a propósito de BIRIMBAO. POEMAS DE MI PARA TI (1937-1939)

Porxmeyre

24/01/2020

A PROPÓSITO DE BIRIMBAO. POEMAS DE MI PARA TI (1937-1939)

Título: Birimbao. Poemas de mi para ti (1937-1939)

Autor: Celso Emilio Ferreiro

Editorial: Xerais

Cos textos póstumos hai que andar con moito coidado, con moito coidado. A non ser que o propio autor ou a propia autora deixen ben claro indicado que a versión a publicar é a definitiva, e que estaba na súa intención levar a cabo esa publicación…a non ser iso calquera publicación dun texto póstumo deturpa a imaxe que o a autor ou autora quixo deixar para o mundo, a imaxe e a mensaxe, a mensaxe e o corpus literario que o autor e autora ideou/creou/legou en por si. Por iso dicimos que calquera actividade, calquera cousa que signifique editar textos póstumos que o autor ou autora non deixou dito expresamente que quería publicalos…é un acto que incide e deteurpa a imaxe e mensaxe dese autor ou autora. Como sucede aquí.

                     Non cabe dúbida de que atopar textos inéditos sempre é unha ledicia. Outra cousa é que eses textos teñan que ver a luz, por moita que sexa a importancia que ese autor ou autora tivo nas nosas letras. Como sucede aquí. Se a un lle mandan nomear os escritores (ou escritoras) máis importantes do século XX, temos moi claro que en lugar preferente citariamos a Celso Emilio Ferreiro, que  non foi só un poeta socialmente comprometido, combatente contra a “longa noite de pedra” e moi claramente inserido na defensa da cultura galega. Foi iso e moito máis, un poeta moi completo. Inclusive foi el mesmo quen finiquitou a poesía de combate social que lle dera tanta sona con Longa noite de pedra, publicando un libro de temática amorosa, integramente de temática amorosa: Onde o mundo se chama Celanova. Mais non é a intención destas liñas afondar na figura senlleira de Celso Emilio Ferreiro, senón comentar a cerca da edición deste poemario póstumo que sae á luz agora en Xerais.

                     Porén, xa o avanzamos, non  imos dicir moito sobre esta poesía que agora ve a luz. Simplemente que se trata dun poemario de mocidade, escrito en plena Guerra Civil, e en castelán porque en galego era moi perigoso escribir naquel momento e aínda despois. O mesmo Xavier Ferreiro Loredo, autor da edición crítica, da introdución e notas, acha certa inxenuidade primeiriza (20) neste poemario e mesmo o cualifica de “irmán menor” (19). É dicir, que literariamente non achega nada ou case nada á poesía de Celso Emilio. Non faltará, imaxinamos, quen queira ver trazos do posterior Celso Emilio, por exemplo temáticos, porén, o que se di novidade nós non achamos nada parecido. Xa sabiamos que Celso Emilio se iniciou como poeta en castelán, con Al aire de tu vuelo (poesía escrita entre 1938 e 1940), así que este Birimbao tampouco resulta siginificativo por iso. Porén, posteriormente Celso Emilio decantaríase pola lingua galega como vehículo de expresión, moito máis acorde co seu ideario político ( foi membro fundador da UPG).

                     Na nosa opinión, concretamente este Birimbao, non temos dúbida de que Celso Emilio nunca quixo publicalo, dálo á luz. Xavier Ferreiro nunca indica que esa intención estivera nos propósitos do poeta e as causas polas que non puido publicalo. É máis, se se pensa un chisco, Celso Emilio Ferreiro tivo uns 40 anos para pensar se quería publicar ou non ese poemario. E non o fixo, nin temos constancia de que quixera facelo. E se non o fixo, iso quere dicir algo. Quere dicir que non estaba na súa intención. Que máis ben estaba lonxe da súa intención, pois non hai referencia a el posteriormente. Por iso non damos adiviñado a verdadeira razón desta publicación. Non cremos que sexa suficiente con que a meirande parte sexan poemas inéditos ( andan a redor da cincuentena), nin tampouco que o mesmo Celso Emilio, cando escribiu estes poemas, os individualizara mesmo  con portada propia e todo.

                     Xa o dixemos, tivo moito tempo para publicalos se quería. E non o fixo. Iso debe ser motivo suficiente como para non alterar artificialmente agora o seu corpus literario, de maneira contraria (mentres non se demostre o contrario) á súa vontade.             O libro ofrece tamén outros materiais, cartas, fotografías…nada que nos faga mudar de opinión.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content