crítica de O ROSARIO E A BUGUINA, de Xosé Ricardo Losada, en Galaxia.

Porxmeyre

08/03/2022

DOUS MUNDOS EN COLISIÓN

Título: O rosario e a buguina

Autor: Xosé Ricardo Losada

Editorial: Galaxia

Resumindo: o século XIX trouxo os grandes romances, con enredos complexos habitados por moitas personaxes; xa no século XX chegaron os romances de moitas personaxes onde o enredo común o tiña que poñer quen lía, tipo Manhattan transfer ou La Colmena (por citar ao mestre o aprediz, Dos Passos e Cela); o uso de galerías personaxes amplas tamén é usado na narrativa de xénero como estratexia para pospoñer o desenlace. Por resumir e rematar rápido. Porque o insólito son as novelas con moi poucas personaxes, dúas neste caso. E falamos de novelas, non de romances, sabendo que a novela posúe unha trama única e poucas personaxes, ao revés do romance. Con todo, novelas como esta O rosario e a buguina de Xosé Ricardo Losada, gañadora do Torrente Ballester 2020, son, como diciamos insólitas. E quen escribe debe facer gala dun oficio narrativo máis que notábel á hora de manter a tensión, pois a dificultade é moi grande E isto debe ser tido en conta. Non é o mesmo enfrontar un proxecto narrativo convencional, que  outro, como este, absolutamente excepcional porque conta con moi poucas personaxes. E non só iso, hai que engadir que quen le xa ten unha idea moi aproximada de como vai ser o desenlace, o cal constitúe outro reto máis á dificultade antes exposta.

            Explícolles. O enredo de O rosario e a buguina é simple, relata os días previos á morte do poeta Manuel Antonio, concretamente a relación que se establece entre el e a súa nai, ambos tratando de facer comprender á outra ou o outro os seus respectivos universos vitais, que son antagónicos. Dunha banda está a relixiosidade ríxida, intransixente, que guía o modo de vida da nai; e doutra banda contamos co espírito libre de Manuel Antonio, que o único que quere na vida é ser poeta, cousa que non entende para nada a súa nai. E non lles vou contar máis nada do enredo. Abonde con iso. Con eses dous mundos en colisión, ambos tratando de explicarse e ambos, malia seren tan antagónicos, mantendo o amor materno e filial, ou ao revés tamén.

            Para acadar éxito en proxecto semellante, Xosé Ricardo Losada non só tece con mestría esas dúas personalidades contrarias, habilitando o contraste entre as dúas como motor que conduza o discurso. Evidentemente, úsase esa estratexia narrativa, alternando a narración en primeira persoa das dúas personaxes, de xeito que o contraste actúe como imán lector. Porén, como intermediario líquido contrastivo, bota man dos versos de De catro a catro, tamén desde as dúas perspectivas, da da nai que non entende as novidosas composicíóns do fillo, tan diferentes da poesía tradicional, e tamén da perspectiva de Manuel Antonio, tratando de que a nai comprenda, aínda que só sexa un pouco, os seus anovadores versos. E para isto cómpre, por suposto, ser un bo coñecedor xa non só da peripecia vital de Manuel Antonio e a súa relación coa familia, senón tamén coñecer polo miúdo a sentimentalidade expresada en tan senlleiro libro de poemas.

            Hai outras personaxes, certamente, algunha ben importante para Manuel Antonio, como o pai, por sinal. Ou a nai de Rafael Dieste, que lle ensina un mundo cheo de color, fronte á escuridade austera que fai reinar na súa casa a nai de Manuel Antonio. Son personaxes que aparecen nos relatos da nai ou de Manuel Antonio, que son as dúas personaxes sobre as que se arma a novela. Unha novela que, malia coñecermos o remate e ser só dúas personaxes, mantén o interese lector desde o inicio deica o final, resultando nada sinxelo pospoñer a lectura para sesións sucesivas. En circunstancias semellantes a esta cabería falar de gradación na expresión da sentimentalidade das dúas personaxes á hora de se aproximaren. E nesta novela xógase coa esperanza lectora desa aproximación, pois sempre é desexábel unha boa comunicación nai-fillo. Porén non percibimos tal gradación. O que se le son as tentativas de Manuel Antonio para que nai entenda o modo de vida que escolleu, tan diferente do dela. O que se le son conatos de comprensión por parte da nai, frustrados finalmente por unha relixiosidade levada ao extremo. Quedará para quen le establecer até que punto lograron facerse comprender eses dous mundos en colisión, nós non o imos desvelar.

            Todo isto escrito cunha prosa clara e limpa, que foxe de artificios e se centra en lograr unha narración fluída. Sendo só dúas personaxes, esta é unha novela de personaxes, non de narrador. Interesa máis a clareza expositiva que o artificio narrativo, e que gaña é precisamente quen le.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content