia) por María Alonso Seisdedos, o sentimento interior é duplo: por un lado sei o que pasou nos campos de exterminio por lelo multitude de veces, e máis concretamente neste de Auschwit-Birkenau; e por outro aliméntame a esperanza de que sei que vou ler unha historia de amor. Unha historia de amor no medio da desolación, da humillación constante, do exterminio constante (mental e fisicamente levado a cabo). Unha historia de amor de dous, un home e unha muller, dos poucos que sobreviron en Auschwitz desde o principio deica o remate. Dise que alí morreron máis dun millón de persoas, case todos xudeus, mais tamén doutras etnias. E tamén teño entendido que foron uns 700 os que os rusos liberaron cando se fixeron cargo do sitio, mais hai que ter en conta que moitos (non se sabe cantos) fuxiron de alí en canto os nazis abandonaron o lugar, por iso os que atoparon os rusos eran enfermos ou persoas que non se podían valer para andar.

                     Ben, pois o que lemos aquí e a historia de Lale, xudeu eslovaco, e Gita. Lale era o tatuador de Auswitz-Birkenau ( o campo tivo máis de trinte satélites coa administración centralizada en Auschwitz), e, desde o momento en que tatúa o número correspondente no brazo de Gita sabe que esa vai ser a súa muller de por vida. E, valéndose de que Lale ocupaba un posto de traballo dos de “confianza” ( gozaba de cuarto propio e mellores e máis abundantes racións de comida), coa axuda dun vixiante “amigo” ( co cal podía falar e se facían favores mutuamente), consegue poñerse en contacto con Gita. E alí, na monstruosidade daquelas instalacións que Lale comezou axudando a construír, entre todo aquel horror, entre toda aquela inmundicia moral humana, logran vivir unha historia de amor. Dela non lles vou contar máis nada. Agardo que lles abonde o dito por se se deciden a lela a partir da temática da novela.

                     E con isto quero dicir que o que non van atopar en O tatuador de Auschwitz é unha memoria fiel das atrocidades cometidas polos nazis alí. Por iso, esta novela, publicada no 2018, despois da morte dos dous protagonistas centrais, recibiu críticas que non son de estrañar. O mesmo Lale tiña medo de que o consideraran un colaboracionista cos nazis, e por iso quixo que só se publicase á súa morte. Porque a novela parte diso, do que lle contou Lale a Heather Morris, ao longo de sucesivas entrevistas. Quere reproducir fielmente o que pasou en Auschwitz, mais desde a perspectiva dun preso con privilexios, o que o leva a ter unha vida máis folgada, afastado da crueza da realidade do que realmente sucedía, e que moitas veces só coñecía de oídas ou porque tiña moi claro para que servían determinados edificios ou zonas. E si, o horror do exterminio está presente tamén, non podía deixar de estalo, mais desde a perspectiva sinalada anteriormente.

                     E, tamén, quen queira ler unha historia de amor, ademais unha historia de amor xurdida en circunstancias nada favorábeis a iso, aquí ten unha historia de amor inesquecíbel, acrecentada coas declaracións do fillo, por exemplo, de Lale e Gita e outros contributos dispostos no remate da novela. Alén diso, o que hoxe é a novela foi primeiro un guión cinematográfico (eido no que se movía a autora, da cal esta é a primeira novela) e pasou por diferentes fases deica chegar á novela que hoxe é. Unha novela que axiña acadou éxito internacionalmente, mais que é unha novela primeiriza e tamén se fai notar ( por exemplo, o paso do tempo é algo que podía estra mellor tartado, certamente alí dentro tofos os días eran iguais, e aínda que se dá conta do paso das estacións, todo se supedita á historia de amor, ao cotián desa historia de amor, e cando se dea conta do paso do tempo o lector ou lectora xa tivo que supoñer que iso sucedera, o que non sabe é en que magnitude).

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content