crítica de NON O SABEN AS ESTRELAS (Diego Alfonsín, Xerais)

Porxmeyre

16/01/2019

UNHA ENGAIOLANTE ESTREA

Título:Non o saben as estrelas

Autor: Diego Alfonsín

Editorial: Xerais

Escollemos para hoxe unhas máis engaiolantes estreas do ano pasado. Trátase da estrea de Diego Alfonsín, na literatura galega, que o autor tudense xa ten experiencia na castelá. Con Non o saben as estrelas, ( o título parte dun poema de María do Cebreiro)Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, outorgado por unanimidade, é dicir: o xurado tivo moi claro que esta era mellor novela curta presentada. E, aínda descoñecendo o resto de presentad@s, non temos ningunha dúbida de que o xurado tivo abondosas razóns para concederlle o premio. En principio trátase dun discurso moi sinxelo, que bota man do período curto no estilo frástico, e que bota man do capítulo curto en canto que á estrutura tramátilla lle confire moita axilidade lectora, o que sempre redunda en textos dos cales resulta difícil abandonar a lectura. Por suposto, aconsellamos a lectura dunha sentada, nunha única sesión como a máis recomendábel.

                     Porén, aconsellamos tamén que a lectura sexa atenta, non só áxil senón tamén atenta, porque detrás dese dinamismo do período curto e o capítulo curto (hainos menos dunha páxina, mais case todos andan a redor da páxina, un pouco máis, un pouco menos) agáchase unha escrita engaiolante preñada de boa literatura, de acertos narrativos. Para comezar, o autor sitúa a personaxe central, o narrador, nun hostel dunha cidade calquera. Cómpre dicir que os hostels son albergues, aloxamentos alternativos e baratos que permiten a interacción co resto dos aloxados alí e naquel momento. O feito de non se tratar dun tipo de aloxamento ben coñecido polo público en xeral ( e sobre todo polos lectores e lectoras) obra que parte do que alí acontece o interpretemos como algo marabilloso, algo máxico, algo fóra do común, como o feito de que o narrador vaia herdando comida doutros alabergados que deciden marchar, por exemplo. É exemplo de algo no que é moi doado caer, polo descoñecemento que temos dos hostels e polo clima tan especial creado polo narrador co tracorrer dos capítulos. Un clima moi especial, moi particular, onde é posíbel agardar que calquera cousa suceda. Polo tipo de lugar no que se acha o narrador e polo tipo de personaxes que se van cruzando no seu camiño.

                     Porque o tipo de personaxes con que o narrador se relaciona no hostel ou albergue, onde ocupa unha habitación con oito camas máis, é variado e curioso. Desde a búlgara que se ocupa da limpeza e é unha máquina limpando, até Castro, fillo dun compatriota do narrador e que lle fala emocionado do país do seu pai, un país que só coñece polos comentarios do seu pai e é o mesmo có do narrador, pasando por Natsuki, unha xaponesa coa que intima malia non falaren unha lingua común mais á cal “ a poética da nosa xestualidade apaixónaa “ (29), ou o home que morre acoitelado por unha sombra. Unha galería de personaxes curiosa, que confirma un ton narrativo, un clima que se pode parecer nalgo ao realismo máxico. Mais nin é tan máxico como se podería agardar, porque neste tipo de albergues, que existen, un pode atoparse xente moi variopinta. E non deixa de ser realismo, pola mesma razón ten máis de realista do que se podería sospeitar de inicio. Porén, o conto, é que esa atmosfera atraente na que nos instala o narrador e personaxe central, xa está creada e funciona moi ben.

                     Hai unha cousa, porén, que racha toda esa atmosfera e ameaza con derrubar o edificio narrativo. Trátase de Natsuki, unha personaxe que dá moito de si, e coa que se relaciona o narrador malia non compartiren unha lingua común. Pois ben, esa mesma personaxe, no capítulo 26, escríbelle ao narrador desde Lisboa, e o que lle escribe constitúe o capítulo. Mais, en que lingua o fai? Atoparon por fin unha lingua común coa que comunicase? Cal é? Estaría ben que o narrador aclarase este asunto, mais non o fai.

                     O segredo, a estratexia narrativa de Diego Alfonsín, vai máis alá de todo isto. O engado co que seduce ao lector, aínda é outro e vai medrando e asentándose segundo a novela vai avanzando. Trátase das cualificacións, e das bimembracións, que soprenden por pouco correntes e que admiran e fan pensar ao lector, fidelizándoo nunha lectura da que sería pecado esquecer a fonda compoñente humana que preña o texto e que envolve a lectura cun ar de proximidade que agudiza a afectividade que o lector experimenta polo mundo narrado e pola atmosfera creada.

                     Cabe agardar traballos moito máis ambiciosos do autor, ao que cremos capaz e experiente dabondo. Sería unha boa noticia, como o é esta primeira novela curta súa en galego.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content