crítica de O CEO DAS REIXAS (Eli Ríos, Xerais)

Porxmeyre

16/10/2019

PARA LER DUNHA TIRADA

Título: O ceo das reixas

Autora: Eli Ríos

Editorial: Xerais

Hai quen lle dá moita importancia a que as súas lecturas sexan longas, porque necesitan moito tempo para familiarizarse coas personaxes e a trama. Fan mal. Se iso acontece é que o autor ou autora naufragou no seu proxecto narrativo. Afortunadamente tamén hai moita xente que cando máis goza da lectura é cando esta lle impide pechar o libro, cando, se pode, gustaría de facer a lectura nunha única sesión. Coma nesta ocasión con O ceo das reixas, non lles levará moito máis dunha hora. E non por iso, por ser breve, é unha lectura menor, ou unha obra menor. Moito menos nos tempos que corren, nos cales se premia (ás veces esaxeradamente) o breve, o curto, o doadamente asumíbel.

                     Pois xa lles imos dicindo que esta lectura de Eli Ríos non por ser breve deixa de ser intensa. Todo o contrario, na brevidade adoitamos atopar unha intensidade semántica inagardada; e iso, desde logo, é todo un mérito, todo un logro. Este é un bo exemplo. Nada doaddo de clasificar, O ceo das reixas, segundo os cánones herdados da crítica tradicional (esas 75 páxinas se cadra son pouco para unha novela curta, e moito para un relato longo) confesamos que iso é o que menos nos preocupa, ou que non nos preocupa absolutamente nada. A extensión pode ser un criterio clasificador coma outro calquera, Lauro Zavala deixou unha interesante achega ao respecto, por exemplo. Porén, o que verdadeiramente importa cando de literatura se fala, é que o discurso en cuestión posúa calidade ou non. E neste caso que nos ocupa non hai dúbida ningunha ao respecto. Eli Ríos consegue emocionar e tamén provovar reflexións cun discurso aparentemente sinxelo.

                     Aparentemente sinxelo. Aparentemente. Mesmo, cando estamos na lectura, ese uso do período curto, curto e contundente, pode levar a pensar no recurso doado de quen ten pouca mestría narrando. Mais é unha impresión falsa, logo se decatará o lector ou lectora, cando peche o libro e non poida deixar de pensar no lido. Porque si, existe esa querenza/tendencia, mais non fagocita todo o discurso. E non só iso senón que resulta un recurso potenciador dos silencios, silencios nos que o discurso é rico, silencios tamén poéticos e o epifánico remate confirmará o dito. Mais fagamos un alto para indicar que a trama conta a relación de dúas mulleres no ambiente pechado e afogante dun cárcere. De distintas idades, Noelia e Fina, unha neurocirurxiá e unha anciá acusada de asasinato moi múltiple, establecen unha complicidade que leva a Noelia a aprender de Fina. Había que dicilo, a xente, moitas veces quere saber algo da trama antes de decidirse. Porén non se trata dun drama carcerario ao uso. Éo. É un drama carcerario, mais cheo de implicacións lectoras, de suxestións, de contidos para pensar e repensar.

                     Sendo xustos, a nós, o  primeiro que nos impresionou foi o uso da lingua. Non é moito o espazo, mais Eli Ríos demostra un coñecemento de fraseoloxía e de lingua que é merecente salientar, si, porque tampouco podemos esquecer que hai autores que a súa finalidade primordial é que quen lea non teña que usar o dicionario…Que este tampouco é o caso, non hai complexidades léxicas, mais si esa riqueza fraseolóxica. E dito isto, non podemos esquecer ese xa apuntado pouso poético, que paira por riba do remate, mais tamén está presente detrás dos silencios, mais tamén está presente no discurso de sororidade tecido entre ambas protagonistas, ou nese mantra que salfire as páxinas (Por lei, as laranxas nacen como e onde lles peta). Mais, sobre todo, no simbolismo de que o sangue menstrual feminino é o artífice de ter unhas colleitas de inmmellorábel calidade. Non se pode esquecer ou pasar por alto esta reivindicación do valor da muller como fertilizadora da terra. Quizá fertilizadora non sexa a plabra máis axeitada, cando ao que nos queremos referir é á importancia da muller como traballadora no rural, porque non hai palabra que defina a súa importancia, non, se non chega a ser por elas (tan silenciadas e maltratadas) non se chegaría a onde se chegou, así de claro

                     Unha vez que falamos da dimensión poética do libro, temos que engadir que iso non pexa para nada o suspenso tramático, a lectura non deixa de interesar nunca senón que vai incrementando a atracción lectora segundo se pasan as páxinas. Por certo, xa que antes falamos de simbolismos, non queden sen mentar os máis obvios, ese cárcere no que viven as mulleres en contraposición á liberdade das laranxas, eo o ceo que se lle abre a Noelia despois dos coñecementos que adquire (de Fina) entre as reixas.

Lectura intensa e breve que prestará, e ben.

.

ASDO.: Xosé M Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content