OS CONTOS DE MARÍA DO CARME KRUCKENBERG
Título: O morto asasinado e outros contos
Autora: María do carme Kruckenberg
Editorial: Galaxia
Maía do Carme Kruckenberg (1926-2015) sitúase na “Promoción de Enlace” xunto a outros nomes como Luz Pozo Garza, Antón Tovar, Manuel Cuña Novás e Xosé Neira Vilas. A poeta, xunto con Pura e Dora Vázquez, Luz Pozo e Xoana Torres escenifica o reencontro coa tradición literaria galega en feminino desde Rosalía de Castro. Deixounos unha obra poética que supera a trintena de títulos publicados, para alén de múltiples colaboracións en volumes colectivos, en moitos casos dando resposta literaria a chamadas de compromiso social e político (11). Mais tamén escribiu narrativa, aínda que esta é menos coñecida, que é a que reúne Mercedes Queixas Zas, autora tamén da introdución neste volume.Entre 1998 e 2012 María do Carme Kruckenberj Sanjurjo publicou periodicamente, en edición non venal e co propósito de servir de agasallo a amizades íntimas, unha serie de relatos con extensión e destinatarios diversos (12). 15 en total, impresos en Iniciativas Gutemberg e con tiraxes de cen exemplares asinados pola autora e ilustrados por Eva Lloréns, Mercedes Lence, Gozalo Suárez, Antón Goyanes e a propia autora. Alén disto, en 1999 viu a luz unha recompilación de sete novos breves relatos (…) impresos baixo a responsabilidade da Unión Comarcal de Comisións Obreiras de Vigo e o Concello de Vigo, un volume de agasallo e de conmemoración do Día da Letras Galegas (12). Así pois a escrita en prosa de Maíría do Carme Kruckenberg ten moito de ocasional, de escrita feita a petición, mais non por iso deixa de ser menos interesante a expresión narrrativa dunha das voces poéticas máis celebradas das nosas letras.
Así, pois, trátase de 22 contos breves, “O morto asasinado” é quizá o máis extenso e por iso dá título ao volume, que celebran a beleza da palabra. Situados en espazos de ambientación real, vivencial (12) como son Vigo, Padrón, San Xoán de Piñeiro, Tui, Restinga de Marambaia… A beleza da palabra e unha sensilibilidade a flor de pel, son manifestos sen que por iso haxa que tildar os contos de prosa poética. Temporariamente tenden a levarnos a “outro tempo”, as primeiras décadas so século pasado, e por eles transitan, de cando en vez, trasnos ou sereas, sen que iso queira ducir que aforren a traxedia, como en “O neno afogado” ou no que dá título ao volume. É de salientar a destreza coa que María do Carme Kuckenberg crea ambientes con moi poucas palabras, uns ambientes nos que sempre hai algo de máxico, aínda que só sexa a beleza da palabra., ese instrumento co que crea atmosferas envolventes. Desde o primeiro até o derradeiro conto, o lector pode estar seguro de atoparse unha narradora hábil, que conta case en ton confesional.
Eis, logo, unha oportunidade para gozarmos da voz narrtaiva dunha poeta, unha voz narrativa sorpesiva por ben artellada, que á veces acode ao conto contado, a encerrar unha narración noutra máis longa, como no que dá título ao volume ou no primeiro, “O paxariño de Sevilla”. Parabenizamos pois a inicitiva de Mercedes Queixas e Galaxia á hora de reunir esta prosa dispersa nun único volume que nos permite decatarnos do boa narradora que era María do Carme Kruckenberg, alén de excelsa poeta. Deste xeito queda completa, ou máis completa, a obra dunha autora fundamental na nosa historia literaria. Contos que, vista a súa orixe, ben se pode dicir que son inéditos, pois era prosa para as amizades ou de compromiso, non venal e de circulación restrinxida.
ASDO.: Xosé M. Eyré
[…] Xosé Manuel Eyré publicou esta crítica de O morto asasinado e outros contos, de María do Carme Kruckenberg, no seu blogue, Ferradura en Tránsito II. […]