crítica de REMEXIDO DE PATACAS (Eli Ríos, Baía Edicións)

Porxmeyre

23/08/2019

LITERATURA E CONCIENCIA

Título: Remexido de patacas

Autora: Eli Ríos

Editorial: Baía Edicións

A literatura é un elemento perigoso. Hai a quen lle provoca arcadas nada máis oír a palabra literatura. Non crean, pásalle a moita xente e, sobre todo, pásalle decontino a  aqueles que teñen que lexislar sobre a literatura: que ensinar, cando ensinar e como ensinala. Eles, ou elas, sábeno, ler é perigoso porque axuda a crear conciencias libres, conciencias que despois son moi malas de controlar, de dirixir. E esta literatura, literatura coma esta que comentaremos hoxe, é desas que son máis perigosas aínda, porque, se na crítica anterior falabamos dunha novela aventuresca que tamén facía pensar, a de hoxe, unha novela breve ou un conto  longo, este Remexido de patacas co que Eli Ríos resultou vencedora no XL Premio Modesto R. Figueiredo, esta é da literatura que se dirixe directamente ao centro gravitatorio da conciencia de quen a lea. É a súa principal finalidade, remover conciencias, axudar a crear un modelo de pensamento e comportamento máis xusto, máis humano, coas mulleres. O cal é moi importante, porque son a metade da humanidade e porque nos tempos que vivimos estamos afeitos a que outras mulleres de ideoloxía conservadora traten de botar por terra todo o acadado deica agora.

                     É xusto, e nada arriscado, comezar dicindo que esta de Eli Ríos é unha obra que debería ser de lectura obrigada no Ensino. Por iso. Porque cómpre ser xustos, e empregar da mellor maneira as lecturas.

                     Mais, de primeiras, déixenme recomendarlles comezar polo principio, polo prólogo entendido, nada convencional, co seu de icendiario ou rompedor, de Emma Pedreira, aínda que sexa a custo de non mentarmos contidos que ela toca e nós non queremos, porque tampouco podemos, remedar. Iso, antes de nada. Agora é o momento de indicarlles que se trata dun texto de denuncia, dun texto de denuncia deses que se refiren a cousas que escoitamos todos os días no telexornal, ou lemos nos diarios e xa cos titulares abonda (porque sempre é igual), ou escoitamos na radio: a violencia contra as mulleres. A violencia machista contra as mulleres. No fogar, de portas adentro. Non se trata das famosas “manadas”, podería ser mais teremos que agardar outra oportunidade. A protagonista é unha muller como podería ser calquera outra, que recibe violencia por parte da súa parella, un Moncho que era un amor cando se coñeceron, mais xa non é quen de ela lembrar cando a liña se torceu, que foi ou cando comezou a debacle. Como sempre pasa. Mais esta muller reacciona, non imos dicir que é o que fai, só indicaremos que reacciona e conta coa axuda dunha amiga, Pili. Despois, no remate, a autora retorce a historia deica levala a eidos que non sospeitabamos, porque, agás o inicio, este é un discurso que sorprende. Pola dureza, e xusticia, do tema. Tamén por unhas pingas de humor, que non faltan. E tamén por outras pingas de lirismo, que tampouco faltan e para algo a autora é poeta.

                     Ben se pode dicir que o eixo (da novela breve ou conto grande) é unha espiral onde se van sucedendo tres rexistros diferentes. Comeza sendo un discurso realista, ese realismo xordo das mulleres maltratadas. Dicimos xordo porque trascende as paredes da casa en moitas menos ocasións das que se produce. Segue despois outro treito onde o discurso se abeira ao negro, é declaradamente negro. E mesmo podiamos deixalo aí deica o remate, mais non nos parece axeitado, porque no remate pégase un chimpo a un discurso con máis toques de lirismo, sen deixar de ser realista e sen abandonar tampouco os tintes negros, mais eses toques líricos da posíbel loucura da protagonista resultan fundamentais. E sempre, nese eixo alternante, sen nunca deixar de ser un discurso realista de denuncia do maltrato, da violencia machista. Sen deixar de expoñer a situación mental dunha muller maltratada que, e así vén sendo sempre, xa non sabe que facer, que dicir, anulada completamente como persoa. Aquí cómpre facer un alto e salientar ese anulamento como persoa da persoa maltratada, da muller violentada. Non é un tema con demasiado percorrido nin nas nosas letras nin en xeral. Dada a importancia social que ten o tema, felicitámonos porque Eli Ríos o escollese e denuncie. Porque a literatura, cando verdadeiramente é literatura, serve para iso, para crear conciencia denunciando aquelas situacións nas que a humanidade deixa de selo. Do resto…o resto son discursos que se só serven para pasar o tempo e son totalmente prescindíbeis.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content