crítica de MATAR O HEROE (Adolfo Caamaño, Galaxia)

Porxmeyre

28/08/2019

A FARSA DA GUERRA, A FARSA DA VIDA E DA MORTE

Título: Matar o heroe

Autor: Adolfo Caamaño

Editorial: Galaxia

A ver como llelo explico. Hai novelas que se definen por un xénero, poden ser novelas negras, poden ser novelas de aventuras, poden ser novelas policiais, poden ser novelas sentimentais…E poden ser boas novelas. Canónicas ou anovadoras, mais poden ser boas novelas e mesmo esixir que o lector sexa un lector competente, activo, e transmitir importantes mensaxes. Mais esta, esta de que imos escribir hoxe, non é desas. Todo o contrario, é das que, se as cinguimos cos máis ou menos flexibeis vimbios dun xénero, estámoslle faltando ao respeto, á novela e ao autor. Porque as grandes, as grandes novelas do único que tratan é da vida, da vida e da morte. Que, en resumidas contas, é do que trata esta Matar o heroe, de Adolfo Caamaño, distiguida co primeiro premio no I Premio Vilar Ponte de Novela, galardón novo que promove o Concello de Viveiro e ao que, a xulgar por esta primeira novela premiada, auguramos un futuro moi prometedor.

                     Tamén se pode dicir que a de Adolfo Caamaño é desas novelas que non admiten taxación xenérica. Nós ímolo deixar como dixemos antes porque non cremos que o autor pretendera de ningún xeito trascender xéneros. Non, quixo escribir unha novela sobre a guerra, sobre a morte a vida. Unha novela na que é moi importante a farsa. Situada conoloxicamente na I Guerra Mundial e anos posteriores, o autor realiza unha clara denuncia da guerra como farsa. A farsa grandilocuente que cada bando empregou para convencer a que máis soldados se alistaran, a facer atractiva a guerra, con esas ladaíñas do  honor, do patriotismo, da valentía e demais verborrea barata, cando, en realidade, para o que os mandos querían os soldados, era para mandalos á morte, para mandalos morrer. Na primeira parte da novela, que presenta un deseño editorial en cinco fases (phase jaune, phase bleu, phase rose, phase noir, phase camaléon) segundo a cor que vai adquirindo a pel do protagonista central (Charles Bonne-Mort), ben, pois na primeira parte desta novela en boa parte epistolar (cartas que Bonne-Mort envía a un seu antigo camarada-amigo-amante, René Saint-Rien) a denuncia non só é moi clara senón tamén contundente, dura e xusta. A estas alturas, en que xa dixemos dous nomes dos protagonistas, non será moita novidade que engadamos o feito de que o autor estea a  xogar case continuamente cos nomes. Pódense engadir o cabo Sablevieux, o doutor Mal-Mêles ou o alcalde Jean Rue-Sanssortie e o seu esbirro Algo. Mais non sempre, pasa por exemplo con Saukái (aínda que o seu pai sexa Tal e Tal) ou con Melquíades. E non resulta inocente, nin o xogo (que é unha proposta para que pensemos até que extremo o nome pode caracterizar unha persoa/personaxe) nin a distinción de que demos conta, e quen lea a novela comprenderao, nós non imos adiantar máis nada.

                     A trama sitúanos  Charles Bonne-Mort na Güiana francesa, nunha vila perdida no Amazonas, Ville-Nom-Inconnu (outro nome máis para o xogo), feito un pingallo de home, totalmente desfigurado, mesmo castrado, a onde vai parar despois de protagonizar un acto heroico polo que foi distinguido. Experiente taxidermista (fai pasar por vivo o que está morto) el será o centro dunha trama de corrupción á fronte da cal están o mesmo alcalde, o médico e o cabo (único xendarme do pobo). E non imos adiantar máis nada. Abonda para que o lector, despois do lido, se deacte de se o seduce a proposta lectora ou non. Porén, o que non imos facer é rematar aquí a a crítica dunha novela tremendamente rica no apartado reflexivo e ben escrita no aspeto formal. Iso si, xa o advertimos, esta non é unha novela para ler con présas, igual que seguramente tampouco foi escrita do día para a mañá.Cando un está diante dunha boa novela, non pode tasar o tempo do seu goze, sería estúpido.

                     As ricas reflexións antibelicistas, as oportunas reflexións sobre a vida e a morte, a contínua atmosfera de farsa que finalmente se materializará, mesmo que o esbirro Algo sexa finalmente portador de máis humanidade da que se lle podería sospeitar. Si, porque o concepto de humanidade paira sobre toda a novela para o lector, o autor vaina repartindo por esta e aquela personaxe, sempre en doses diferentes e conceptos distintos. A este respecto chama a atención que a personaxe máis humana do todas sexa a india Saukai, por non falar do case espantallo de home que é Charles, o disecador. E nesta procura da humanidade, do que realmente é a vida, entra en xogo a aparencia. Desde o inicio, na I Gauerra, onde os mandatarios militares xogaban a un xogo de aparencias, de facer crer que a guerra ía ben, e que o valor dos soldados patrios non tiña parangón. Até o remate, que non imos desvelar, mais si diremos que Hollywood ten moito que ver, Hollywood, a patria das aparencias, porque iso é o cinema, aparencia de vida.

                     E, dito isto temos medo de que quen nos lea pense que se trata dunha novela moi reflexiva mais pouco entretida. Craso erro. Comezando por aclarar que a aventura do coñecemento, que reivindica toda a novela, xa por si é moi salientábel. Mais aquí hai guerra, das mellores páxinas da novela son as que transcorren nas trincheiras, os olores, as sensacións da lama, a indefensión duns soldados impotentes que só son peóns nun xogo alleo, o hálito de vida que acompaña ao can Taxi…realmente parece que o lector está nesas trrincheiras. Non cabe dúbida de que o labor de documentación foi moi salientábel, o que leva consigo que a ambientación estea tamén moi lograda. Sexa nas trincheiras, ou sexa na vila tropical, cuxa fronteira é a omnipresente selva, Nom-Inconnu, ese derradeiro reducto de occidentalismo, porque non esquezamos que esta tamén é unha novela anticolonial. E se antes falamos da importancia das páxinas das trincheiras, non esquezamos que despois da guerra Charles sofre un complot na súa contra, un complot agardábel, por parte dos que esperabamos, xa o vimos, mais que vai ter unha solución divertida e que deixa o lector con moi bo sabor de boca. Complot e corrupción, que van da man.

                     E se antes mentabamos o logradas que están as páxinas da guerra, a ambientación na atmosfera pechada e abafante de Ville-Nom-Inconnu non lle desmerece (por certo, que na novela tamén hai unha chiscadela a Mancondo) nin moito menos. Alén diso, o autor manexa moi ben os trocos narrativos, porque se a priemira persoa das misivas nos aproxima de primeira man a guerra e todo o que rodea ao taxidermista, tamén hai  outras páxinas en terceira persoa nas que o autor demostra moita habilidade permitindo a entrada de voces que actaulizan a trama.

                     Sexamos claros. Existen dous tipos de novela. As que pechas dicindo “pois pasei unhas horas máis mou menos divertidas”, e aqueloutras que non dás pechado porque quedan metidas en ti e, unha vez rematadas, aínda che seguen proporcionando reflexións, lembranzas, impresións. Esta é desas, das que non se esquecen porque, sorpréndanse se queren, deixa en nós unha pregunta clara: acaso isto non é autenticamente grotesco? (Por algo na presentación editorial falan de Jarrry, e de Zola, que está máis que xustificado)

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

5 comentarios en “crítica de MATAR O HEROE (Adolfo Caamaño, Galaxia)”
  1. Pois agradecese moito, primeiro e sobre todo vindo dun enorme lector coma ti, e por suposto pola tua certeira vision da miña novela. Adolfo

  2. Pois agradecese moito, primeiro e sobre todo vindo dun enorme lector coma ti, e por suposto pola tua certeira vision da miña novela. Adolfo

  3. Pois agradecese moito, primeiro e sobre todo vindo dun enorme lector coma ti, e por suposto pola tua certeira vision da miña novela. Adolfo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content